A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de remitir aos centros de ensino o documento de instrucións para o desenvolvemento do terceiro trimestre, marcado necesariamente polos efectos da pandemia de coronavirus e o obrigado confinamento. Estas instrucións seguen os criterios fixados polo Ministerio de Educación hai dúas semanas, nos que se decidiu que se facilitaría a promoción do alumnado ao seguinte curso como norma xeral e que o terceiro trimestre se dedicaría unicamente ao reforzo de contidos, realizándose a avaliación con nota en base ao traballo desenvolvido nos dous primeiros trimestres.
As clases rematarán o 19 de xuño, agás no 2º de Bacharelato, que rematarán o 9 de xuño
Cando rematan as clases? As actividades lectivas non irán máis aló do calendario que xa estaba fixado para este curso, desbotándose polo tanto a posibilidade de habilitar o mes de xullo para a realización destas actividades. As clases rematarán, polo tanto, o 19 de xuño, agás no 2º de Bacharelato, que rematarán o 9 de xuño, para deixar tempo de marxe para a preparación dos exames de Selectividade, que se desenvolverán do 7 ao 9 de xullo en Galicia.
Descártase o regreso do alumnado ás aulas presenciais? Non, a instrución non fai unha previsión dun posible retorno ás aulas físicas, que dependerá do decidido polas autoridades sanitarias, pero sinala que "as actividades lectivas que se desenvolvan durante o terceiro trimestre deberán combinar de maneira integrada as actividades a distancia e as presenciais que puidesen levarse a cabo, segundo evolucione a situación sanitaria".
Durante o terceiro trimestre desenvolveranse actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores
Que se fará no terceiro trimestre? Durante o terceiro trimestre desenvolveranse actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores que resulten necesarias para todo ou parte do seu alumnado. Ao alumnado que non adquirise as aprendizaxes e competencias imprescindibles nos dous primeiros trimestres do curso, proporánselle actividades que lles axuden a adquirilas e superar a materia. As instrucións da Consellería sinalan que "na medida do posible deseñaránse actividades globalizadoras e interdisciplinares, debidamente titorizadas, promovendo o traballo colaborativo entre os equipos docentes".
Quen pasará de curso? Haberá aprobado xeral? Non haberá aprobado xeral, pero a promoción de curso "será a norma xeral en todas as etapas", considerándose a repetición de curso una medida "moi excepcional", que non poderá estar baseada unicamente no número de materias non superadas, e deberá estar solidamente argumentada e acompañada dun plan preciso de recuperación para cada alumno ou alumna.
En ESO e 1º de Bacharelato poderase promocionar con máis de dúas materias pendentes sempre e cando a Xunta de avaliación así o acorde, considerando que a evolución do alumno ou alumna foi positiva
En ESO e 1º de Bacharelato poderase promocionar con máis de dúas materias pendentes sempre e cando a Xunta de avaliación así o acorde, considerando entre outros criterios que a evolución do alumno ou alumna foi positiva, demostrando unha madurez persoal e académica que o capacitan para alcanzar os obxectivos e as competencias clave no segundo curso co correspondente programa de reforzo.
Ocorre o mesmo coas titulacións? O alumnado poderá obter un título con materias suspensas? As instrucións deixan moi claro que "a titulación do alumnado non poderá verse prexudicada polo cambio na metodoloxía na aprendizaxe non presencial". Os centros educativos revisarán e flexibilizarán os criterios de titulación en todas as etapas educativas sen ter en conta limitacións que afecten ao número de áreas pendentes. A única excepción é a obtención do títulos nos niveis de ensino non obrigatorio, como é o caso do Bacharelato.
Os centros educativos revisarán e flexibilizarán os criterios de titulación en todas as etapas educativas
Haberá algunha posibilidade de recuperación? No caso do alumnado do que non se dispoña de información obxectiva para unha avaliación de materias pendentes ou con avaliación negativa, poderá ser convocado a unha proba telemática, se a situación sanitaria non permite a realización de probas presenciais. Esta proba poderá ser substituída pola realización de traballos ou actividades que permitan unha avaliación obxectiva.
