A Xunta renova un convenio con cazadores e lembra que volve estar en vigor a posibilidade de autorizar batidas malia o estado de alarma
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, mantivo este luns o terceiro encontro por videoconferencia co sector da caza do que vai de mes, no que asinou a renovación do convenio que a Xunta mantén para contribuír “á realización de actividades de divulgación, formación e de fomento da actividade cinexética”, segundo salienta o propio Goberno galego. O convenio, do que a Xunta non divulgou o importe económico, non é o único que o Goberno galego asina de xeito periódico con entidades do sector, xa que tamén a Secretaría Xeral para o Deporte mantén un convenio marco co sector ademais doutros acordos puntuais de diversos departamentos para actividades específicas.
Tras a declaración do estado de alarma e pasar as tres primeiras semanas sen axenda pública, un dos primeiros actos oficiais da conselleira de Medio Ambiente foi, o 7 de abril, un encontro cos presidentes das federacións galegas de caza e pesca, que se ofreceron a “colaborar no control da biodiversidade” durante a crise do coronavirus, segundo salientou a propia Xunta. O 21 de abril Vázquez reuniuse con representantes dos tecores (terreos cinexéticamente ordenados) para analizar “como está a afectar ao sector cinexético da comunidade a situación provocada pola crise do coronavirus e as restricións impostas polo actual estado de alarma”. Ademais, o 16 de abril reuniuse tamén cun destacado pescador deportivo para agradecer a ese sector “o seu comportamento durante o confinamento, agás persoas puntuais”.
Este luns, tras o terceiro encontro oficial e incluído na axenda pública, novamente co presidente da federación galega de caza, a consellería salientou que volve estar en vigor a posibilidade de autorizar “accións de caza” malia o estado de alarma. Tras a súa declaración, a Xunta deixou aberta esa posibilidade malia as críticas de entidades ecoloxistas, posteriormente o Goberno central anulouna e agora volve permitilo, polo que Medio Ambiente volve contemplala “de xeito excepcional naquelas zonas con maior risco de incidencia da fauna salvaxe, sobre todo do xabaril, como medida para evitar os posibles danos que poida provocar e primar así a seguridade das persoas e do tráfico viario, ademais de reducir o seu impacto nas extensións agrarias, no inicio da época de semente”.
Tamén este luns, e despois destes e doutros actos públicos, Vázquez vén de solicitar a súa primeira comparecencia no Parlamento -tamén o fixo o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez- para informar das medidas adoptadas polo seu departamento ante a crise do coronavirus.