O Goberno galego esgrime nas últimas semanas diversos indicadores para advertir que a evolución da pandemia do coronavirus é en Galicia máis favorable que noutros puntos do Estado. Varios deles son públicos a través do Ministerio de Sanidade, como o número de novos casos da covid-19 detectados cada día. Outros, son coñecidos directamente a través do Sergas, como o número de "positivos activos" en toda Galicia ou por áreas sanitarias. Pero un dos que máis recorrentemente aludidos pola Xunta, o número de concellos sen contaxios, segue sen ser público. Mesmo agora, que o Goberno galego mantén que son todos agás sete.
Oficiosamente, a Xunta vén aludindo a riscos en materia de privacidade ou alarma social para non divulgar datos a nivel local ou comarcal, como fan ata nove autonomías
Ao contrario que ata nove Executivos autonómicos, o galego decidiu non divulgar datos da pandemia a nivel comarcal ou municipal, aludindo oficiosamente a riscos en materia de privacidade ou alarma social -algunhas autonomías que si os divulgan incorporan cautelas como non especificar concellos pequenos con menos de 5 casos para preservar a identidade das persoas contaxiadas-. No entanto, este é un dos argumentos que a Consellería de Sanidade volve empregar publicamente este martes, nesta ocasión para explicar a súa solicitude de que Galicia pase á seguinte fase do desconfinamento, a número 2.
A Xunta asegura que ata en 306 concellos non existe transmisión comunitaria da covid-19
O conselleiro Vázquez Almuíña, o director de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e mais o subdirector de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, resumiron este martes o informe de "107 páxinas e 55 indicadores que miden a evolución da pandemia en Galicia" que, afirman, acreditan que o país está preparado para avanzar no desconfinamento. Entre as peticións da Xunta, destacan, volve estar a fin "das limitacións de mobilidade" entre provincias. E fano, aseguran, porque "en 306 dos 313 concellos" xa non existen "casos de transmisión comunitaria", isto é, alén de persoal sanitario ou residencias, "nos últimos tres días".
Entre os argumentos para pasar á fase 2, a Xunta defende ante o Ministerio de Sanidade o "fortalecemento" do sistema para realizar novas probas PCR ou facer seguimento dos contactos de persoas contaxiadas, así como o número de positivos detectados en centros de saúde
Ese número de concellos sen novos casos é un dos datos que non é público dende o comezo da pandemia malia ser recorrentemente mencionado polo Goberno galego. O máis semellante a información pública ao respecto son alusións verbais ao número de concellos sen novos casos ou a súa versión por escrito en documentos como o informe elaborado por Saúde Pública sobre a convocatoria das eleccións do 12 de xullo. Pero nunca coa listaxe de concellos ou referencias comarcais ao respecto.
Alén do número de municipios sen novos casos, Sanidade defende ante o Ministerio para pasar de fase que o Sergas incorporou "medidas de fortalecemento" para detectar positvos da covid-19 como "a nova plataforma de seguimento de contactos das persoas infectadas" ou "o reforzamento dos laboratorios de microbioloxía, cos que xa se poden realizar 6.500 probas PCR ao día", aínda que o número real de probas diarias sexa agora moito menor.
A mellora na situación das residencias ou os equipamentos de protección dispoñibles para o persoal sanitario son outros dos datos dun informe en cuxa presentación o director de Asistencia Sanitaria asegurou tamén que nos centros de Atención Primaria xa foran identificados ata este 19 de maio un total de 2.453 casos sospeitosos de coronavirus e deles, 40 persoas deron positivo. Noutras autonomías, como Asturias, estas cifras de Atención Primaria tamén son públicas e abertas.