O brote de coronavirus da Mariña tende a frear, segundo os datos divulgados polo Servizo Galego de Saúde. O abrollo da covid-19 detectado o pasado 23 de xuño e no que chegaron a detectarse ata 36 casos nunha soa xornada -o pasado 9 de xullo- non rexistra por primeira vez casos novos nun día, segundo a Consellería de Sanidade. O total acumulado de persoas afectadas polo brote continuaría deste xeito sendo de 218 e delas, 55 están xa de alta, segundo a Xunta, que sumou 21 "curacións" por dar negativo nas últimas vinte e catro horas.
O total acumulado de persoas afectadas polo brote continuaría sendo 218, con 55 de alta
Esta ausencia de casos novos sumada coas devanditas altas deixa na Mariña o total de casos "activos", o dato que a Xunta emprega como referencia dende o comezo da pandemia -o Goberno galego non informa do número de casos novos por áreas sanitarias nin no conxunto de Galicia- en 163. Ata agora, o máximo de "activos" no brote foi de 186, rexistrado o pasado sábado, día 11. O Sergas non aclara cantas persoas continúan illadas nas súas casas por teren contacto con persoas que deron positivo e tampouco cantas probas PCR leva feitas por mor do brote da Mariña -no conxunto de Galicia foron 2.016 nas últimas vinte e catro horas, indica-.
Dos datos da Xunta cabe deducir que no resto da provincia de Lugo os "positivos activos" aumentan, con catro máis que o día previo
Combinando estes datos cos ofrecidos pouco antes pola propia Xunta para toda Galicia e por áreas sanitarias, cabe deducir que no resto da área sanitaria de Lugo os devanditos "positivos activos" teñen unha tendencia contraria á da Mariña e experimentan un incremento. Dado que o Sergas indica que esa cifra é agora de 183 na área lucense, que abrangue toda a provincia, isto supón que nos concellos de fóra da Mariña hai un total de 20 activos por coronavirus, catro máis que o día anterior.
Dado que a Xunta non informa do número de casos novos, non é posible afirmar con seguridade que ese incremento de "positivos activos" supoña que hai unicamente catro casos novos na provincia de Lugo, fóra da Mariña. A razón é que en toda Galicia a redución de "activos" é de 19 -dezasete menos en Lugo, un menos en Santiago e outro menos na Coruña-, pero ao mesmo tempo as "curacións" indicadas polo Sergas para o conxunto do país aumentan en 22.
Os novos casos rexistrados polo Sergas en toda Galicia serían 5, pero non é posible saber con exactitude de onde proceden
Isto implica que o cómputo global do Sergas suma 5 casos novos de coronavirus en toda Galicia. Dous deles poden ser das áreas nas que aumentan os "positivos activos" (un máis en Pontevedra e outro, na de Vigo), pero non é posible situar os outros tres nin saber se se trata de positivos en test de anticorpos que pasan a ser computados directamente como "curados", sen antes computaren como "positivos activos". Esa foi a situación de máis de dúas mil persoas dende o inicio da pandemia.
Estas son as principais cifras dunha xornada na que o número de persoas hospitalizadas con test positivo de coronavirus en Galicia continúa sendo de 7, unha delas na UCI. Dúas delas están relacionadas co brote da Mariña, segundo o Sergas. Mentres, 245 permanecen en illamento domiciliario; son 17 menos que un día antes.
Alén da información dos partes do Sergas, que non divulga a súa serie histórica sobre a evolución da pandemia en Galicia, o número de casos novos diarios rexistrados durante a pasada semana poderá ser coñecido a travésd o Ministerio de Sanidade cando, nos vindeiros días, actualice a súa serie por data estimada de inicio de síntomas, que si é pública. Nese momento será posible coñecer con maior precisión, ademais, a evolución real do brote da Mariña, que a Xunta notifica ao Estado pero non fai pública.