A Consellería de Política Social atribúe ao Goberno central a responsabilidade de fixar os criterios para a volta a uns centros que adoitaban abrir ata agosto
A Consellería de Política Social vén de abrir, a partir deste sábado e durante dez días hábiles, isto é, durante as dúas próximas semanas, o prazo para as solicitudes de matrícula nas escolas infantís da súa titularidade e concertadas entre 0 e 3 anos para o próximo curso a partir de setembro. Porén, aínda non hai data nin protocolos para a posible reapertura antes duns centros que, a diferenza da educación para idades superiores, adoitaban abrir mesmo en agosto.
O Diario Oficial de Galicia publica este venres as resolucións polas que se convocan os procedementos de adxudicación de prazas para as escolas infantís dependentes da propia Xunta a través da Axencia Galega de Servizos Sociais, para as do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que comparte cos concellos, para as privadas concertadas e para os fillos e fillas do persoal da propia administración autonómica nos centros da súa axencia.
A Xunta establece que “o prazo de presentación de solicitudes, tanto de renovación de praza como de novo ingreso, será de dez (10) días contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución” no DOG, isto é, a partir deste sábado. As solicitudes presentaranse “preferiblemente” a través da sede electrónica da Xunta, salvo para o persoal empregado público que será “obrigatoriamente” por esa vía.
O Goberno galego, condicionado polo coronavirus, abre a convocatoria máis tarde do habitual e faino sen saber aínda se as escolas infantís reabrirán nalgún momento do que queda de curso ata setembro, o que dificulta a planificación da conciliación por parte de pais e nais. Este xoves a Consellería de Política Social indicaba que está “á espera de que o Goberno central fixe uns criterios claros sobre os prazos e condicións para a reapertura destes centros”, despois de que a Consellería de Educación, responsable a partir dos 3 anos, xa establecese pola súa conta que as aulas só reabrirán de xeito voluntario para o alumnado de 2º de Bacharelato e FP a partir do 25 de maio.
Gratuidade para segundos fillos e sucesivos e apertura ata as oito da tarde de cando menos unha escola infantil por cidade son as principais novidades para o próximo curso
Política Social salienta como principais novidades para o próximo curso nas escolas infantís a gratuidade para segundos fillos e sucesivos e que “en cada unha das sete principais cidades de Galicia polo menos unha escola infantil pública autonómica ampliará o seu horario de apertura ata as oito da tarde, co fin de mellorar a conciliación das familias”, solventando así un dos moitos problemas para a conciliación que seguen a poñer os centros públicos.
A Xunta tamén lembra que ten dispoñible o Bono Concilia, unha axuda económica para que as familias que non obteñan praza en centros públicos ou concertados poidan pagar parte da matrícula nalgún privado, cuxa reapertura tamén está condicionada aos protocolos que decida a Administración.