A presentación de solicitudes de admisión retomarase do 11 ao 18 de maio e o resto de trámites posteriores veranse reducidos á metade do tempo habitual
A Xunta publica este mércores no Diario Oficial de Galicia diversos acordos polos que adapta ou interpreta algúns dos primeiros pasos do desconfinamento polo coronavirus en múltiples ámbitos de actividade. Na educación, o Goberno galego decide retomar do 11 ao 18 de maio o prazo para presentar as solicitudes de admisión nos centros educativos para o próximo curso 2020/21 e repón obrigas de asistencia presencial aos centros de parte do seu persoal en función das súas características.
Segundo o DOG, a partir do segundo ciclo de educación infantil e ata bacharelato, “restablecerase o prazo para a presentación das solicitudes de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos, polo tempo que restaba cando se declarou o estado de alarma, de xeito que se iniciará o día 11 de maio de 2020 e rematará o día 18 do mesmo mes”. O acordo non di nada a respecto de posibles solicitudes telemáticas.
Posteriormente a ese prazo de presentación de solicitude, “os demais prazos do procedemento de admisión reduciranse á metade” deste xeito:
- Presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo: ata o día 26 de maio de 2020.
- Publicación das listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido: antes do 9 de xuño de 2020.
- Poderanse formular reclamacións contra as listaxes provisionais no prazo de 3 días hábiles contados desde o seguinte ao da súa publicación.
- Publicación das listaxes definitivas do alumnado admitido e non admitido: ata o 26 de xuño de 2020.
- Formalización da matrícula en educación infantil e primaria: do 1 ao 10 xullo de 2020.
- Formalización da matrícula ordinaria en educación secundaria obrigatoria e bacharelato: do 1 ao 10 xullo. Prazo extraordinario: do 1 ao 10 de setembro de 2020.
Para xestionar estes procedementos de solicitude de praza e matrícula a Xunta tamén volve mudar as esixencias de actividade presencial nos centros educativos por parte do seu persoal, tras sucesivos cambios ao comezo do confinamento. Agora establece unha serie de obrigas de presenza física en función do tamaño dos centros e das tarefas a realizar polo seu persoal:
- A partir do día 11 de maio é obrigatoria a presenza nos centros educativos de ensino non universitario de 6 ou máis unidades de, polo menos, un membro do equipo directivo no horario habitual do centro, en xornada de mañá.
- Nos centros de menos de 6 unidades é obrigada a presenza do director ou profesor responsable os días precisos para a realización dos trámites de escolarización e presentación da documentación ou doutros procedementos.
- Nos centros educativos en que exista persoal administrativo é obrigatoria a presenza no centro nos días que estableza a dirección do centro educativo para atender todos os trámites derivados do proceso de admisión e doutros procedementos.
- Desde a mesma data é obrigatoria a presenza do persoal de limpeza nos centros educativos para a realización de tarefas de limpeza e desinfección, que o DOG concreta.
A adxudicación das prazas quedará en mans das xefaturas territoriais da Consellería de Educación e non das comisións de escolarización, que non se constituirán
O acordo da Xunta tamén establece que para a adxudicación das prazas escolares "con carácter excepcional, non se constituirán as comisións de escolarización" de xeito que "todas as funcións para a adxudicación subsidiaria de postos escolares que se atribúen ao dito órgano do proceso de admisión serán asumidas e desenvolvidas polos servizos territoriais de Inspección educativa de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería".
A Xunta tamén acordou levantar a suspensión das actividades de formación en centros de traballo establecida para a Formación Profesional.