As críticas á xestión do Sergas do brote de coronavirus na Mariña non cesa. Persoal sanitario --médico e enfermeiro do Hospital da Costa e dos PAC da comarca-- criticaron este xoves con dureza a actuación da Xunta e advertiron de que o número de casos de covid son máis dos que comunica a Consellería nos seus partes diarios. Tamén o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, lamentou as "dúbidas" que xera "a cifra de positivos e persoas en seguimento" porque, segundo di, os alcaldes da zona alertan de que os datos que lles facilita Sanidade "non coinciden cos que eles mesmos recaban entre os veciños e nos centros de atención sanitaria".
Persoal sanitario da Mariña e alcaldes coinciden en alertar de que as cifras de contaxiados que dá o Sergas non coinciden coas que eles manexan
O Sergas négao, asegura que os datos facilitados son "os reais" e lamenta que se usen estas polémicas como "arma electoral". Pero o persoal sanitario insiste e asegura que os datos dos que dispoñen no sistema Ianus de pacientes positivos "non encaixan cos que fornece o Sergas, dando a sensación de non fiabilidade das cifras". De feito, e en contra do que mantén a Xunta, os profesionais aseguran que as cifras das que dispoñen "fan pensar que a incidencia pode encaixar mais cunha transmisión comunitaria".
"Non se pode descartar transmisión comunitaria, polo que non entendemos a teima do presidente da Xunta en insistir en que só é un abrocho controlado e en relación cun par de bares do porto", denuncian os sanitarios, coincidindo con críticas comúns entre a veciñanza da Mariña, que se pregunta por que o confinamento para a comarca se limitou a cinco días fronte aos 14 habituais.
Profesionais sanitarias e Agamfec, sociedade que agrupa médicos de familia, critican que o confinamento só dure cinco días: "Atende a causas non sanitarias"
Tamén os profesionais se fan a pregunta. Critican que, "por primeira vez no mundo", unha administración decidise ese período de tempo "para reavaliar unha actuación", xusto cadrando antes do fin de semana electoral. "Pór cinco días parécenos pouco acordo coa protección da saúde e cremos que atenden a causas non sanitarias", engaden.
Do mesmo xeito se expresa Agamfec, Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, sociedade científica que agrupa máis de mil médicos de familia en Galicia. Nun comunicado, cualifican de "curiosa" a medida de confinamento aplicada na Mariña e denuncian a súa "sospeitosa duración, que semella obedecer a cálculos non sanitarios". Así, advirten que o persoal da Atención Primaria seguirá aplicando os protocolos clínicos de ilamento aos contaxios e aos seus contactos, "sen ter en conta outras consideracións ou criterios que se afasten da evidencia científica".
"Cinco días parécennos poucos acorde coa protección da saúde e consideramos que atenden a causas non sanitarias", engade Agamfec. O Sergas, pola contra, di que na Mariña "están adoptadas todas as medidas sanitarias necesarias para conter o brote".
Pero persoal sanitario da comarca non está de acordo. Na rolda de prensa que deron o pasado xoves denunciaron "a ausencia de información fidedigna por parte do Sergas", así como a "falta de medidas contundentes ante o aumento dos casos , minimizando os números, maquillando as cifras e actuando tarde e mal".
"Hai unha falta de medidas contundentes ante o aumento dos casos, minimizando os números, maquillando as cifras e actuando tarde e mal"
Estes profesionais aseguran que persoas illadas e que deron positivo teñen "escaso seguimento" e pasan "varios días ou todo o confinamento sen recibir unha chamada dos centors de seguimentos de contactos" que, advirten, son xestionados por empresas no que consideran "unha nova privatización da Xunta". O Sergas di que esas persoas "son seguidas diariamente polos seus médicos de Atención Primaria e mediante teleasistencia desde o hospital".
O persoal que ergueu a súa voz, máis do que saíu publicamente segundo puido saber Praza.gal, carga tamén contra o mantemento dos comicios na Mariña. "É moi preocupante continuar coa folla de ruta das eleccións", din, e máis con "argumentos certamente esperpénticos como que xa está controlado o brote por unha suposta baixada de casos en 24 horas".
"É moi preocupante continuar coa folla de ruta das eleccións", advirte persoal do Sergas, que critica que a Xunta "convide a incumprir o confinamento"
"Debe avaliarse adecuadamente o mantemento do proceso electoral convocado, que excederá con moito os dez individuos que actualmente se consideran de límite de seguridade", di o persoal, que lembra que ademais das aglomeracións, a cita do domingo "pode contar sen a participación dun número elevadísimo dos contactos confinados". Ademais, lamenta "a invitación do goberno da Xunta aos contactos confinados a incumprir o confinamento, agravando o risco de descontrol".
Xa que logo, estes profesionais advirten dunha situación moito máis perigosa do que parece, con "sanitarios contaxiándose novamente e causabando baixa", sen cobertura das ausencias de persoal no verán, "sen plan de previsión de volta atrás en caso dun brote como o actual" e sen reforzamento dos efectivos. "A banalización do brote é unha nova irresponsabilidade que xera incerteza e medo nos usuarios", rematan.