O informe do ministerio que autorizou o cambio de fase do 25 de maio sinala que na Coruña non houbo seguimento dos posibles contactos do 5% dos casos malia que o 7,5% dos si controlados acabaron dando positivo
Como xa sucedeu ao pasar á Fase 1 do desconfinamento polo coronavirus, o Ministerio de Sanidade agardou a que todas as comunidades estivesen o pasado luns 8 de xuño en Fase 2 para facer públicos os informes cos que autorizou eses pasos, malia que no caso de Galicia se producira dúas semanas antes, o luns 25 de maio. No documento agora coñecido para Galicia o ministerio constata mellorías ou deixa de reflectir deficiencias a respecto do informe anterior, o que autorizou a Fase 1, pero sinala disparidades entre as provincias galegas no dispositivo sanitario de loita contra o virus.
“En todas as provincias o illamento dos casos realizouse o mesmo día de inicio de síntomas, excepto en Lugo que foi tres días despois, pero no mesmo día da consulta”
O informe reflicte a boa evolución da infección en toda Galicia pero sinala que mentres na Coruña, Pontevedra e Ourense pasaba só un día entre o inicio de síntomas, a consulta e o diagnóstico, na de Lugo transcorrían “4 días entre os síntomas e o diagnóstico e un día entre a consulta e o diagnóstico”. Igualmente, “en todas as provincias o illamento dos casos realizouse o mesmo día no de inicio de síntomas, excepto en Lugo que foi tres días despois, pero no mesmo día da consulta”.
Ademais desa demora no diagnóstico de casos en Lugo, o informe tamén reflicte diferenzas entre provincias no seguimento de posibles contaxios de persoas en contacto con casos positivos de coronavirus. Malia que o informe sinala que “en todas as provincias se identificou aos contactos de todos os casos”, o Sergas só fixo seguimento de todos eles en Lugo e Pontevedra, pero na Coruña non foron seguidos o 5% dos casos e en Ourense o 18%.
Galicia pasou á Fase 2 sendo quen xa de facer probas PCR a todos os casos sospeitosos despois de que entrase na Fase 1 sen facelas a entre o 7% e o 9%
O documento do ministerio reflicte ademais que, malia que no resto das provincias ningún dos contactos baixo seguimento acabou converténdose en caso de coronavirus, na Coruña si “houbo un 7,5% que se converteron en caso”. Nada se sabe da posible conversión ou non en casos de coronavirus dos contactos que quedaron sen seguimento.
Como no informe para o paso á Fase 1, o documento está asinado o 22 de maio pola mesma directora xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación do ministerio, Pilar Aparicio Azcárraga, e nel sinálase que naquela data Galicia xa era quen de facer proba PCR a todos os casos sospeitosos, despois de que na semana previa ao anterior informe, isto é, tres semanas antes a este, entre o 7% e o 9% dos casos sospeitosos quedasen sen PCR. Tamén cifra en 6.500 as probas de PCR que Galicia sería quen de facer cada día (a cifra máxima de probas que se chegaron a facer nun día foi de 4.171 a finais de abril, e nos últimos días apenas veñen superando o milleiro ao día).
Igualmente, se o informe anterior recomendaba garantir que en cinco días o Sergas puidese habilitar as camas necesarias para cumprir coas ratios esixidas polo ministerio na provincia de Pontevedra, neste valídase que poida facelo trasladando pacientes á provincia da Coruña.