Limita o número de asistentes e esixe evitar as apertas e bicos pero mantén as sinaturas en libros de condolencias
A Xunta vén de publicar este xoves no Diario Oficial de Galicia un novo acordo co que segue a establecer medidas preventivas fronte ao coronavirus, desta volta no eido da sanidade mortuoria. O Goberno galego establece unha serie de condicionantes de aforo e hixiene nos velorios tanto nos tanatorios como nos domicilios particulares, onde seguen a estar permitidos, con medidas como evitar as apertas e bicos de condolencia pero mantendo as sinaturas en libros de condolencias.
O acordo da Xunta establece que “tanto en establecementos públicos, privados como no domicilio particular e con independencia de cal sexa a causa do falecemento” deberanse cumprir as seguintes medidas: non asistirán persoas con síntomas respiratorios de calquera clase, lavar as mans antes do acceso “así como despois de usar o libro de pésame e os servizos ou baños”, evitar a coincidencia no velorio de máis de oito persoas respectando unha distancia mínima de dous metros entre cada unha e evitar as condolencias con “abrazos, bicos e apertas de mans”.
O acordo establece que os responsables dos velorios e tanatorios deberán poñer a disposición dos usuarios solucións desinfectantes e auga xabón e toallas dun só uso nos aseos públicos, así como exhibir estas normas nun lugar ben visible. A Xunta sinala que “será responsabilidade do titular do establecemento garantir o seu cumprimento en todo momento” e non indica como van vixiar as autoridades estes requisitos nos velorios en domicilios.
A Xunta decide “aprazar as cerimonias de culto relixiosas ou cerimonias civís fúnebres” e permite que ata 20 persoas integren as comitivas de acompañamento
Ao tempo que permite os velorios en domicilios, a Xunta decide “aprazar as cerimonias de culto relixiosas ou cerimonias civís fúnebres”. E se nos velorios limita a 8 persoas ao mesmo tempo o aforo máximo permitido, establece que “as comitivas de acompañamento para a inhumación ou despedida de incineración restrinxiranse aos achegados e familiares máis próximos” quedando “reducidas a un máximo de 20 persoas” que deberán gardar as mesmas medidas de separación que nos velorios.
Xunto con estas medidas de cara aos asistentes aos velorios, a Xunta tamén establece que non se poderán realizar actividades de tanatopraxia senón que a única técnica de conservación permitida dos cadáveres será a refrixeración. Tampouco se poderá maquillar ou arranxar esteticamente o cadáver.