Clandestinos e da casa, como a caña de herbas que destila o parente dun parente ou o licor café da avoa dunha veciña. Así funcionaron ata agora os furanchos, isto é, os locais habilitados en casas particulares inicialmente concibidos para consumir o viño excedente da propia colleita acompañado de alimentos caseiros. Durante anos moitos furancheiros e furancheiras foron ampliando os seus negocios, manténdoos abertos boa parte do ano e servindo moito máis que o viño da casa e un petisco para acompañar. Pero iso semella ter os días contados, cando menos sobre o papel e en virtude dun decreto que vén de aprobar a Xunta.
Hai xa case unha década que os sector hostaleiro comezou a mirar cara a San Caetano reclamando que se lles puxese couto aos furanchos: vían competencia desleal nesta caste de paraísos fiscais das paparotas, libres de impostos e tamén de rexistros ou miramentos sanitarios. Xa o Goberno bipartito comezara o diálogo co sector da restauración e cos representantes dos furanchos para atopar unha solución, labor que continuou o actual gabinete cun decreto que trae consigo o arrecendo da polémica. Os furancheiros xa non poderán abrir cando queiran, non poderán servir o viño como lles pete nin tampouco ter unha variedade infinita de manxares. Por non poder, xa non poderán nin cobrar a ollo.
Os furanchos só poderán abrir tres meses a elixir entre o 1 de decembro e o 30 de xuño e deberán emitir facturas
Atendendo ao decreto que este xoves pasou polo Consello da Xunta ningún furancho poderá funcionar se o seu propietario non regulou "a totalidade do seu viñedo no Rexistro Vitivinícola de Galicia". O viño, que deberá ser servido directamente do pipote, terá que consumirse nun local que cumpra "coa normativa vixente relativa ás normas de hixiene" e á "protección contra incendios e fronte ao tabaquismo". Con estes requisitos na man o furancho poderá abrir as portas, previa presentación dunha declaración responsable que comprobará o Concello que lle corresponda e na que deberá figurar "o período en que pretenden funcionar": só tres meses a elixir entre o 1 de decembro e o 30 de xuño. O municipio, pola súa banda, elaborarán un Rexistro de Furanchos.
Pero as restricións chegan tamén ao menú. Nos furanchos "poderan ofertarse un máximo de cinco tapas", tamén reguladas por decreto, a saber: "táboa de embutidos e queixos, pementos variedade Padrón, orella-chourizo, zorza-raxo, costela, ovos fritidos, sardiñas-xurelos á brasa, bandullo-feixoada, tortilla de patacas, empanadas-empanadiñas e croquetas", informa a Xunta. Á hora de pagar a clientela deberá poder dispoñer dunha factura "que detalle os prezos" -terán, polo tanto, que aplicar o IVE- e solicitar unha folla de reclamacións, se así o considera oportuno. Ademais, o ramallo de loureiro que adoita identificar estes os furanchos agora será máis ca unha tradición, deberá figurar "nun lugar visible". E, por se acontecen accidentes, cada furancho deberá contar co seu seguro de responsabilidade civil. Arrecende a polémica.