Este luns 11 de maio, inicio da Fase 1 do proceso de desconfinamento, os centros de ensino de todos os niveis poderán abrir as súas portas para a súa desinfección, acondicionamento e para a realización de funcións administrativas, comezando pola formalización da matrícula para o vindeiro curso e tamén a tramitación de axudas e préstamos de libros de texto.
O persoal critica que a Consellería se limitou a publicar unha serie de recomendacións xenéricas para previr contaxios
Parte do persoal dos centros deberá asistir a eles, sendo responsabilidade dos directores e directoras dos centros educativos determinar o persoal docente e auxiliar necesario para levar a cabo estas tarefas, nas que se deberá gardar unha distancia de dous metros e, ademais, seguir unha serie de recomendacións de hixiene e precaucións ante posibles contaxios.
Porén, son escasas as instrucións recibidas polo persoal responsable destas funcións e tamén os medios achegados para facer cumprilas, o que nos últimos días espertou as críticas dos sindicatos educativos, como CIG-Ensino, CCOO-Ensino ou ANPE. E aínda máis pensando en que a partir da Fase 2 da desconfinamento se prevé a apertura das escolas de Educación Infantil e o comezo da asistencia voluntaria do alumnado.
CIG: "Todas as persoas dos grupos de risco deben ter autorización para non incorporarse ao traballo"
"As medidas de protección son meros consellos que parecen extraídos de normas hixiénicas de carácter xeral e descoñecer a realidade e carencias de protección dos centros educativos"
Hai uns días, trala publicación no DOG do 5 de maio das instrucións sobre presenza nos centros educativos para prestar atención aos procesos de admisión, CIG-Ensino solicitou a convocatoria con carácter de urxencia do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral de Educación. Porén, a resposta da Consellería de Educación foi a publicación dunhas "recomendacións sanitarias" que o sindicato considera insuficientes e que -critica- non foron negociadas coas centrais. "As medidas de protección quédanse en meros consellos que parecen extraídos de normas hixiénicas de carácter xeral e que parecen descoñecer a realidade e carencias de protección dos centros educativos", afirman.
Ademais, CIG-Ensino denuncia que este documento "dificulta a xestión das posíbeis dispensas de asistencia aos postos de traballo para o persoal que forme parte dun grupo vulnerábel". Nas instrucións elaboradas pola Consellaría especifícase que "previo o informe da dirección do centro e, unha vez acreditada a imposibilidade de realizar a adaptación do posto de traballo ou a dotación das proteccións necesarias, o servizo sanitario do servizo de prevención de riscos laborais determinará a consideración do persoal como especialmente sensible e non terá que reincorporarse".
Para a CIG, a Consellaría "dificulta a xestión das posíbeis dispensas de asistencia aos postos de traballo para o persoal que forme parte dun grupo vulnerábel".
Para o sindicato, todas as persoas que formen parte dos grupos de risco indicados polo Ministerio de Sanidade (persoas con diabetes, enfermidade cardiovascular, incluída hipertensión, enfermidade pulmonar crónica, inmunodeficiencia, cancro en fase de tratamento activo, embarazo e maiores de 60 anos), deben ter autorización para non incorporarse ao posto de traballo.
Finalmente, a central nacionalista tamén engade que os gastos ocasionados pola compra de material de protección "non pode correr por conta dos orzamentos ordinarios dos centros e deben formar parte dunha partida específica da Xunta". Doutro xeito, engade tamén se incrementarían as xestións que deben facer os equipos directivos en vez de apostar por unha compra centralizada.
CC.OO.: "O que fai a Consellería é trasladar a responsabilidade aos equipos directivos"
Esa xuntanza urxente do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde no Traballo foi tamén reclamada por CC.OO. "No marco da negociación colectiva é onde se deben tratar estes temas e non emitindo instrucións e recomendacións a dous días de iniciar a actividade o que redunda na incertidume e abandono que está a sufrir o persoal traballador da Consellería de Educación", sinalan dende o sindicato.
"Facendo unicamente recomendacións e coa falta de protocolos o que fai a Consellería é trasladar a responsabilidade da administración aos equipos directivos"
CC.OO. tamén cualifica como "claramente insuficientes" as medidas de seguridade da saúde publicadas no portal web da Consellería. "Nin sequera son instrucións, quédanse en recomendacións, advertindo que son provisionais, o que vai levar a unha aplicación moi diferente nos centros, xunto coa inseguridade que produce ese carácter de provisionalidade", din. O sindicato critica que a Consellaría de Educación, "como é habitual nela", traslade a responsabilidade a Goberno central, esixindo ao Ministerio de Sanidade un protocolo específico para educación.
