Desde este xoves 21 é obrigatoria a máscara contra o coronavirus onde non se poidan manter dous metros de separación

As máscaras teñen como principal uso entre a cidadanía evitar o contaxio a terceiras persoas CC-BY-SA Praza Pública

Toda persoa maior de 6 anos deberá usar “calquera tipo de máscara, preferentemente hixiénicas e cirúrxicas”, agás casos nos que estea contraindicado

Desde este xoves 21 de maio é obrigatorio o uso de máscara de protección en todo espazo público no que non se poida manter unha separación entre persoas de cando menos dous metros. Así o vén de establecer o Ministerio de Sanidad nunha orde publicada este mércores no Boletín Oficial del Estado (BOE), que fixa a obriga para toda persoa maior de seis anos pero cunha serie de excepcións para os casos nos que o uso da máscara non sexa posible.

Segundo se establece no BOE, para cumprir a obriga valerá “calquera tipo de máscara, preferentemente hixiénicas e cirúrxicas, que cubra nariz e boca” e esta esténdese ás “persoas de seis anos en adiante”. Todas elas deberán usar máscara “na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público, sempre que non sexa posible manter unha distancia de seguridade interpersoal de cando menos dous metros”.

Un operario manexa paquetes de máscaras na plataforma loxística do Sergas CC-BY-SA Xunta

Establécense varias excepcións a esa norma xeral: 

  • “Persoas que presenten algún tipo de dificultade respiratoria que poida verse agravada polo uso de máscara”
  • “Persoas nas que o uso de máscara resulte contraindicado por motivos de saúde debidamente xustificados, ou que pola súa situación de discapacidade ou dependencia presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización"
  • “Desenvolvemento de actividades nas que, pola propia natureza destas, resulte incompatible o uso da máscara”
  • “Causa de forza maior ou situación de necesidade”

A obriga de usar máscara está pensada para evitar a dispersión do virus por parte de persoas que poidan estar contaxiadas sen sabelo máis que como protección por parte do resto

A obriga de usar máscara imponse agora despois de que nos primeiros momentos da crise sanitaria polo coronavirus as autoridades tanto estatais como galegas non indicasen o seu uso para a poboación en xeral senón só para determinados grupos de risco. Porén, despois as autoridades sanitarias comezaron a variar de postura e admitiron estudar a posibilidade de recomendalas ou facelas obrigatorias cando houbese máscaras suficientes para toda a poboación tras as primeiras semanas de desabastecemento. Unha medida pensada para evitar a dispersión do virus por parte de persoas que poidan estar contaxiadas sen sabelo máis que como protección por parte do resto. E así se xustifica agora no BOE, onde o ministerio relaciona a nova obriga cos principios a ter en conta á hora de levantar os confinamentos establecidos hai máis dun mes, o 16 de abril, por parte da Organización Mundial da Saúde (OMS).

O pasado sábado o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, xa recomendou o uso de máscara máis alá dos lugares nos que era obrigatorio ata agora, como o transporte público. E o domingo o presidente Feijóo coincidiu con esa recomendación xeral de usar máscara “tamén nas rúas”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.