Feijóo coincide con Sánchez en recomendar máscaras “tamén nas rúas”

Feijóo na reunión con Sánchez e o resto de presidentes autonómicos deste domingo 17 de maio CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente segue “valorando” a reapertura das escolas infantís e atribúe ao Goberno central que este luns non poida haber visitas ás residencias de maiores como el mesmo anunciou o venres

“Son absolutamente partidario de que leven a máscara posta tamén nas rúas”, di Feijóo, as persoas que, malia non ser obrigatorio o seu uso nos espazos abertos, teñan dúbidas e se consideren así máis protexidas, ou para as persoas maiores ou vulnerables. Así se pronunciou o presidente galego este domingo ao ser preguntado sobre o uso das máscaras protectoras na súa comparecencia tras a reunión semanal dos presidentes autonómicos co presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, quen este sábado xa recomendara á cidadanía empregar máscara protectora nos espazos públicos máis alá de onde sexa obrigatoria, como no transporte.

Este domingo Feijóo reclamou ao Goberno central un protocolo único sobre o uso de máscaras en toda España pero salientou que o criterio xeral dos servizos de medicina preventiva é que a máscara sexa obrigatoria nos recintos pechados así como “cando non se pode manter a distancia física de dous metros”.

Feijóo na súa comparecencia deste domingo 17 de maio CC-BY-SA Praza Pública

Na súa comparecencia deste domingo, na que comezou facendo unha lembranza do Día das Letras Galegas e da figura de Carvalho Calero, Feijóo tamén deixou sen data o anuncio que el mesmo lanzara apenas 48 horas antes de que a Xunta permitiría visitas ás residencias de maiores baixo determinadas condicións, que consideraba que se podían cumprir xa desde este luns día 18. Se o venres Feijóo daba por feito que a normativa estatal habilitaba á Xunta para poder tomar esa decisión xa na actual Fase 1, malia que inicialmente o plan de desconfinamento avanzado polo Goberno central non prevía ese paso ata fases posteriores, segundo dixo este domingo a nova regulación emitida desde Madrid xa non o permite.

“Ata o de agora non estaba regulado de forma explícita e agora si está regulado para a Fase 2”, explicou, momento ao que agora a Xunta terá que agardar para poder dar o paso que anunciara o venres. Mentres, di, o Goberno galego notificará ás residencias os protocolos para que os vaian implantando.

A Xunta xa decidiu que o alumnado de máis de 3 anos non volva ás aulas este curso pero aínda non ten previsión para o de menos desa idade, ao tempo que pide ao Goberno central "criterios comúns" e critica os seus "poderes exorbitantes"

Feijóo tamén admitiu este domingo que a Xunta segue sen ter unha decisión sobre a reapertura ou non, e cando, das escolas infantís de 0 a 3 anos, para as que vén de abrir a matrícula para o próximo curso. Malia que o Goberno galego xa si tomou a decisión de que o alumnado a partir dos 3 anos non volva ás aulas ata setembro, agás os últimos cursos de Bacharelato e FP, para os de menos de 3 anos, que adoitaban ter os centros abertos mesmo en agosto, segue sen poder darlles unha previsión aos pais e nais para facilitar a súa conciliación.

O presidente non ten claro aínda como exercer esa competencia sobre as escolas infantís que segue sendo da Xunta malia queixarse este domingo dos “poderes exorbitantes” do mando único do Goberno central. Ao executivo de Sánchez, pola contra, reclamou “criterios comúns” en materia de educación ou servizos sociais.

Unha escola infantil da Xunta © Xunta

Feijóo tamén admitiu que “é necesario establecer un mecanismo de renda mínima mentres non volvan recuperar o emprego” as persoas que o están a perder neste momento, pero reclamou ao Goberno central que o coordine coas medidas que xa teñen habilitadas as comunidades autónomas. O presidente galego tamén amosou a súa esperanza en que o Goberno central deixe sen efecto as franxas horarias para saír á rúa nos concellos “e os núcleos de poboación” con menos de 10.000 habitantes e se eliminen os límites municipais para poder practicar deporte.

Segundo Feijóo, na reunión con Sánchez nada se falou da posible data das eleccións galegas e vascas xa que non era o momento nunha reunión con máis presidentes autonómicos. El, dixo, é consciente dos prazos e de que este martes é o último día para poder convocar os comicios para o 12 de xullo, a data máis próxima e polo tanto a que asegura que ten maiores garantías sanitarias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.