O Goberno galego fai algunhas interpretacións flexibles do que permite o Ministerio de Sanidade e deixa outras en mans de concellos ou centros de menores
Ademais de reabrir os prazos de matrícula escolar e repor obrigas de asistencia a parte do persoal dos centros educativos, a Xunta publica este mércores no Diario Oficial de Galicia diversos acordos polos que adapta ou interpreta algúns dos primeiros pasos do desconfinamento polo coronavirus decididos polo Goberno central noutros múltiples ámbitos de actividade. Nalgúns casos o Goberno galego fai interpretacións flexibles do establecido a nivel estatal e noutros deixa as decisións en mans de concellos ou centros de menores.
Prohibidas as saídas en centros de dependentes e a criterio de cada centro de menores
O Ministerio de Sanidade deixou en mans das comunidades autónomas a regulación das saídas para paseos e actividades deportivas en centros residenciais. A Xunta decide que nos centros para persoas dependentes non se permitan saídas. “Esta limitación establécese de forma análoga á recollida na orde sinalada para os residentes en centros sociosanitarios de maiores, por tratarse en ambos os casos de colectivos de especial vulnerabilidade ante o Covid-19”, di a Xunta. No caso dos centros de menores, a Xunta establece que as súas saídas “desenvolverase de xeito non individual e en compañía dun educador ou coidador, de acordo co criterio técnico do equipo directivo do centro”.
Permitida a pesca deportiva fluvial e marítima como actividades deportivas individuais
A Xunta interpreta que a pesca deportiva tanto fluvial como marítima pode encadrarse dentro das actividades deportivas individuais ao aire libre autorizadas polo Ministerio de Sanidade, coas súas mesmas restricións de horarios e en función de se os particulares están federados ou non. O Goberno galego di que transmitiu por escrito ao Ministerio de Sanidade a súa interpretación ao respecto o pasado sábado día 2 de maio e que ao non obter aínda este martes día 5 “ningunha contestación dese ministerio que se opoña a esta interpretación” considéraa válida e autoriza esas actividades en Galicia.
Autorizado o uso de embarcacións de recreo para actividades deportivas individuais
No caso do uso de embarcacións de recreo, a Xunta reflicte no DOG a resposta ofrecida polo director xeral da Mariña Mercante a respecto do seu posible uso durante esta fase cero do desconfinamento. Está autorizado o acceso ás embarcacións dunha persoa para tarefas de seguridade e mantemento e o seu uso só pode ser para actividades deportivas individuais segundo as restricións xerais establecidas para esas actividades. Os desprazamentos ata as embarcacións están suxeitos ás restricións xerais.
Levantada a suspensión de queimas agrícolas a partir do día 11
A Xunta acorda “levantar a suspensión da realización de queimas nos terreos rústicos, suxeitas á obtención de autorización previa, ou á comunicación, segundo corresponda a partir do vindeiro 11 de maio”, ampliando así a actual restrición que só as permitía para agricultores profesionais por motivos fitosanitarios excepcionais e previa autorización. Quen xa tivera unha autorización anterior terá que volver a solicitala.
Ampliación da temporada do Parque das Illas Atlánticas e dos furanchos
A Xunta establece que a temporada alta do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que permite ampliar o número de visitas, se estenda ata o 15 de outubro en vez do seu remate habitual no 15 de setembro. O Goberno galego tamén recomenda aos Concellos, nos que deitou no seu momento ese tipo de autorizacións, que amplíen o período anual de funcionamento dos furanchos. A lei galega que os regula contempla que poden abrir tres meses entre o 1 de decembro e o 30 de xuño, e que de xeito excepcional poden solicitar que ese período se estenda ata o 31 de xullo, petición que a Xunta quere agora que os concellos autoricen.
Consulta ao Goberno central sobre a instalación de cociñas ou carpintaría en domicilios
Neste caso a Xunta non toma ningún acordo efectivo real para o sector nin para os particulares senón que o que decide é “elevar ao Goberno central” a súa interpretación de que se poidan realizar obras de instalación de cociñas ou carpintaría en domicilios particulares se se cumpren as condicións de seguridade, autoprotección e distanciamento social. Faino porque considera que o Ministerio de Sanidade deixou no aire esas actividades que considera “fortemente demandadas polos usuarios” pola “necesidade de manter o mobiliario e os elementos de carpintaría en perfecto estado, dado o incremento do uso derivado da maior permanencia dos usuarios” nos seus domicilios.
Outras autorizacións administrativas
A Xunta tamén regula diversos procedementos administrativos para outorgar autorizacións temporais para a comercialización de equipos de protección individual (EPI) para fabricantes ou importadores, establece o procedemento de suspensión de determinados tipos de máquinas de xogo mentres os locais nos que se atopan sigan pechados ou regula unha certificación provisional da aptitude dos condutores profesionais.