O PP emenda o novo regulamento, acordado entre PSOE e Marea, por "impoñer o galego" e "conculcar o dereito dos nenos a recibir a formación na lingua materna"
O PP emenda o novo regulamento das escolas infantís da Coruña por "impoñer o galego". O grupo dos populares na corporación municipal rexistrou unha emenda á nova normativa de organización e funcionamento destes centros, que será votada este xoves no pleno, por considerar que un dos seus artigos "conculca o dereito dos nenos de entre 0 e 3 anos a recibir a súa primeira formación na lingua materna, respectando a predominante entre o alumnado".
Hai agora un mes, a Xunta de Goberno local aprobou o proxecto de novo regulamento logo do acordo entre PSOE e a Marea Atlántica, que establecía a gratuidade desde o vindeiro curso da rede de escolas infantís municipais e que situaba o galego como lingua vehicular, rachando así co modelo lingüístico da Xunta que o goberno local do PP implantara tamén nestes centros en 2014.
Agora, o PP volve ao seu antigo discurso da "imposición", que tanto empregara a nivel autonómico na campaña de 2009 e en anos posteriores, e alude, precisamente, ao polémico decreto do plurilingüismo que o Goberno de Núñez Feijóo aprobou así que chegou ao poder hai máis dunha década. Con esa nova normativa, aínda vixente, os populares rachaban co consenso do Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade en 2004 e que fixara un "mínimo" do 50% das materias en galego, tal e como indicaba o decreto impulsado en 2007.
O PP volve ao antigo discurso da "imposición" no que baseou a campaña autonómica de 2009 e a instauración do polémico decreto do plurilingüismo
O PP da Coruña lembra que o decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non
universitario de Galicia advirte que "na etapa de educación infantil, o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, aínda que deberá ter en conta a lingua da contorna e procurar´que o alumnado adquira, de forma oral e escrita,o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia".
A formación conservadora alude tamén a un "contundente informe" do secretario xeral municipal no que "alerta sobre o incumprimento da normativa" e que o Concello "non é competente para modificar unha normativa que corresponde ao ámbito autonómico".
Fontes da corporación e xurídicas consultadas por Praza.gal advirten da ambigüidade do artigo agora emendado e da dificultade para determinar se incumpriría ou non a normativa, como asegura o PP.
O novo regulamento das escolas municipais, ademais de priorizar o fomento da igualdade, da sustentabilidade ambiental ou da alimentación saudable como obxectivos da educación, establece o galego como "lingua vehicular ordinaria", adoptando "as medidas necesarias para que o alumnado adquira o coñecemento das linguas oficiais de Galicia consonte as capacidades do alumnado deste ciclo".
O regulamento indica que o galego será lingua vehicular, rachando co modelo lingüístico da Xunta que o PP exportara ás escolas infantís da Coruña en 2014
O modelo lingüístico racha así co imposto polo goberno local popular de Carlos Negreira en 2014, cando no anterior regulamento abrazou a política lingüística da Xunta ao establecer que o persoal da escola utilizaría na aula "a lingua materna predominante entre os seus menores, considerando a lingua dominante na contorna".
Como naquel caso, o novo regulamento aposta polo inglés, "garantindo un achegamento" a esta lingua a través "dunha exposición directa ao idioma que se concretará no proxecto lingüístico" do centro.
O PP di presentar a emenda "para que o regulamento das escolas infantís se axuste á legalidade" e considera "esencial o respecto á contorna familiar e social dos alumnos que recolle a normativa e que resulta dunha especial sensibilidade nas idades máis temperás do ciclo educativo".
Ciudadanos tamén amosa dúbidas
Xa o pasado luns, Ciudadanos, a través da súa concelleira Mónica Martínez, alertou na comisión de Facenda local de que o novo regulamento non coincidía no ámbito lingüístico con dous decretos autónomicos, o que podería provocar que asociacións recorresen nos xulgados a normativa. Con todo, a edil da formación laranxa non se mostrou en contra do uso do glego nas escolas infantís e abstívose na votación sobre o asunto.
Desde a Marea Atlántica, grupo que desde o goberno municipal impulsara xa estas mudanzas no regulamento, entende que a nova normativa "recolle a aposta pola lingua galega, pero tamén pola igualdade, pola diversidade, a defensa das traballadoras e facilita o acceso ás familias máis humildes".
"Recolle os valores que debe ter o ensino público", di Silvia Cameán, concelleira da Marea, que lembra que o relator da ONU, Fernand de Varennes, "recolleu recentemente no seu informe a expresa vulneración dos dereitos lingüísticos en Galicia". "Apostamos polo galego porque é defender o noso, o noso patrimonio e dereitos", insiste quen cre que "o PP, coma sempre, mantén unha postura reaccionaria". "Por sorte, a xente colocouno na minoría do pleno", finaliza.