A incidencia do coronavirus, en niveis mínimos dende o inicio da pandemia en Galicia

CC-BY-NC-SA Praza Pública

A incidencia do coronavirus transita por niveis mínimos en Galicia dende o inicio da pandemia. O Ministerio de Sanidade indica que nas últimas dúas semanas a poboación galega rexistra menos dun novo caso por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas, concretamente 0,89, no que vai de mes houbo xa catro días sen diagnósticos novos e as dúas xornadas de xuño na que máis se rexistraron foron apenas dous.

Este 17 de xuño o Ministerio indica un diagnóstico novo en Galicia e o Sergas suma catro casos novos directamente como "curacións"

Son as cifras que máis destacan nun balance do Goberno central que este 17 de xuño reflicte un novo diagnóstico, un nivel moi baixo que o seguirá sendo aínda que as revisións de datos aínda en marcha poidan variar levemente a tendencia -así sucedeu nos últimos días-. Mentres, no parte diario do Sergas -que non publica serie completa nin informa do número de novos diagnósticos- aparecen catro casos novos, pero os catros directamente como "curacións" por seren casos positivos en test de anticorpos de pacientes sen síntomas, que o Ministerio non suma. [Dúas mil persoas que figuran como "curadas" de coronavirus no Sergas nunca foron "positivos activos"]

Mentres continúa a revisión dos datos que o Ministerio recompila entre as comunidades autónomas -a cifra total de falecementos para todo o Estado segue conxelada en 27.136 persoas-, en Galicia o número de persoas falecidas a causa da covid-19 segue sen aumentar un día máis. Continúan sendo 619 e dende o pasado día 11 a Consellería de Sanidade non dá conta de novos falecementos ligados a esta doenza.

O número de persoas falecidas segue sendo 619, segundo o Sergas, que non dá conta de novas mortes ligadas á pandemia dende o pasado día 11

O Sergas, en calquera caso, segue expresándose en termos de "positivos activos", cifra que descende en oito persoas que pasaron a dar negativo, ata as 341. Esas oito persoas, sete das cales estaban en illamento domiciliario, pasan a engrosar o cómputo do que a Xunta sinala como "curacións", pero que tamén inclúe unhas dúas mil persoas das que non constan síntomas da covid-19, pero deron positivo en test de anticorpos.

Esa cifra de persoas "curadas" que suma indistintamente as altas hospitalarias e epidemiolóxicas e mais o que o Ministerio considerou durante varias semanas como infeccións "resoltas" -as dos positivos en test de anticorpos sen síntomas- chega este 17 de xuño ás 10.503 persoas. Son doce persoas máis que o día anterior: as 8 que deixan de contar como "positivos activos" e outras catro sumadas directamente como "curadas".

Estas cifras rexístranse nunha xornada na que, segundo o Sergas, o número de probas PCR realizadas chegan ás 161.195. Son 1.396 máis que o día anterior. A Consellería non indica cantas probas de anticorpos leva feitas, aínda que si informa ao respecto ao Ministerio, segundo o fixado nos protocolos.

Tras unha xornada sen novas hospitalizacións en Galicia, segundo o Ministerio de Sanidade, e despois de que unha das persoas hospitalizadas a causa da covid-19 pasase a dar negativo, segundo o Sergas, o número total de persoas ingresadas nos centros hospitalarios galegos que aínda dan positivo por coronavirus queda en apenas 7. Ningunha delas está en coidados intensivos. 

Mentres, o número de persoas en illamento domiciliario tras daren positivo queda agora en 334, sete menos que un día antes. Entre elas hai cinco persoas usuarias de residencias de maiores e dependentes.

Os oito positivos activos menos repártense en cinco áreas sanitarias, todas agás as da Coruña e Ferrol, que seguen nas cifras do día previo. A que ten máis casos que seguen dando positivo é a de Vigo, con 141, seguida da área da Coruña-Cee, con 109.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.