Dende o inicio do desconfinamento, o pasado 11 de maio, as autoridades sanitarias outorgan especial relevancia ao rastrexo dos contactos das persoas que dan positivo por coronavirus. Eses rastrexos teñen dous obxectivos: coñecer onde puido acontecer o contaxio da persoa que dá positivo e identificar ás persoas coas que contactase para que garden corentena á espera de saber se foron ou non contaxiadas, evitando así que a COVID-19 continúe a transmitirse.
O Instituto de Salud Carlos III e o Centro Nacional de Epidemioloxía, dependentes dos ministerios de Sanidade e Ciencia, veñen elaborando dende o comezo da pandemia informes sobre o coronavirus, a súa expansión e o perfil de pacientes que o padecen. Os máis recentes abranguen o período comprendido entre o inicio do desconfinamento, o 11 de maio, e o pasado 17 de xullo e incorporan indicadores sobre a efectividade dos rastrexos para todo o Estado e tamén en cada comunidade autónoma.
A porcentaxe galega de positivos na COVID-19 que non teñen identificada a orixe do contaxio era a maior do Estado no informe do día 15, cun 80% que pasou a ser un 42% no informe con datos ata o día 17
No caso galego, a relativa efectividade dos rastrexos cara a adiante, a identificación das persoas potencialmente contaxiadas por cada persoa que dá positivo, contrastaba no informe do pasado día 15 cun moi mal dato dos rastrexos cara a atrás, para saber quen as puido contaxiar. Así, segundo os datos do ISCIII da pasada semana, non fora identificado o contacto coa COVID-19 que supuxera o contaxio no 80,9% de 440 positivos confirmados entre o 11 de maio e o 15 de xullo. Serían, daquela, 355 persoas sen contactos coñecidos, o dato máis alto do Estado.
O Sergas, no entanto, atribuíu esta alta porcentaxe a "un problema na formulación dunha pregunta na enquisa" que se realiza ás persoas contaxiadas e "que se corrixirá", sinalou a Consellería de Sanidade en resposta a Praza.gal. A nova edición do informe do ISCIII, divulgada este 20 de xullo con datos ata o día 17, xa rebaixa este indicador ao 42,4% dun total de 463 diagnósticos. É unha porcentaxe que xa está por baixo da media estatal, agora nun 49,6%. En ambos informes, a comunidade autónoma cunha menor porcentaxe de casos sen contacto coñecido é Euskadi, con apenas un 11%.
Segundo a Consellería de Sanidade, a "aparición desa porcentaxe" do 80% no informe do día 15 debeuse a que a formulación da enquisa do Sergas a persoas que dan positivo implica "problemas" como que "esa variable apareza cuberta cun non en casos de abrochos que si eran contactos de caso". Tamén implica que "mesmo en casos illados que si son contactos doutro caso", a "formulación da pregunta" leve a que "apareza un non" aínda que si estea identificada a orixe do contaxio, indica.
Catro contactos identificados por cada positivo en Galicia
O resultado galego era mellor no que atinxe aos contactos identificados por cada caso positivo no informe do día 15 e ségueo sendo no do día 17. Os datos recompilados polo ISCIII indican que en Galicia o valor mediano de contactos identificados por positivo é de 4 persoas -a mediana, en termos estatísticos, é o valor central dunha serie, evitando as distorsións que provocaría usar valores medios se nalgún positivo fosen identificados moitos máis ou moitos menos contactos do que é habitual na maioría-.
Atendendo aos datos do ISCIII, cabe concluír que nos casos nos que menos contactos son rastrexados, o Sergas atopa cando menos 1 e nos que máis, acha ata 6. Mentres, o valor mediano para o conxunto do Estado é de 4 contactos por persoa contaxiada, con sete nos mellores casos e dous, nos peores. Neste caso, daquela, Galicia si está entre as autonomías con mellores resultados no período comprendido entre o 11 de maio e o pasado 15 de xullo. No informe do día 17 o resultados son os mesmos para Galicia, pero non contén datos de ata 6 autonomías.
Neste indicador é no que fai fincapé o Sergas na súa resposta a Praza.gal. Así, a variable de "contacto de caso" está a indicar se cada positivo "é contacto dun caso coñecido ou non" evidencia a Consellería sobre o devandito 42% de contacto cara a atrás non identificados. Non se refire "aos propios contactos" da persoa que dá positivo "unha vez identificado" como tal, aos rastrexos cara a adiante.
A capacidade de rastrexo de contactos depende de varios factores, dende a situación epidemiolóxica ata o número de persoas dedicadas a rastrexar contactos en cada servizo de saúde. No caso galego, a situación epidemiolóxica tendeu a mellorar neste período ata que a finais de xuño estoupou o brote da Mariña, abrollo que agora segue tendendo a decrecer, cunha mellora da situación xeral.
A Xunta non responde a respecto do número de persoas encargadas de facer os rastrexos, pero afirma que "se pregunta por todos os contactos e séguense todos os identificados"
No que atinxe ao número de persoas encargadas para o rastrexo de casos, a Xunta non ofreceu polo momento detalles ao respecto. Praza.gal preguntou especificamente tamén á Consellería de Sanidade sobre o persoal dedicado a rastrexar contaxios, pero non obtivo resposta. O departamento autonómico si fai fincapé en que "tanto dende a Central de Seguimento, dende as Xefaturas Territoriais como dende Medicina Preventiva" se "pregunta por todos os contactos" ás persoas cuxo contaxio se confirma e "séguense todos os identificados".