A Xunta reserva 230.000 euros para persoal de "seguimento" da orixe dos contaxios da COVID, que ignora no 65% dos casos

Desinfección nun centro de saúde galego polo coronavirus CC-BY-SA Xunta

Sen cifras oficiais e claras sobre cantas persoas exercen especificamente o labor de rastrexador en Galicia na loita contra a covid-19, a Xunta vén de tirar do fondo de imprevistos dos Orzamentos para destinar máis de 230.000 euros á contratación de persoal para seguir casos de coronavirus e para corrixir unha das súas eivas na loita contra a pandemia: a identificación da orixe dos contaxios. 

A Xunta tira do fondo de imprevistos para destinar máis de 230.000 euros a persoal para o seguimento de contactos

Malia que Feijóo chegou a asegurar que "máis de 6.000 persoas" podían considerarse rastrexadores en Galicia, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, advertiu de que era imposible "dar a cifra exacta" de non ter antes unha definición precisa do que se entende por rastrexador. O número de profesionais que realizan este traballo clave segue sendo unha incógnita malia as preguntas da oposición. A Xunta adoita incluír neste labor calquera profesional sanitario pendente de casos positivos de covid ou dos seus contactos, ben sexa de Atención Primaria ou Medicina Preventiva, e a TVG chegou a dar por fixos, en cifras redondas, os seis milleiros que nin o Sergas contabiliza.  

Detalle das modificacións orzamentarias tramitadas por Sanidade para persoal de seguimento de brotes da COVID CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta segue sen aclarar cantos rastrexadores ten; só se sabe da colaboración de 200 militares e de 120 persoas contratadas por unha firma de telemárketing

A realidade é que, á marxe dos arredor de 200 militares que colaboran desde hai varias semanas, son sobre 120 os profesionais que se dedican especificamente ao rastrexo, a través dunha subcontrata da Xunta, contratados por unha empresa de telemárketing con sede en Bergondo, con precarias condicións laborais e sen formación sanitaria, tal e como denunciaron en Praza.gal dous deles e posteriormente un dos traballadores que exerceu ese labor, pero tamén o de atender no teléfono de información xeral sobre o coronavirus

Agora, a Xunta decide levar a cabo unha transferencia de crédito de máis de 230.000 euros (232.407,29) desde o fondo de imprevistos aos gastos da Consellería de Sanidade para contratar persoal para seguir casos de coronavirus. Esa modificación orzamentaria foi tramitada durante o mes de setembro.

O Goberno galego destina agora 232.000 ao "programa galego de control, seguimento e estudo de brotes pola infección de virus"

Así se aclara na documentación enviada ao Parlamento e á que tivo acceso Praza.gal, onde se especifica que uns 170.000 euros irán destinados á contratación de persoal para o "programa galego de control, seguimento e estudo de brotes pola infección de virus e especialmente do SARS-COV-19" e outros 55.000 "para o aboamento das cotas da seguridade social" destes traballadores "interinos" para este programa "extraordinario".  

Preguntada sobre se a función destes traballadores será, como se deduce, a de rastrexador, desde a Consellería de Sanidade aseguran que non e que a partida vai destinada ao "persoal de reforzo que se precise nas áreas sanitarias". 

O cometido principal deste programa será, segundo aclara o Goberno galego na documentación, o de "obter datos a partir do seguimento e control de brotes da infección polo virus", recollendo indicadores como o "número de cadeas epidemiolóxicas independentes no territorio en estudo (concello, comarca, etc.)" e o "número de casos orfos" nas diferentes áreas seleccionadas. 

Segundo aclara a Xunta na descrición do labor ao que van destinados estes cartos, unha das "novidades" deste programa é "o estudo e determinación dos protocolos para os estudos no suposto dun caso orfo, é dicir, cada caso no que non se consiga encontrar a orixe". Xa que logo, a Consellería de Sanidade busca apañar datos que "serán de grande interese para o control e seguimento, non só da covid-19, senón para ensinar as actuacións a levar a cabo nun futuro, así como identificar os puntos débiles no sistema". 

O programa, segundo a documentación achegada á Cámara, afonda sobre todo nestes casos orfos, aqueles casos confirmados con infección activa "sen orixe de infección coñecida tras un estudo epidemiolóxico do seu contorno para identificar a orixe de infección". 

Porque esa é, precisamente, unha das eivas que agora parece intentar corrixir a Xunta. O Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) e o Centro Nacional de Epidemioloxía, organismos dependentes dos ministerios de Sanidade e Ciencia, elaboran dende xullo informes sobre a expansión da COVID a partir das información que as comunidades autónomas remiten. 

Galicia segue ignorando onde se contaxia o 65% dos casos, o peor dato de todo o Estado

Na última actualización do estudo, Galicia ten uns resultados semellantes ao resto de autonomías no que atinxe ao número de contactos identificados por cada caso confirmado da COVID-19, pero segue tendo os peores no referido a obter información sobre a orixe do contaxio. Nesa primeira variable, o rastrexo cara a adiante, o Sergas identifica entre 1 e 6 contactos por positivo e o máis habitual é obter uns 3.

Pero, como en anteriores edicións destes estudos, o dato galego de casos positivos da COVID-19 "sen contacto coñecido", isto é, sen orixe identificada do contaxio, segue sendo o peor. Agora sitúase no 64,4%, mentres a media estatal cae ata o 38,6%. Malia ser aínda o sistema menos efectivo neste ámbito no conxunto do Estado, chegou a situarse no 77,7%. 

A Xunta, segundo se deduce do obxectivo da nova partida desde o fondo de imprevistos, trata de paliar con máis persoal unha identificación da orixe de contaxios que segue sendo a súa principal eiva na loita contra a pandemia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.