O pasado 11 de maio, no inicio do desconfinamento, a Consellería de Sanidade anunciou a "posta en marcha da plataforma tecnolóxica de seguimento coa que rastrexará e monitorizará os contactos das persoas infectadas por COVID-19", en aplicación dos protocolos estatais que entraban en vigor daquela. Para "identificar e contactar con cada unha das persoas que tiveran contacto cun caso positivo", a Xunta resaltaba que contaba cun "equipo inicial de 20 operadores" e "estimaba" que ía "superar os 50 profesionais" en dúas semanas.
Nesta liña, nos días seguintes Sanidade pediu colaboración cidadá para que o rastrexo fose efectivo. "Todos os posibles casos de Covid-19 recibirán unha chamada telefónica da Central de Seguimento de Contactos", explicaba o Goberno galego, explicando que cumpría responder a calquera chamada procedente de números coa numeración "981 219 ***".
Tras informar en maio de que contaba "cun equipo de 20 operadores" que superaría "os 50 profesionais" en breve, Feijóo indicou que "máis de 6.000 persoas" estaban dedicadas á "detección e seguimento" de casos, contando entre outros a todo o persoal de Atención Primaria
As semanas pasaron e o rastrexo seguiu sendo sinalado como clave na nova fase da pandemia. Tamén polo propio Sergas, que dende o propio maio comezou a achegar ao seu persoal os protocolos -en actualización- para o seguimento de casos. Neste contexto, a Xunta foi cuestionada polo número de persoas dedicadas ao rastrexo de contactos. Primeiro evitou responder -Praza.gal tentou obter resposta, sen éxito- e despois, a través do propio Alberto Núñez Feijóo, asegurou contar con "máis de 6.000 persoas".
Tratábase, dixo tras o Consello da Xunta do 23 de xullo, de "máis de 6.000 persoas que teñen dentro das súas funcións a función de detección e seguimento" de casos de coronavirus, "tanto en [Atención] Primaria como en preventiva, como no ámbito técnico". O actual presidente en funcións sumaba así un amplo número de persoal sanitario -arredor dunha quinta parte do plantel do Sergas-, dende os ambulatorios a outros servizos, con funcións moito máis amplas que a do devandito rastrexo.
As explicacións da Xunta, que tamén advertira de que "a plataforma de rastrexo será flexible e permitirá ampliar os seus recursos materiais e humanos segundo sexa a evolución da pandemia", non convenceron a colectivos sanitarios como a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública. Tampouco á oposición parlamentaria, agora conformada por BNG e PSdeG, grupos que xa instaron o Goberno a aclarar cantas persoas, en realidade, teñen como cometido rastrexar os contactos.
"Parece que nesa listaxe inclúen profesionais de Saúde Pública, de Medicina Preventiva e de Atención Primaria que descoñecen que son os rastrexadores de Feijóo"
"Parece que nesa listaxe inclúen profesionais de Saúde Pública, de Medicina Preventiva e de Atención Primaria", sinala a AGDSP, isto é, "persoal que descoñece que son os rastrexadores de Feijóo" porque "non recibiron ningunha comunicación de como actuar nestes casos". Máis aínda, agregan, en Atención Primaria "esta actividade sería imposible por falta de tempo", xa que "investigar os contactos de cada afectado requiriría de varias horas", o cal "é incompatible con pasar consulta a máis de 40 pacientes ao día".
Recollendo estas críticas, a voceira do BNG en materia sanitaria, Montse Prado, lamentaba que o Goberno galego "oculte un dato fundamental" como é "o número de rastrexadores existentes a día de hoxe, quen está facendo o rastrexo e con que formación, se se leva a cabo dende unha empresa privada ou dende a sanidade pública". "Dende logo -agrega a nacionalista- non damos por válida a cifra de 6.000", porque supón "pretender dar categoría de rastrexador a todo o persoal de Atención Primaria".
Dende o PSdeG o seu voceiro na área sanitaria, o deputado Julio Torrado, reclama igualmente "coñecer cantos rastrexadores ten o Sergas en activo e cantos deles están asignados á área metropolitana da Coruña, a máis afectada agora mesmo polos rebrotes". Do mesmo xeito, o parlamentario socialista pide coñecer "cal foi o método de selección deste persoal e quen dirixe o seu traballo", así como "a súa coordinación coa Atención Primaria, á vista das queixas do persoal dos centros de saúde ao respecto".