Fronte ás 20 persoas que autorizaba o Goberno galego nas comitivas de despedida, o Ministerio de Sanidade permite un máximo de tres e prohibe que as empresas cobren máis
O Ministerio de Sanidade vén de publicar este luns no Boletín Oficial del Estado (BOE) unha orde pola que establece restricións polo coronavirus nos velorios e cerimonias fúnebres que supón un endurecemento de boa parte das medidas establecidas hai apenas catro días, o pasado xoves, pola Xunta. Se o Goberno galego permitía mesmo os velorios en domicilios particulares, o central prohibe todo tipo de velorio mentres dure o estado de alarma.
A orde do ministerio, como a da Xunta, prohibe calquera práctica de tanatoestética ou tanatopraxia, pero engade a prohibición dos velorios “en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, así como nos domicilios particulares”, fronte á do Goberno galego que os autorizaba en calquera desas instalacións sempre que se cumprisen determinadas medidas de seguridade como evitar o contacto físico e limitando o aforo a oito persoas ao tempo.
Pola súa banda, se o acordo da Xunta aprazaba as cerimonias pero establecía que as comitivas fúnebres podían estar formadas por ata 20 persoas, o Goberno central establece que “a comitiva para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de tres familiares ou achegados, ademais, no seu caso, do ministro de culto ou persoa asimilada”.
Ante as denuncias de persoas afectadas de que algunhas funerarias estarían a cobrar por novos servizos e con prezos superiores aos previos á crise do coronavirus, o Goberno central tamén establece que “durante o período de vixencia do estado de alarma, os prezos dos servizos funerarios non poderán ser superiores aos prezos vixentes con anterioridade ao 14 de marzo”. En caso de que algunha empresa cobrase máis durante este tempo “deberá iniciar de oficio a devolución da diferenza” e, se non o fai, o consumidor terá ata seis meses para reclamalo.