Galicia supera o máximo diario de casos de coronavirus diagnosticados, con Ferrol como a área con máis incidencia

Corredor do Hospital Clínico de Santiago co biombo que separa a parte COVID da non COVID CC-BY-SA CCOO

A segunda vaga da pandemia vai deixando unha sucesión de récords e cifras máximas de casos detectados en Galicia, aínda que a situación segue sen ser comparable á que existía a finais de marzo e comezos de abril, pois na actualidade realízanse moitas máis probas que nese momento. No último día diagnosticáronse 713 novas infeccións de Covid-19, 696 a través de PCR. O dato supera o máximo anterior (notificado este mércores) e eleva a 641 a media diaria de novos casos na última semana. 

No último día diagnosticáronse 713 novas infeccións de Covid-19, 696 a través de PCR. O dato supera o máximo anterior

Este incremento nas cifras prodúcese polo empeoramento da situación epidemiolóxica nas últimas semanas, pero tamén polo aumento no número de probas realizadas. No último día notificáronse máis de nove mil probas PCR realizadas en Galicia, un número nunca antes acadado. A media diaria na última semana supera as oito mil. Como referencia, a finais de marzo e comezos de abril levábanse a cabo ao redor de dous mil tests diarios, que só superaron os tres mil a partir do 15 de abril. Na actualidade son case tres veces máis.

 No último día notificáronse máis de nove mil probas PCR realizadas en Galicia, un número nunca antes acadado. A media diaria na última semana supera as oito mil

Neste senso, a taxa de positividade (a porcentaxe de probas PCR que teñen un resultado positivo) é un bo indicador da gravidade da situación e da súa evolución. A positividade en Galicia supera o 8% e mantén unha lenta tendencia de ascenso que aínda non se detivo. O dato é moito peor que o que se rexistraba a comezos deste mes (que comezou cunha taxa do 3%) pero está aínda moi lonxe das cifras de finais de marzo e comezos de abril, cando superaba o 15% (iso si, con probas máis dirixidas a persoas das que se tiña unha sospeita certa do seu contaxio). O 8,14% actual é semellante á taxa de positividade que se rexistraba a mediados de abril.

Comunicáronse 13 novos falecementos, que elevan a 902 o número total

No ultimo día notificáronse, ademais, 13 novos falecementos, que elevan a 902 o número total dende o inicio da pandemia. O número de mortes na segunda vaga achégase xa aos 300. A área sanitaria de Ourense é a que acumula un maior número de defuncións (233) e suma cinco máis no último día. Vigo suma tres máis e Ferrol e Santiago dúas en cada caso.

A área sanitaria de Ferrol convértese este venres por vez primeira na área sanitaria cunha maior incidencia acumulada nos últimos 14 días

A área sanitaria de Ferrol convértese este venres por vez primeira na área sanitaria cunha maior incidencia acumulada (IA) nos últimos 14 días, despois de manter nos últimos meses unha situación máis tranquila que outras zonas. A comarca leva dúas semanas empeorando moi rapidamente os seus datos e este venres a súa IA supera os 400 casos por cada 100.000 habitantes (401,44). 

Ferrol supera, así, a IA da área sanitaria de Ourense, que grazas ás restricións aplicadas dende hai semanas está tendo unha grande estabilidade nos seus datos e mantense por debaixo dos catrocentos casos (373,67). A incidencia media no conxunto de Galicia achégase rapidadamente aos 300 casos (276), coa área sanitaria de Santiago lixeiramente por riba e Pontevedra e Vigo un chisco por debaixo desa cifra. Unicamente Lugo e A Coruña presentan unha incidencia máis reducida, pero en ascenso e tamén por riba dos 200 casos.

No último día, dos 696 casos detectados por PCR, a área sanitaria de Vigo foi a que máis sumou (185), pero tamén A Coruña e Santiago superaron os cen. Na área viguesa diagnosticáronse case mil casos (997) na última semana.

