A finais deste mes de setembro, o novo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou no Parlamento que non podía "dar a cifra exacta" de rastrexadores en Galicia --un número aínda non aclarado pola Xunta-- se antes non se lle daba "unha definición exacta do que se entende por rastrexador". Malia que Feijóo chegou a asegurar que "máis de 6.000 persoas teñen dentro das súas funcións a función de detección e seguimento, tanto en [Atención] Primaria e en preventiva, como no ámbito técnico", a oposición leva semanas intentando aclarar sen éxito cantas persoas se dedican especificamente a este labor. Un traballo fundamental na prevención e control do coronavirus no que o Sergas semella incluír calquera profesional sanitario pendente de persoas positivas ou os seus contactos.
A oposición leva semanas, sen éxito, tentando saber a cifra e as condicións dos profesionais que rastrexan os contactos de positivos por covid
No entanto, e á marxe da colaboración de 180 militares desde esta semana nestes labores, sábese que a Xunta conta desde hai varias semanas cunha central de seguimento nunha nave dunha empresa de telemárketing en Bergondo, tal e como expuxo no Parlamento o deputado socialista Julio Torrado, que reclamou máis datos a Sanidade sobre a súa formación ou contratación. Era pouco o que se sabía.
En realidade, non é tanto así. A maioría dos máis de cen rastrexadores que traballan para o Sergas fano desde a casa, aproximadamente o 90% non ten ningunha titulación médico-sanitaria e o persoal asegura non ter recibido ningún tipo de formación específica para o rastrexo, ademaias de denunciar graves problemas de coordinación.
Uns 120 traballadores dunha empresa de telemárketing exercen de rastrexadores para o Sergas, a maioría desde a casa e sen ningunha formación sanitaria
Pertencen a unha empresa de call center contratada pola Xunta para esta campaña e as súas condicións económicas son idénticas ás doutras que esta firma leva a cabo para o Banco Santander, Abanca ou Bankia. "Pero desta vez afrontando un labor moito máis importante e que ten que ver coa saúde das persoas", conta Mario, un dos traballadores, que denuncia "o caos" dun rastrexo que "falla moito á hora de ordenar corentenas e avisar ou identificar os contactos dun positivo".
"Son moitas as persoas que quedan sen avisar ou que son contactadas tarde e que non levan a cabo confinamento esixido", denuncia en conversa con Praza.gal. Todo en Galicia, que non ten identificada a orixe do contaxio en oito de cada dez novos diagnósticos de coronavirus, o dato máis alto de todas as comunidades autónomas, segundo o Instituto Carlos III, o que supón case corenta puntos máis que a media estatal.
Mario (nome ficticio) é unha das aproximadamente 120 persoas que traballan para a empresa Universal Support, do Grupo Konecta, como rastrexadores para o Sergas. Moitos deles traballaran xa antes atendendo o teléfono de información sobre o coronavirus activado en marzo pola Xunta, praza á que accederan "a través dunha oferta do portal Infojobs" ou directamente desde outras campañas da compañía. Rubén (tamén nome ficticio) corrobora as criticas por falta de formación específica.
Persoal da empresa denuncia o "caos" nun rastrexo "que en moitos casos non existe": "Moitos contactos de positivos quedan sen avisar ou son avisados tarde"
"Todo se reduce a unha charla de dez minutos e unha explicación de como funciona o programa cando empezas", explica desde a sede que a empresa de telemárketing ten en Bergondo. El é un dos poucos que traballa presencialmente, xunto a arredor doutros 30 persoas. "Separadas en diferentes plantas e cuartos e mesturados con persoal que se dedica a outras campañas de venda", aclara. O resto faino desde a casa e todas intentan coordinarse e resolver dúbidas a través dun grupo de whatsapp que, advirte, podería incumprir a Lei de Protección de Datos.
É só unha de tantas críticas. Mario interrompe para sinalar que o rexistro de pacientes realízase "a través dunha folla de Excel", labor á que "se dedican especificamente tres ou catro persoas". "É lamentable que nin tan sequera haxa un programa onde rexistrar directamente todos os casos", engade.
O traballo, en dúas quendas e de 9 a 10 da mañá, é, segundo estes dous testemuños, "caótico e desorganizado". Unha vez que se lles facilita a identidade dos casos positivos, os rastrexadores contactan con eles para ir identificando contactos, cuxos datos son cargados nunha plataforma para logo seren contactados e, no caso de que sexan considerados estreitos e de risco, postos en corentena. Por algunha razón, denuncian ambos, "moitas destas persoas acaban por non aparecer no programa e non son chamados ou son avisados tarde".
"A media de contactos identificados hai dous meses era de dez e agora anda en catro; o sistema é menos efectivo e non está a funcionar"
"Hai moitos casos nos que a metade dos contactos facilitados pola persoa que deu positivo manteñen a corentena e a outra metade, non", di Rubén. "A media de contactos identificados hai dous meses era de dez e agora anda en catro; o sistema é menos efectivo e non está a funcionar", engade Mario, que advirte da elevada carga de traballo das últimas semanas e da falta de coordinación como principais causas deste "erro monumental". "En realidade, o rastrexo en moitos casos non existe", coinciden os dous.
"Teño chamado a xente para empezar a corentena no día no que debería tela rematado... Aí só nos queda ter a sorte de que fose negativo e non contaxiase", insiste Rubén, que explica que os rastrexadores non teñen "ningún tipo de comunicación co Sergas". Si os coordinadores, preto dunha decena, que manteñen contacto con Sanidade e o 061 para recibir instrucións. O problema, segundo denuncian, é que "atendendo centos de incidencias diariamente, moitas delas non son abordadas como deberan".
"Teño chamado a xente para empezar a corentena no día no que debería tela rematado", di un rastrexador que recoñece "improvisación"
"Levamos tempo protestando e pedindo un protocolo claro para seguir porque moitas veces improvisamos ou damos indicacións contraditorias", explica outro rastrexador que advirte da "frustración" de moitos traballadores que non saben que responder ante as dúbidas das persoas contactadas, moitas veces por non estaren familiarizados coa terminoloxía médica. "É moi frustrante querer darlle solución a un caso grave e que ninguén che explique que facer; acabas por pensar: 'Que sexa o que Deus queira", conta Mario, que lamenta ter que asistir a "discusións" sobre as diferenzas de criterios entre os propios coordinadores. "É moi indicativo do que pasa", engade.
Rubén pon un exemplo. O de dous pais positivos preocupados polas súas fillas, con problemas respiratorios e asma, que preguntaban por unha solución para as pequenas. "Non soubemos que dicirlles", conta. Por casos coma este, engade, moita xente marcha. "É frustrante porque, ademais, estamos tratando coa saúde das persoas... É normal", di.
Os rastrexadores da Xunta traballan para unha empresa de telemárketing que aplica o convenio do sector; teñen contrato por obra duns 1.000 euros mensuais
Non compensa, nese caso, por un emprego con contrato de obra e servizo e onde, dependendo das horas extras, dificilmente se superan os 1.000 euros netos mensuais. Os rastrexadores da Xunta réxense polo mesmo convenio que calquera outro teleoperador de telemárketing. "Facemos esta campaña igual que a facemos para unha entidade bancaria porque é o noso traballo, pero non é o mesmo porque aquí está en xogo a saúde", conta unha ex-traballadora. "É evidente que isto debería estar profesionalizado e supervisado directamente polo Sergas", conclúen todos.
Preguntada a Consellería de Sanidade polas condicións, coordinación ou formación destes rastrexadores, este diario agarda aínda pola resposta.