As aulas reabren o 25 de maio só para os segundos cursos de Bacharelato e FP e de xeito voluntario

Aula nun centro de ensino galego © Xunta

A Xunta decide manter pechada o resto da educación a partir dos 3 anos e aínda non decidiu que facer coas escolas infantís

A Consellería de Educación anunciou este xoves, tras unha reunión con responsables do Goberno central e do resto de gobernos autonómicos, que en Galicia, se para daquela se avanza á fase 2 do desconfinamento, as aulas reabrirán a partir do 25 de maio só para o alumnado de 2º de Bacharelato e de 2º curso dos ciclos medios e superior de FP e de xeito voluntario. Son cursos que dan dereito a unha titulación e nos que a flexibilidade educativa adoptada polo coronavirus non é tanta.

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, este xoves reunida con responsables estatais e do resto de autonomías CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os centros xa están abertos para a tramitación das matrículas entre críticas do persoal por establecer só recomendacións xenéricas non adaptadas 

A Xunta reclama ao Goberno central que estableza protocolos para a volta ás aulas tanto para o que resta de curso neses niveis nos que se permitirá a volta voluntaria como para o próximo curso. Ela mesma decidiu que o pasado luns reabrisen os centros para a tramitación das matrículas para o próximo curso entre críticas do seu persoal por establecer só recomendacións xenéricas non adaptadas ao ámbito educativo.

As escolas infantís de 0 a 3, que adoitaban abrir ata agosto, anos iniciaron o prazo de matrícula para o próximo curso pero aínda sen data de reapertura

A decisión da Consellería de Educación de manter pechadas as aulas para o alumnado dela dependente entre os 3 anos e 2º de Bacharelato ou FP contrasta coa situación das escolas infantís de entre 0 e 3 anos, dependentes da Consellería de Política Social, sobre as que aínda non hai ningunha decisión tomada. A Xunta vén de abrir o prazo de matrícula para o próximo curso pero atribúe ao Goberno central a responsabilidade de fixar os criterios para a volta a uns centros que adoitaban abrir ata agosto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.