CC.OO.-Ensino denuncia que "facendo unicamente recomendacións e coa falta de protocolos o que fai a Consellería é trasladar a responsabilidade da administración aos equipos directivos". "Que vai pasar cando unha dirección non poida contar co administrativo porque esta de baixa ou é colectivo de risco? Onde se van cambiar as limpadoras? Como e quen vai controlar o acceso dos usuarios ao centro? Quen vai subministrar guantes, EPI en caso de ser necesarios? Quen controlará que se manteña a distancia de seguridade?", pregunta.
ANPE esixe "un protocolo sanitario completo e específico para centros educativos galegos"
As críticas chegaron tamén dende o sindicato ANPE-Galicia, que reclama igualmente unha "mesa técnica" para elaborar unhas normas específicas de seguridade para o retorno dos centros de ensino á actividade. ANPE esixe "un protocolo sanitario completo e específico para centros educativos galegos" e subliña que "só poderemos retornar aos centros cunha total garantía sanitaria". Ademais, o sindicato solicita á Xunta que achegue o material sanitario necesario para "non cargar esta xestión sobre a mermada economía dos centros educativos e sobre os equipos directivos máis burocracia e papeleo".
ANPE oponse ao retorno ás aulas do alumnado de Infantil, subliñando que os colexios "non teñen un carácter asistencial senón educativo"
Así mesmo, o sindicato manifesta a súa frontal oposición ao reinicio da actividade lectiva presencial no vixente curso. ANPE subliña en primeiro lugar que "a saúde e seguridade de toda a comunidade educativa en xeral, e dos profesionais da educación en particular, está por riba de todo" e di que ante a falta de garantías sanitarias en materia de desinfección, dotación de equipamentos de seguridade necesarios e a adecuación dos espazos para o mantemento da distancia persoal, "calquera volta ás aulas non pode ter carácter obrigatorio nin para o alumnado nin para o profesorado e máis aínda sen ter elaborada unha determinación previa dos colectivos de risco". Ademais, ANPE oponse ao retorno ás aulas do alumnado de Infantil, subliñando que os colexios "non teñen un carácter asistencial senón educativo".
Críticas ao regreso ás aulas a partir do 25 de maio
CIG-Ensino pídelle a Carmen Pomar que "deixe de agocharse tras as decisións do goberno de Madrid"
As dúbidas e críticas dos sindicatos esténdense ao horizonte que se podería producir dentro de súas semanas coa incorporación de alumnado ás aulas (aínda que fose só unha parte). CIG-Ensino amosou a súa oposición a este regreso ás aulas se non é con “plenas garantías sanitarias”. O secretario nacional do sindicato, Suso Bermello, remitiulle unha carta á conselleira Carmen Pomar na que lle pide que "deixe de agocharse tras as decisións do goberno de Madrid" e negocie "tanto esta cuestión como o inicio do vindeiro curso coas organizacións representativas do profesorado".
CIG-Ensino lembra que hai comunidades que xa anunciaron que non vai haber ningún tipo de regreso ás aulas até setembro e outras que teñen un plan definido e por quendas de reincorporación
“Tal e como se viñeron facendo as cousas, con falta de planificación e improvisación absoluta, moito nos tememos que este final de curso vai ser de todo menos tranquilo”, afirmou Bermello, que critica a "incerteza" que agora se engade sobre profesorado e alumnado, que xa tiveron que superar nos últimos dous meses unha situación moi complicada.
CIG-Ensino lembra que hai comunidades que xa anunciaron que non vai haber ningún tipo de regreso ás aulas até setembro e outras que teñen un plan definido e por quendas de reincorporación "no que non se inclúe, por exemplo, o alumnado de Infantil, que é o que tería maiores dificultades para seguir as normas de protección e de mantemento de distancias de seguridade".
De igual xeito, ANPE, que se manifesta totalmente en contra deste retorno ás aulas, argumenta que "dado o escaso horizonte temporal que temos por diante, habería que realizar un esforzo colosal en materia de desinfección dos centros e de dotación dunhas mínimas medidas de seguridade". Así mesmo, afirma que "non entendemos como poderá o profesorado atender de forma paralela un ensino presencial e outro online, ante a falta de recursos telemáticos suficientes nos centros".
"No mellor dos casos, estimamos que no caso de reiniciarse a actividade lectiva presencial un mes antes do final do curso, o alumnado só tería dúas semanas nesta modalidade", di ANPE
O sindicato conclúe que "no mellor dos casos, estimamos que no caso de reiniciarse a actividade lectiva presencial un mes antes do final do curso, o alumnado só tería dúas semanas nesta modalidade, ao ter necesariamente que establecerse rotacións na asistencia do alumnado para manter as distancias de seguridade". "Polo tanto, poñemos en dúbida que mereza a pena asumir tantos esforzos e riscos para un período presencial tan curto", di, apostando pola contra pola correcta planificación do seguinte curso "para reforzar e recuperar os contidos e destrezas que non se puideran traballar de xeito axeitado no último trimestre do presente ano académico".