Dos 696 casos detectados por PCR, a área sanitaria de Vigo foi a que máis sumou (185), pero tamén A Coruña e Santiago superaron os cen

En canto aos casos activos, a cifra total no conxunto de Galicia ascende a 8.363, 433 máis ca onte. E o número total de 'altas' ou 'curacións' aumenta tamén en 267, ata as 26.537. Vigo é xa a área con máis casos activos (1.758), seguida da área coruñesa (1.432) e a que ten Ourense como centro (1.394).

Na rolda de prensa ofrecida na mañá deste venres polos responsables da Consellaría de Sanidade destacouse o empeoramento da situación nas zonas urbanas, as sete cidades e algúns concellos próximos. En especial, fíxose fincapé na situación da Coruña, Arteixo e Vimianzo; de Ferrol, Narón, Neda e Fene; de Lugo; de Vigo; de Pontevedra e Poio; e de Santiago, Ames e Teo, localidades para as que se endureceron as restricións. 

Ferrol é, con gran diferenza, a área cunha positividade máis elevada, cuxa medida diaria na última semana supera o 14%

Como dicíamos, a taxa de positividade mantense por riba do 8% na súa media diaria durante a última semana. Aínda que este venres descende minimamente, a súa tendencia dende o inicio do mes é de ascenso, dende o 3,39% que se rexistraba o 1 de outubro.

Ferrol é, con gran diferenza, a área cunha positividade máis elevada, cuxa medida diaria na última semana supera o 14%. Vigo é xa a segunda área cunha maior taxa de positividade nos últimos sete días (9,33%), superando á área de Ourense, que está a mellorar os seus datos, pero aínda ten unha taxa do 8,78%.

Este xoves notificouse o maior número de probas PCR realizadas dende o comezo da pandemia, superando por primeira vez as nove mil. A área de Santiago, con case dúas mil PCR no último día, e A Coruña, Ourense e Vigo rodaron as 1.500.

Nas residencias tamén segue a tendencia a aumentar o número de casos activos, que este xoves chegan a 659 (422 entre os usuarios e 237 entre o persoal), fronte aos 606 de onte

Nas residencias tamén segue a tendencia a aumentar o número de casos activos, que este xoves chegan a 659 (422 entre os usuarios e 237 entre o persoal), fronte aos 606 de onte. Nas últimas 24 horas apareceron varias novas infeccións na residencia de maiores San Cibrao (Cervo), na residencia de maiores Nosa Señora dos Milagres (Barbadás), na residencia de maiores Nosa Señora Valvanera (Cambados) e na residencia de atención á discapacidade DomusVi Bóveda.

A Residencia Nosa Señora Milagres (Barbadas) totaliza 133 positivos, a Residencia Os Gozos (O Pereiro de Aguiar) acumula 98 casos e a Residencia de Salvaterra do Miño ten nestes momentos 109 persoas infectadas.

Preocupa especialmente a situación das UCI, que este venres chegan a 69 camas ocupadas con pacientes que deron positivo en Covid-19, 21 máis que hai sete días

Nos hospitais galegos o número de pacientes Covid-19 mantén a mesma tendencia á alza dos últimos días. Aínda que os niveis de ocupación seguen moi por debaixo das porcentaxes que se acadaron na primavera e están tamén moi lonxe dos datos doutras comunidades autónomas, os números medran de forma importante con respecto á semana anterior. Na comparecencia do Conselleiro de Sanidade tamén se alertou do incremento da presión asistencial na Atención Primaria nos últimos días

Preocupa especialmente a situación das UCI, que este venres chegan a 69 camas ocupadas con pacientes que deron positivo en Covid-19, 21 máis que hai sete días. No resto de unidades hospitalarias, o número de pacientes descende este venres un chisco (de 414 a 407), pero a cifra total é moi superior ás 325 de hai unha semana.

A Coruña é a área con máis ingresos hospitalarios totais, pero Ourense segue a ter o maior número de pacientes en UCI, con 19 e un incremento de dous. A Coruña (14) e Santiago (12) son as seguintes áreas con máis ingresos nas unidades de críticos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.