A conselleira de Medio Ambiente salienta que “acataron non saír ao río xustamente en véspera do inicio da actividade, tras un ano de espera”
Tras reunirse a pasada semana por videoconferencia cos presidentes das federacións galegas de caza e pesca, que se ofreceron para "colaborar no control da biodiversidade" durante o estado de alarma, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, mantivo este xoves un encontro con David Arcay, “pescador de referencia na comunidade galega e campión mundial de pesca deportiva en varias ocasións”, co que analizou “a preocupación dos pescadores de río por retomar a actividade cando finalice o confinamento”.
Nunha nota de prensa divulgada posteriormente pola propia consellería, esta salienta que a conselleira “agradeceu” ao seu interlocutor “e ao colectivo de pescadores o seu comportamento durante o período de confinamento, pois -agás persoas puntuais como as persoas denunciadas a semana pasada- acataron non saír ao río xustamente en vésperas do inicio da actividade”.
O comunicado de Medio Ambiente tamén sinala que “a nota positiva a estas semanas de confinamento é que o entretemento para os afeccionados pasou por aproveitar este tempo montando moscas e preparando o equipamento persoal, para cando se poida retomar a pesca, tal e como lle trasladou o campión mundial de pesca deportiva”.