Ministerio e autonomías acordan facilitar que o alumnado pase de curso e basear as notas nos dous primeiros trimestres

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, este mércores na Conferencia Sectorial de Educación © Xunta

O curso escolar rematará no mes de xuño, non haberá clases obrigatorias no verán (aínda que si actividades opcionais de reforzo en xullo), a norma xeral será a promoción do alumnado ao curso seguinte (pero non haberá aprobado xeral) e a avaliación -con nota- farase tendo en conta o traballo dos dous primeiros trimestres, mentres que o realizado durante o confinamento servirá unicamente para mellorar as cualificacións. Estas son as principal conclusións da Conferencia Sectorial de Educación, na que participaron representantes do Ministerio e das Comunidades Autónomas.

A Xunta pide que o Goberno central estableza "un marco normativo que garanta a igualdade de todo o alumnado con independencia do territorio onde viva"

A Consellería de Educación respondeu con críticas ao resultado da Conferencia Sectorial, reclamando que o Ministerio de Educación defina con máis detalle os "criterios de promoción e titulación" especialmente no caso de Educación Secundaria e Bacharelato. "Para Galicia, faise preciso que o Goberno central, como órgano competente, estableza un marco normativo que garanta a igualdade de todo o alumnado á hora de pasar de curso, con independencia do territorio onde viva", sinalou Carmen Pomar. Para a conselleira, deixar aberto o número de materias suspensas coas que se pode promocionar ou titular "resultaría caótico, non só polas desigualdades que pode provocar entre territorios, senón mesmo entre centros educativos segundo a súa tipoloxía".

Fican varias incógnitas por despexar, como a posibilidade dun regreso ás aulas presenciais antes de que remate o curso escolar, unha posibilidade que hai unhas semanas apuntaba a Ministra de Educación "para maio ou comezos de xuño", e que de momento nin se descarta nin se garante, dependendo da evolución da epidemia e das decisións das autoridades sanitarias.

A Ministra de Educación, Isabel Celaá, este mércores na Conferencia Sectorial © Ministerio de Educación

Para Pomar, "se a situación sanitaria o permite e atendendo tamén a criterios de benestar emocional", non se debe descartar un peche de curso presencial que facilite a despedida de alumnado e docentes

A Conselleira de Educación pediu que sexa o Ministerio quen concrete, a partir dos datos que lle traslade o Ministerio de Sanidade, se é posible e recomendable unha volta gradual ás aulas, sempre dándolle prioridade aos alumnos de 2º de Bacharelato. Para Pomar, "se a situación sanitaria o permite e atendendo tamén a criterios de benestar emocional", non se debe descartar un peche de curso presencial que facilite a despedida de alumnado e docentes. 

A este respecto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou este mércores que "sería bo ter en España unha data de referencia" para un posible regreso ás aulas e á normalidade, "con independencia de que se puidese ir axustando en relación coa situación epidemiolóxica. Pero estamos nun abismo no que non temos datas", engadiu. Núñez Feijóo adiantou que este venres o Consello da Xunta realizará "unha deliberación" sobre a situación educativa en Galicia.

O terceiro trimestre deberá aproveitarse para recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores

En cambio, Pomar si expresou o "acordo xeral" da Xunta coa filosofía do documento remitido polo Ministerio canto ao desenvolvemento do terceiro trimestre, segundo o cal os centros educativos deberán aproveitalo para recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores que resulten necesarias para todo ou parte do alumnado. Tamén se recomenda o deseño de actividades globalizadoras e interdisciplicares, debidamente titorizadas, e a promoción do traballo colaborativo.

Alumnado e profesorado manterá, de momento, as aulas virtuais que levan desenvolvendo dende hai un mes. Neste senso, non se fixan tampouco criterios obrigatorios á hora de decidir que contidos tratar nas vindeiras semanas, instrucións que deberán dar as comunidades autónomas. En todo caso, o terceiro trimestre ficará fóra da avaliación, debendo o profesorado valorar os seus alumnos e alumnas en base ao realizado nas clases presenciais, tanto no que se refire á nota de cada materia como á propia promoción de curso e á obtención de títulos ao remate de cada ciclo.

Acordouse que se flexibilizan os criterios de promoción e de titulación “sen ter en conta as limitacións que afecten ao número de materias pendentes”, sinala a Consellería

A promoción do alumnado ao curso seguinte será a norma xeral, pero non haberá aprobado xeral. Nos casos nos que o profesorado valore que un alumno ou alumna non debe pasar de curso, este repetirá. Porén, esta será unha circunstancia "excepcional" e, ademais, terá que ser decidida en base ao traballo realizado nos dous primeiros trimestres. En todo caso, acordouse que se flexibilizan os criterios de promoción e de titulación “sen ter en conta as limitacións que afecten ao número de materias pendentes”, sinala a Consellería. O alumnado que pase ao seguinte curso con algunha materia suspendida, terá que recuperala o vindeiro ano. 

CC-BY-SA verkeorg

No que respecta ao alumnado que remate ciclo (en Primaria, ESO, FP e Bacharelato), este poderá obter o seu título en base a un acordo maioritario e global do equipo docente. A valoración dun único mestre ou mestra -por un mal resultado na súa materia- non poderá impedir o avance de ciclo. O mesmo sucede co alumnado que remata Bacharelato e quere realizar a Selectividade.

Buscarase a opción de que os centros de ensino poidan abrir no mes de xullo para a realización de actividades lectivas e lúdicas non obrigatorias

En canto aos currículos, programacións e actividades que conducen a unha titulación final de etapa, o profesorado deberá ter especialmente en conta esta circunstancia e flexibilizaranse e adaptaranse para axudar todo o posible a que o seu alumnado poida alcanzala.

Un asunto que espertara un gran debate nos últimos días era a posibilidade de que o curso se estendese ao longo do verán, algo que foi descartado, para garantir o descanso de alumnado e profesorado, que nestes días está de forma maioritaria realizando aulas virtuais. Con todo, si que se buscará a opción de que os centros de ensino abran no mes de xullo para a realización de actividades lectivas e lúdicas non obrigatorias, que poidan servir de reforzo aos rapaces e rapazas que así o desexen. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.