"Está a espallarse un novo esplendor da arquitectura galega: o dos tanatorios. En Galicia vivimos un tempo de futuro pretérito. Por iso a arquitectura máis viva é a dos tanatorios. Ocupan os mellores locais. Os lugares estratéxicos. Agora a vangarda son os tanatorios". Así comezaba Manuel Rivas un artigo publicado nas páxinas galegas de El País en 2010 no que, entre outras cousas, reflexionaba sobre "a reconversión da morte", un tema que tamén tratou noutros textos. Nas últimas décadas completouse un cambio sociolóxico no que se deixaron de organizar velorios nas casas, o que motivou a apertura e ampliación de tanatorios.
En 2014 funcionaban en Galicia (fóra das sete cidades) un total de 267 tanatorios, moi por riba dos 210 de 2010, dos 177 de 2005 ou dos 107 do ano 2000
A estatística oficial ponlle números a este fenómeno, que se pode constatar en practicamente todas as localidades do país. A Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais, que realiza o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a través das distintas deputacións provinciais ofrece unha detallada información sobre todas as localidades de menos de 50 mil habitantes.
O incremento produciuse moi especialmente en Ourense (pasaron de 17 a 109 nos últimos 14 anos) e Lugo (de 34 a 84)
En 2014 -último dato dispoñible- funcionaban en Galicia (fóra das sete cidades) un total de 267 tanatorios, moi por riba dos 210 de 2010, dos 177 de 2005 ou dos 107 do ano 2000. O incremento produciuse en todas as provincias, pero moi especialmente en Ourense (pasaron de 17 a 109 nos últimos 14 anos) e Lugo (de 34 a 84). Hai que ter en conta que Ourense se divide en 93 concellos e Lugo en 67. A estatística ofrece outros datos, como o número de salas totais, 535, que dan servizo a algo menos de dous millóns de persoas.
En Ourense, 79 dos 109 tanatorios son públicos, de titularidade municipal
E outra característica, cando menos curiosa: mentres que nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra a maioría dos tanatorios son privados (143 de 158), na provincia de Ourense a realidade é inversa: 79 dos 109 tanatorios son públicos, de titularidade municipal.