A Consellería do Medio Rural repón a obriga de portar un documento que identifique a leira e o tipo de cultivo cinco días despois de que o Goberno central autorizase os desprazamentos sen ese requisito
O 24 de marzo a Xunta estableceu que só se poderían realizar desprazamentos a actividades agrarias de autoconsumo a un máximo de 500 metros do domicilio e con carné de manipulador de produtos fitosanitarios. A pasada semana, o martes 28 de abril, permitiu eses desprazamentos en todo o termo municipal do domicilio e ata 5 quilómetros nun concello veciño portando unha declaración responsable que identificase a leira e o tipo de cultivo.
O sábado 2 de maio o BOE, cunha orde asinada dous días antes polo ministro de Sanidade, estableceu que eses desprazamentos se poidan facer ata todo o termo municipal dun concello veciño e sen ter que levar unha declaración responsable. Pero este martes, cinco días despois, o Goberno galego volve esixir esa documentación.
“As persoas que teñan cultivos ou viñas de autoconsumo deberán levar consigo unha declaración responsable que comprenda as leiras en que levan a cabo os ditos cultivos, incluíndo a identificación da parcela e o tipo de cultivos que realiza”, di o DOG
O Diario Oficial de Galicia deste martes publica unha nova orde da Consellería do Medio Rural que volve establecer que “as persoas que teñan cultivos ou viñas de autoconsumo deberán levar consigo unha declaración responsable que comprenda as leiras en que levan a cabo os ditos cultivos, incluíndo a identificación da parcela e o tipo de cultivos que realiza”. Unha orde coa que di querer “coordinar a normativa ditada na Comunidade Autónoma de Galicia coas disposicións ditadas” polo Ministerio de Sanidade.
Medio Rural xustifica a súa orde “no marco das competencias exclusivas que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación, fomento e mellora da produción agrogandeira, a protección e control da sanidade animal e vexetal, a defensa da produción nos cultivos vexetais agrícolas e os seus produtos” segundo o previsto no Estatuto de Autonomía.
A declaración responsable terá que indicar tamén as causas xustificadas que permitan a presenza de dúas persoas na leira
Na orde do ministerio do pasado sábado nada se di de ter que portar unha declaración responsable e sinala que os traballos realizaranse “de forma individual, salvo que se acompañe a persoas con discapacidade, menores, maiores, ou por outra causa xustificada”. Pola contra, na que agora emite a consellería engádese que esas causas xustificadas para as que pode ser necesaria a presenza de dúas persoas nas leiras, entre as que cita “o tipo de traballos ou cultivos, ou por calquera outra”, deberá “especificarse na declaración responsable, sinalando o concreto tipo de traballos ou cultivos ou, se é o caso, a causa xustificada de que se trate”.