A avaliación e cualificación realizarase unicamente sobre as aprendizaxes desenvolvidas durante os dous primeiros trimestres do curso. Tamén se terá en conta o traballo desenvolvido de forma virtual "sempre e cando beneficie ao alumnado"
Como se avaliará ao alumnado? A avaliación e cualificación realizarase unicamente sobre as aprendizaxes desenvolvidas durante os dous primeiros trimestres do curso. Tamén se terá en conta o traballo desenvolvido de forma virtual "sempre e cando beneficie ao alumnado". É dicir, unicamente para subir nota. A avaliación das aprendizaxes desenvolvidas a partir da suspensión das actividades lectivas presenciais será continua. O obxectivo é que ningún alumno ou alumna se vexa prexudicada polas circunstancias nas que tivo que seguir as clases a distancia.
Como se loitará contra as fendas de todo o tipo que sofre o alumnado? A instrución indica que os centros educativos prestarán especial atención a identificar o alumnado desconectado por diversas circunstancias ou non localizable e prepararán plans específicos de recuperación do vínculo escolar e de reforzo que lles axuden a reincorporarse á actividade educativa tan pronto como sexa posible. Así mesmo, farán un especial esforzo para identificar o alumnado que carece de medios de conexión dixital e "arbitrarán as medidas necesarias e facilitarán o uso de distintos tipos de dispositivos adecuados para a atención educativa a este alumnado". Así mesmo, os centros educativos organizarán os seus recursos de apoio para favorecer na medida do posible a axeitada atención ao alumnado con necesidades educativas especiais, favorecendo o seu acceso ao currículo por medio da adaptación dos instrumentos, tempos e apoios.
Os centros prestarán especial atención a identificar o alumnado desconectado por diversas circunstancias ou non localizable e prepararán plans específicos de recuperación do vínculo escolar e de reforzo
Como será o inicio do vindeiro curso? Os centros educativos e o profesorado emitirán un informe individual valorativo do traballo realizado polos seus alumnos e alumnas no curso, que inclúa os atrasos que puidesen terse producido e un plan de recuperación destes. Dito informe será tido en conta de cara a programación do curso 2020-2021. As instrucións prevén que os centros e o profesorado organizarán plans de recuperación e adaptación do currículo e das actividades educativas para o curso 2020-2021, co obxecto de permitir o avance de todo o alumnado e especialmente dos máis atrasados.
En ESO os alumnos e alumnas que promocionen sen ter superado todas as materias deberán matricularse das materias non superadas
Acceso de Primaria a ESO: O informe individual será de especial relevancia no caso dos alumnos e alumnas que cursasen sexto curso de Educación Primaria e que accederán á etapa de Educación Secundaria Obrigatoria. Terá carácter informativo e orientador, detallando aquelas aprendizaxes imprescindibles non adquiridas a causa das circunstancias do terceiro trimestre.
Que pasa co alumnado que pase de curso con materias suspensas? En ESO os alumnos e alumnas que promocionen sen ter superado todas as materias deberán matricularse das materias non superadas como ata agora, e seguirán os programas de reforzo, individuais ou grupais, que estableza cada equipo docente no marco que se dispoña pola administración educativa para o vindeiro curso.
A diferenza do que sucede noutros niveis, para obter o título de bacharel será necesaria, con carácter xeral, a avaliación positiva en todas as materias dos dous cursos. Porén, os centros poderán flexibilizar, de maneira excepcional, os criterios
Que condicións se deben cumprir para obter o título de Bacharelato? A diferenza do que sucede noutros niveis, para obter o título de bacharel será necesaria, con carácter xeral, a avaliación positiva en todas as materias dos dous cursos de Bacharelato. Porén, os centros poderán flexibilizar, de maneira excepcional, os criterios de obtención do título de Bacharelato sen ter en consideración as limitacións que afecten ao número de materias non superadas, cando, a xuízo do equipo docente, o alumno ou alumna teña adquiridos suficientemente os obxectivos xerais da etapa que lle permitan continuar o seu itinerario académico.
Que pasa na FP? Ao igual que no resto do ensino, flexibilizaranse e adaptaranse os criterios de avaliación dos módulos profesionais de formación en centros de traballo e de Proxecto, no seu caso, atendendo ás especiais circunstancias e á dificultade da súa realización por parte del alumnado.