Un BOE extraordinario publicado na tarde deste sábado habilita ás autonomías a reabrir centros de servizos sociais, como dixo Feijóo que quere facer coas residencias pero aínda non cos centros de día
O Goberno central vén de publicar na tardiña deste sábado un Boletín Oficial del Estado (BOE) extraordinario co que volve flexibilizar as restricións establecidas nas diversas fases de desconfinamento que preveu, entre elas para os territorios en Fase 1, como é o caso das catro provincias galegas. Entre outras cuestións, habilita ás autonomías a reabrir centros de servizos sociais, como este venres dixo o presidente Feijóo que quere facer coas residencias pero aínda non cos centros de día, permite a caza e a pesca e facilita a apertura de establecementos comerciais de máis de 400 metros cadrados se restrinxen a esa superficie o máximo aberto á clientela.
As comunidades autónomas “poderán determinar a reapertura ao público dos centros e servizos” nos que se prestan servizos sociais con medidas como monitorización de casos, illamento ou probas diagnósticas
Segundo se establece no BOE, as comunidades “poderán determinar a reapertura ao público dos centros e servizos” nos que se presente servizos sociais con medidas como “monitorización e seguimento de casos, adopción de procedementos de illamento ou corentena, trazabilidade de contactos, e de realización de probas diagnósticas”. Este venres o presidente Feijóo avanzou que a Xunta preparou un protocolo para facilitar esa reapertura, permitindo visitas cunha serie de condicións, nas residencias de maiores. Porén, o Goberno galego aínda non prevé a reapertura dos centros de día, que a orde estatal tamén permitiría.
A orde do Goberno central permite a apertura de establecementos comerciais de máis de 400 metros cadrados se restrinxen a súa superficie e permite "accións comerciais ou de promoción" con medidas que eviten "aglomeracións"
A orde publicada no BOE tamén permite a caza e a pesca deportiva, que a Xunta se adiantara a autorizar sen ter o visto bo do Goberno central, e facilita os velorios e que as comitivas fúnebres poidan estar compostas por ata 15 persoas.
Igualmente, a orde permitirá que os comercios de máis de 400 metros cadrados poidan reabrir se acoutan a esa dimensión como máximo o espazo dispoñible, e no caso dos existentes en centros comerciais, se contan con acceso independente. A orde do BOE tamén prevé, coa polémica como fondo sobre se as rebaixas están ou non permitidas pola afluencia de persoas que poderían xerar, que “as accións comerciais ou de promoción que leven a cabo os establecementos comerciais deberán estar acompañadas de medidas destinadas a asegurar que non se xeren aglomeracións que impidan o mantemento da distancia de seguridade, o cumprimento dos límites de aforo, ou comprometan o resto de medidas establecidas nesta orde, debendo adoptar as medidas adecuadas para evitalas, incluíndo o cesamento inmediato das anteditas accións comerciais ou de promoción se resultara necesario”.