A pasada semana, o Ministerio de Sanidade publicou, a través do Instituto de Salud Carlos III, unha nova serie completa da evolución da pandemia do coronavirus para o conxunto do Estado. A principal novidade desta publicación consistía na recolocación dos casos por data estimada de inicio de síntomas e non por día de notificación dende as comunidades autónomas. No caso de Galicia, esta serie ten especial relevancia por non existir outra pública e aberta, xa que a Xunta non contempla divulgar a súa.
O Ministerio xa advertira que ía continuar revisando os datos e que, con toda probabilidade, os casos de xaneiro desaparecerían. O primeiro caso galego ten agora data de inicio de síntomas no 2 de febreiro e o incremento exponencial segue comezando na segunda semana de marzo
Naquela publicación, o ISCIII situaba o inicio de síntomas do primeiro caso rexistrado en Galicia a mediados de xaneiro, pero facíao cunha advertencia: a serie seguía en revisión e, con toda probabilidade, os casos situados en xaneiro experimentarían modificacións e mesmo desaparecerían: "todos os resultados son provisionais e deben interpretarse con precaución", reiterou nunha nota oficial. Este mércores, 17 de xuño, o mesmo instituto público fixo pública unha nova revisión da serie incorporando unha semana máis -ata o 14 de xuño- e recolocando datas estimadas de inicio de síntomas.
No caso galego, a principal mudanza é que os síntomas do primeiro caso xa non se rexistran a mediados de xaneiro na provincia de Pontevedra, senón que o primeiro pasa a ser o que ten data de inicio de síntomas o 2 de febreiro na provincia de Ourense. En calquera caso, alén desas pequenas variacións, a fotografía xeral da pandemia segue sendo esencialmente a mesma e o incremento exponencial de casos segue comezando na contorna da segunda semana de marzo.
A nova serie sitúa os casos por "data de inicio de síntomas ou, no seu defecto" no sexto día anterior á data de diagnóstico. O ISCIII advirte ademais de que "ata o 10 de maio, a confirmación de casos pode realizarse por varias vías" e os datos diarios foron "elaborados coa notificación diaria agregada" por parte das comunidades autónomas, pola "imposibilidade" de que, naqueles días, o servizos de saúde -no caso galego, o Sergas- "completasen as fichas invidualizadas" de cada paciente.
Diferenza de casos acumulados: 9.700 no Ministerio, 11.500 no Sergas
Como na anterior actualización, o número acumulado de casos de coronavirus en Galicia que ofrece o Ministerio de Sanidade segue sendo notablemente diferente do resultante de sumar os casos novos incluídos nos partes diarios do Sergas, que non fai pública a súa serie estatística completa. Ata o 14 de xuño, o Ministerio computara 9.669 casos. Mentres, a suma dos casos diferentes incluídos nos partes do Sergas chega ata ese día aos 11.456.
A diferenza entre o total de casos que contabiliza o Ministerio (uns 9.700) e a suma de todos os positivos do Sergas (case 11.500) está nos detectados mediante test de anticorpos
A razón principal desta diferenza é que, ata o 10 de maio, a estatística estatal non inclúe os positivos en test de anticorpos "polos problemas asociados á súa fiabilidade, limitada con fins diagnósticos, e por que non achegan información sobre se a enfermidade estaba activa". Dende o 11 de maio, en aplicación do novo protocolo, si que se suman aos positivos detectados mediante PCR "algúns casos específicos" dos test de anticorpos máis precisos.
Así, os case 9.700 casos de coronavirus que o Ministerio dá por confirmados en Galicia inclúen positivos a través de PCR e, dende o 11 de maio, tamén positivos en test de anticorpos, pero só de persoas que tivesen síntomas e coas devanditas precisións. Mentres, como informou Praza.gal, a suma total do Sergas inclúe uns dous mil casos de persoas que deron positivo en test de anticorpos pero non tiveran síntomas, polo que foron agregados directamente como "curados". O Ministerio, polo momento, segue sen ofrecer o dato total de casos "curados" ou "resoltos".
Os casos por provincias
A nova actualización do Ministerio tamén atinxe aos casos por provincias, aínda que con diferenzas menores a respecto da anterior. O acumulado provincial segue sendo inferior ao total galego (9.656 fronte a 9.669), se ben o ISCII xa advirte que esa diferenza se debe a que, na revisión individual de cada caso, algúns deles (trece, neste caso) non indican provincia de residente do paciente.
Os datos ata o 14 de xuño recolocan no tempo o inicio de síntomas os casos máis recentes e seguen indicando que, en termos absolutos, a provincia galega con máis positivos foi ata agora a da Coruña e a que menos tivo, a de Lugo.