Desde este pasado martes, os centros de ensino volven ás clases tras as vacacións para dar comezo ao terceiro trimestre nunha anómala situación polo coronavirus. Coas aulas baleiras e impartíndose --con grandes diferenzas entre alumnado e centro-- a través da rede, a Consellería de Educación segue a recibir críticas pola incerteza que denuncian docentes e familias, pero tamén por decisións que voces de ambos ámbitos consideran "surrealistas".
A Consellería demandou ao profesorado de baixa que avaliase o alumnado no segundo trimestre, ao tempo que confirmaba que non habería substitucións
Así acontece no caso das baixas. Tal e como denunciaron CIG-Ensino e varios docentes, e puido confirmar Praza.gal, a Consellería de Educación advertiu ao profesorado de baixa que debía avaliar o alumnado no segundo trimestre ao tempo que confirmaba que non se cubriría ninunha desas ausencias. Xa que logo, debían poñer as notas da segunda avaliación malia gozaren dunha incapacidade temporal.
Foi o pasado 1 de abril cando a Consellería trasladou á Xunta Autonómica de Directores nunha xuntanza que o profesorado de baixa debía avaliar a distancia, "sempre que a súa situación o permita", e que no caso de que isto non fose posible, sería outro membro do departamento quen se ocupase. Tal e como se recolleu na acta desta reunión, que se fixo chegar aos equipos directivos dos centros, o departamento que dirixe Carmen Pomar aclaraba tamén que non se nomearían substitutos.
A Xunta non subsituirá o profesorado de baixa e ordena que sexa o departamento deste docente quen se ocupe dos seus labores
Varios días despois, e noutras instrucións remitidas á xunta de directores, a Consellería de Educación insistía en que as baixas médicas se tramitarían igual e que non se nomearían substitutos, sendo o departamento ao que estivese asignado ese docente que causa baixa quen se ocupe das súas tarefas.
"Non se está substituíndo ninguén, nin tan sequera a xente á que lle toca xubilarse", explica Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, sindicato que cre que a medida "non ten xustificación, mídese por un afán de redución de gasto e implica unha maior sobrecarga de traballo para o profesorado en activo".
Desde varios centros, docentes consultado critican que se fixese traballar persoal cunha incapacidade temporal e pregúntanse, en todo caso, quen se encargará das tarefas do compañeiro ou da compañeira non substituído se o seu departamento é unipersoal, como ocorre noutros centros. A alternativa, supoñen, é que sexa o equipo directivo ou "departamentos afíns" os que acaben por asumir os seus labores.
Este diario púxose en contacto en varias ocasións coa Consellería de Educación para coñecer a súa versión dos feitos, sen obter aínda resposta ningunha.
Ademais, e segundo puido saber Praza.gal, o departamento está negando a reincorporación ao profesorado que estando cunha excedencia, con redución de xornada ou cun permiso está a solicitar netes días a súa volta a xornada completa.