A ausencia dunha serie pública do Sergas sobre a evolución do coronavirus en Galicia dificulta a observación da pandemia en Galicia dende o seu comezo. Esta excepción -a maioría das comunidades autónomas si publican os seus datos en aberto- converte a serie do Instituto Carlos III do Ministerio de Sanidade na única pública para Galicia.
Esta base de datos estatal actualízase periodicamente, recolocando cada caso por data estimada de inicio de síntomas en virtude do protocolo vixente dende mediados de maio, cando comezaron as sucesivas fases do desconfinamento. A última actualización foi publicada cun atranco e un avance e nela é posible advertir que, dende a fin do estado de alarma, foron detectados en Galicia case 300 positivos, o 80% deles na provincia de Lugo, que inclúe á Mariña, comarca afectada polo brote que nesta semana semella comezar a remitir.
O Ministerio de Sanidade vén de actualizar a súa serie por inicio de síntomas do coronavirus, a única pública para Galicia, chegando ata o 12 de xullo
O atranco era que, inicialmente, desapareceran desta serie aberta os casos do que denomina "período 1", dende o comezo da pandemia, que na súa última actualización chegaba ata o 5 de xullo cun total de casos acumulados para Galicia superior aos 10.800 positivos. Agora, ata o 12 de xullo recolle case 11.000. O avance, pola contra, é que foron resituados por data de inicio de síntomas todos os casos computados polo Ministerio de Sanidade comunicados individualmente pola Xunta dende o inicio do "período 2", o 11 de maio, en virtude do devandito protocolo. Non obstante, a serie volveu estar dispoñible integramente a primeiras horas deste xoves, día 16.
Esta nova serie reflicte un total de 429 positivos por coronavirus en Galicia dende 11 de maio e ata o pasado 12 de xullo, cando finaliza polo momento a actualización. Dende o 11 de maio e ata o 5 de xullo, cando finalizaba a serie antiga, recolle 315 casos, mentres que a anterior ascendía o número ata 376. Cabe a posibilidade de que os casos que faltan fosen recolocados en datas anteriores, pero non é posible sabelo ata que o ISCIII volva divulgar a súa serie íntegra.
Dende o inicio do desconfinamento, segundo a nova serie, rexistráronse en Galicia algo máis de 400 positivos
No caso dos partes diarios que o Sergas fai públicos, a suma dos casos novos -a Xunta non fai público este dato directamente nin as súas revisións- é moito máis alta, 1.170 ata o 12 de xullo. Unha posible razón para esta disparidade é que a Xunta tamén inclúe nas súas contas os positivos en test de anticorpos, incluíndo os que computa directamente como "curados" sen que nunca fosen considerados "positivos activos" por non ter síntomas. No gráfico sobre estas liñas é posible explorar as tres series: a antiga do Ministerio e mais a nova, así como a construída por Praza.gal a partir das cifras incluídas en cada comunicado do Sergas dende o inicio da pandemia, o pasado marzo.
Evolución por provincias
A devandita actualización atinxe tamén á serie de casos por provincias, detalle que a Xunta tampouco divulga. Esta serie amosa como, dende o inicio do desconfinamento, a pandemia tendeu a remitir no conxunto de Galicia -agás unha pequena repunta contra finais de maio na provincia da Coruña e o pequeno brote do Barbanza, un mes despois- ata que se desencadeou o brote da Mariña. Así o reflicte a liña amarela do gráfico baixo este texto, correspondente coa provincia de Lugo, que dende a fin do estado de alarma e ata o 12 de xullo suma 242 positivos dos 297 rexistrados en toda Galicia.
A serie por provincias amosa como a pandemia tendía a remitir ata que se desencadeou o brote da Mariña
As cifras do ISCIII amosan como no 23 de xuño, data na que o Sergas detectou o primeiro caso do brote, se sitúa o inicio estimado de síntomas para catro casos. Nese punto a tendencia comeza a ser ascendente e rexistra varios picos: 9 casos o 28 de xuño, 18 o día 30, unha trintena de casos o 3 de xullo e ata 33 casos o día 7. Dende esa xornada, a tendencia volveu ser descendente. A pasada semana a maior alteración obsérvase na provincia da Coruña, nun día con 6 positivos.
Como adoito, é preciso observar estes datos con cautela e, en ningún caso, como unha serie que non vaia variar no futuro. Non en van, o propio Instituto Carlos III advirte de que esta é unha serie en continua revisión, con "validación" individualizada de cada positivo comunicado polas comunidades autónomas, neste caso pola Xunta. É por iso que a serie galega pode experimentar variacións e, previsiblemente, así será nos vindeiros días e semanas.
O Ministerio indicou este 15 de xullo sete novos diagnósticos en Galicia nas últimas vinte e catro horas; nunha coincidencia pouco habitual, é o mesmo número de casos novos que é posible tirar dos datos do Sergas
Esta actualización chegaba nunha xornada, a deste 15 de xullo, na que o Ministerio de Sanidade indica a existencia de sete novos diagnósticos en Galicia nas anteriores vinte e catro horas. Nunha coincidencia que non adoita producirse, este é exactamente o mesmo número de casos novos que aparecen no parte diario do Sergas en relación co día anterior.
O informe do Ministerio indica tamén que os casos diagnosticados en Galicia na última semana foron 77, o que implica unha tendencia á baixa xa que no día previo este indicador estaba en 119. No que atinxe ás últimas dúas semanas, os diagnósticos galegos serían 237 (eran 243 na xornada anterior).
A coincidencia entre ambas series é tamén o número de persoas falecidas, que non varía dende hai algo máis dun mes. Seguen sendo 619 e, atendendo a ambas fontes, non se producen mortes ligadas á pandemia en Galicia dende o pasado 11 de xuño.