Unha chamada que comeza por 981 219? É o Sergas pescudando se podes ter coronavirus

Imaxe da central de seguimento de casos de coronavirus do Sergas CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta pide á cidadanía que devolva as chamadas perdidas dese número, da central de seguimento de persoas que estiveron en contacto con posibles casos

“Se vostede recibe unha chamada desde ese número, por favor contéstea. No caso de que teña unha chamada perdida desde ese número, por favor devolva esa chamada en horario de 9 a 22”. A petición é do Sergas, que informa así de que a súa central de seguimento de persoas que estiveron en contacto con posibles casos de coronavirus está realizar as chamadas desde un número que comeza por 981 219 ***.

Sede da Consellería de Sanidade e do Sergas CC-BY-NC-SA CIG

A central de seguimento de posibles casos é un dos elementos clave do proceso de desconfinamento esixido polo Goberno central para poder detectar canto antes novos focos de contaxio a partir dos casos que se vaian detectando. Segundo informa o Sergas, “todos os posibles casos de Covid-19 recibirán unha chamada telefónica da Central de Seguimento de Contactos. [A Xunta pide pasar á fase 2 e esgrime os concellos sen casos de coronavirus, que non son públicos]

A finalidade desta chamada é realizarlles unha enquisa epidemiolóxica e identificar as persoas coas que mantiveron contacto estreito. A cada unha das persoas que tivo este tipo de contacto chamaráselles tamén por teléfono, para identificalas de maneira precisa, realizarlles unha enquisa epidemiolóxica e iniciar a partir dese momento un seguimento continuado”.

O Sergas sinala que se poderían igualmente recibir mensaxes SMS e pide que se sigan as instrucións que nelas se indiquen

Ademais de pedir que se conteste ao teléfono se se recibe unha chamada desde ese número, ou que se devolvan as posibles chamadas perdidas, o Sergas tamén sinala que se poderían igualmente recibir mensaxes SMS solicitando que a persoa en cuestión se poña en contacto, para o que pide que se chame “ao número que se lle indica seguindo as instrucións da SMS”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.