“Aquí tes a miña tumba”. Como epitafio sería indiscutible. E, en certo modo, iso é. A lapidaria sentencia acompaña a un pantallazo co titular dun xornal nunha conversa de whatsapp entre dúas amigas. Ambas mulleres, ambas xornalistas, ambas nais e ambas confinadas. A nova do día, agora xa vella, anuncia que os coles non volverán abrir ata setembro, sepultando deste xeito as mulleres, as amigas, as xornalistas. Durante os vindeiros cinco meses só quedará delas o esqueleto de nais confinadas.
A nova do día, agora xa vella, anuncia que os coles non volverán abrir ata setembro, sepultando deste xeito as mulleres, as amigas, as xornalistas. Durante os vindeiros cinco meses só quedará delas o esqueleto de nais confinadas
O que xurdía como indignación espontánea nunha conversa privada convértese logo, coas horas de reflexión, na intuición de que a pandemia traerá outro mal, este xa común, xeralizado e asolador, que vai invisibilizar boa parte da metade da sociedade. Pero non a unha metade aleatoria, senón a elas, a nós, ás de sempre. Co paso dos días a intuición, dálle paso á constatación. Os medios de comunicación comezan a publicar estudos sociolóxicos que lle outorgan aval científico a aquela reflexión que a ninguén debía sorprender, pero que talvez algúns aínda pretenderán negar. “Las madres de menores que teletrabajan son las que más estrés soportan en el confinamiento”, titula o xornal con maior número de lectores do Estado ao facerse eco dos datos recabados por Cristina Benlloch, Empar Aguado e Anna Aguado, investigadoras da Universitat de València, curiosamente, tamén mulleres.
A pandemia deixou revitalizada a vella anormalidade: a desigualdade de xénero; a invisibilidade da muller; a carga mental feminizada; o sentimento de culpa das nais traballadoras por non ser quen de chegar a todo; a responsabilidade feminina nos coidados
A pandemia cebouse arrasando coa antiga normalidade mais deixou, porén, revitalizada a vella anormalidade: a desigualdade de xénero; a invisibilidade da muller; a carga mental feminizada; o sentimento de culpa das nais traballadoras por non ser quen de chegar a todo; a responsabilidade feminina nos coidados; a desigualdade profesional; o maldito chan pegañento; a renuncia á conciliación, que non existe; e a batalla pola corresponsabilidade, aínda tan lonxe de gañar.
A enfermidade meteunos na casa e o machismo estrutural do que intentabamos fuxir comezou a asfixiarnos con forzas renovadas. A loita feminista pasou a un segundo plano na axenda social e mediática á vez que o feminismo se facía máis necesario ca nunca en todos os planos das nosas vidas. Basta lanzar preguntas ao aire para que as respostas chovan como lousas.
Quedar na casa multiplica o traballo doméstico: cociñar, limpar, ordenar e volta a ordenar... Quen o fai? Nós, as amas de casa. Ter os fillos na casa implica coidalos, entretelos, vixialos, mirar o que comen, a que hora se deitan, canta tele ven, que afectos necesitan máis e como dixiren emocionalmente unha situación nova, repentina, incómoda e inxusta para un colectivo de por si vulnerable. Quen o fai? Nós, as nais. Cambiar o cole por aulas telemáticas implica aprender como funcionan as plataformas virtuais escolares, descargar tarefas, dosificalas, facer manualidades, experimentos, deberes e aprender deles. Quen o fai? Nós, as mestras. O confinamento fainos convivir como familia moitas máis horas e esta situación esixe novas normas. Quen planifica as compras, quen pon os novos horarios, quen distribúe os tempos, quen se adianta as necesidades, quen coida a convivencia familiar? Nós, as matriarcas.
Quedar na casa multiplica o traballo doméstico: cociñar, limpar, ordenar e volta a ordenar... Quen o fai? Nós, as amas de casa
A desigualdade non queda de portas para dentro do fogar. Se nos miramos como as profesionais que somos ou temos dereito a ser, a vella anormalidade non perdoa e estes tempos de teletraballo volverán ser de dobre traballo para nós, cando non de renuncia. Quen se aferrará a traballar dende a casa para atender os nenos durante máis de medio ano sen cole? Quen será imprescindible na oficina e quen na casa? Quen fará encaixe de bolillos (traballo de mulleres onde os haxa) para compaxinar horarios laborais, nenos e supervivencia familiar? Que desempregada poderá saír agora da súa casa se os nenos quedan sós? Agora a necesidade obriga, claro, pero as consecuencias serán nefastas. Logo preguntarémonos por que son eles os que promocionaron profesionalmente durante estes anos, por que a nós non nos ofreceron aquel traballo que requería implicación plena, por qué somos nós as que seguimos a media xornada e sen pasar de fase, por que será preciso entendernos con eles cando nos chegue a xubilación posto que a nosa pensión non nos vai dar para vivir libres nin daquela?
Cando nos incorporamos ao mercado laboral fiamos as nosas carreiras aos colexios, ás garderías, aos campamentos, á familia cando non hai mellor alternativa. Esas son as nosas verdadeiras parellas á hora da conciliación
Cando nos incorporamos ao mercado laboral fiamos as nosas carreiras aos colexios, ás garderías, aos campamentos, á familia cando non hai mellor alternativa. Esas son as nosas verdadeiras parellas á hora da conciliación. E agora que non podemos contar con elas, a realidade estóupanos na cara berrándonos que dependemos da boa vontade do home a incorporarse ao traballo doméstico para non descolgarnos nós do profesional.
Sobrepasada a nai e pendente dun fío a profesional, onde queda a muller confinada? Cos nenos, os coidados e a loxística doméstica ao seu cargo de xeito maioritario, realmente importa en que fase abrirán os cines e os teatros? E cando sexan as oposicións? Que tempo lle queda a ela para formarse, para buscar novas oportunidades, para ocuparse da súa propia vida? Quen curará as feridas do estrés e a culpa acumulados? Quen coidará da coidadora? Quen atopará tempo para o feminismo?