Galicia é a autonomía que máis contactos atopa en cada caso de COVID-19, pero segue ignorando onde se contaxia o 80%

As cifras do rastrexo da COVID-19 seguen sendo dispares entre comunidades autónomas, segundo o ISCIII CC-BY-SA Foto: Goberno de Navarra | Montaxe: Praza Pública

Relativamente ben cara a adiante, pero os peores resultados rastrexando cara a atrás. O Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) e o Centro Nacional de Epidemioloxía, organismos dependentes dos ministerio de Sanidade e Ciencia, elaboran dende o pasado xullo informes sobre a expansión da COVID-19 a partir das información que as comunidades autónomas remiten ao Goberno de España. Tratan as principais magnitudes, como o número de casos, pero tamén aspectos relativos á xestión dos departamentos sanitarios das autonomías, como o rastrexo.

Galicia identifica uns 5 contactos por cada positivos detectado, o mellor resultado do Estado no rastrexo 'cara a adiante', mentres segue co peor no rastrexo 'cara a atrás'

Na última actualización deste traballo, que abrangue dende o inicio do desconfinamento -mediados de maio- e ata finais de setembro, Galicia mellora os seus resultados no que atinxe ao número de contactos identificados por cada caso confirmado da COVID-19, pero segue tendo os peores no referido a obter información sobre a orixe do contaxio. Nesa primeira variable, o rastrexo cara a adiante, o Servizo Galego de Saúde identifica entre 2 e 6 contactos por positivo e o máis habitual é obter uns 5.

Esa media decena de contactos pode semellar unha cifra escasa, pero non o é tanto en comparación co resto de comunidades, que levan a situar o dato estatal nun rango entre 1 e 4 contactos, coa cifra de 3 como a máis habitual. As seguintes autonomías con mellor resultado neste indicador son Andalucía e Cantabria, que identifican uns 4 casos por cada positivo detectado.

O resultado relativamente bo do rastrexo cara a adiante contrasta co mal dato no rastrexo cara a atrás. Como en anteriores edicións destes estudos, o dato galego de casos positivos da COVID-19 "sen contacto coñecido", isto é, sen orixe identificada do contaxio, segue roldando o 80%. Agora sitúase no 77,7%, mentres a media estatal cae ata o 39,3%. O seguinte dato máis elevado tras o galego é o de Catalunya, un chisco por baixo do 54% de positivos sen contacto coñecido. [Eles son os rastrexadores da Xunta: "Un sistema caótico" desde un centro de chamadas de Bergondo]

A maior porcentaxe do Estado de contaxios sen orixe identificada

A primeira vez que o ISCIII indicou que Galicia non tiña identificada a orixe do contaxio en oito de cada dez casos, a mediados de xullo, a Consellería de Sanidade atribuíu aquel dato -xa daquela o máis elevado do Estado- a "un problema na formulación dunha pregunta na enquisa" que se realiza ás persoas contaxiadas. Ese erro estaba a piques de ser corrixido indicaba o departamento sanitario da Xunta. Nas seguintes semanas, o dato galego caeu por baixo do 50%, pero dende mediados de agosto volveuse situar por riba do 70%.

O pasado xullo, o Sergas atribuíu a elevada porcentaxe de casos sen orixe identificada a un "problema" coa enquisa aos pacientes que, subliñaba, estaba a piques de corrixir

Daquela, en xullo, o Sergas indicara que o "problema" coa enquisa a pacientes implicaba que "esa variable", a da orixe identificada do contaxio, "aparecese cuberta cun non en casos de abrochos que si eran contactos de caso". "Mesmo en casos illados -abondaban dende a Consellería- que si son contactos doutro caso, a formulación da pregunta" provocaba este resultado aínda que, en realidade, a orixe si estaba identificaba, indicaban.

Estes malos resultados na identificación da orixe dos contaxios prodúcense mentres o Goberno galego segue evitando informar cantas persoas ten dedicadas especificamente a rastrexar contactos de pacientes que deron positivo pola COVID-19. Como informou Praza.gal, na actualidade unhas 120 persoas que traballan para unha empresa de telemárketing con sede en Bergondo realizan este traballo, se ben o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, indicou recentemente no Parlamento que para ofrecer ese dato cumpriría aclarar a "definición" do posto de "rastrexador". Durante o verán, o propio Feijóo indicara que unhas 6.000 persoas tiñan este cometido dentro do seu traballo no Sergas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.