A ONU recomenda revisar as medidas que reducen o ensino en linguas oficiais como o galego

O relator especial das Nacións Unidas sobre cuestións das minorías, Fernand de Varennes © UN

O relator especial das Nacións Unidas sobre cuestións das minorías, Fernand de Varennes, vén de publicar o seu informe definitivo sobre España, no que inclúe as informacións que recibiu sobre a discriminación das linguas oficiais distintas ao español, sobre todo na xustiza e na educación. Unha das recomendacións que lle fai ao Estado é a de “revisar calquera medida ou práctica que poida reducir a proporción de ensinanza" que se desenvolve en linguas minorizadas, entre as que inclúe o galego, nos centros públicos. 

Ademais, pídelles ás autoridades españolas que “garantan” que están dispoñibles recursos, profesores, persoal de apoio e infraestruturas adecuadas para que os nenos das comunidades autónomas con poboacións significativas que pertencen a minorías lingüísticas “teñan a posibilidade de estudar na súa propia lingua”.

Pide garantir que existen recursos suficientes para que os nenos que pertencen a minorías lingüísticas poidan estudar no seu idioma propio

Esta foi a primeira vez que o relator se desprazou a Galicia para recoller información sobre a situación do galego. Durante unha viaxe realizada entre o 14 e o 25 de xaneiro de 2019, de Varennes visitou Santiago de Compostela e entrevistouse con representantes gobernamentais e organizacións da sociedade civil, entre elas A Mesa pola Normalización Lingüística, que considera que o informe é "un primeiro aviso da ONU á Xunta no relativo ao decreto do plurilingüismo".

O relator especial durante o seu encontro con representantes da Mesa pola Normalización Lingüística en 2019 © A Mesa

Recibiu informacións "congruentes" sobre que os galegofalantes "non poden usar a súa lingua, a pesar do aparente dereito a facelo coas autoridades públicas"

No texto elaborado tras esa viaxe, indica que en Galicia a lexislación e o número de iniciativas que promoven a visibilidade do galego "parecen impresionantes inicialmente", e as autoridades galegas "deben ser eloxiadas por iso", pero "parece" que moitas delas "non se implementan de forma efectiva" e na súa visita recibiu "informacións congruentes" sobre que os galegofalantes "non poden usar a súa lingua, a pesar do aparente dereito a facelo coas autoridades públicas".

O asunto da lingua empregada na educación e lograr o equilibrio adecuado é “particularmente sensible e desafiante en España”. Débese, en parte, a que as políticas educativas, incluída a elección da lingua vehicular, son competencia das comunidades autónomas, que teñen diferentes enfoques sobre o asunto.

En Galicia e Navarra, continúa o informe, trasladáronselle queixas de que as estratexias educativas existentes eran “insuficientes para garantir de forma efectiva” que os nenos poidan recibir educación na lingua cooficial distinta ao español.

O relator insta ao Goberno español a retomar os traballos de recompilar datos sobre o impacto dos distintos modelos educativos, en concreto sobre o nivel de competencia na adquisición de fluidez en español e nas linguas cooficiais en todo o Estado, co fin de "axudar a disipar as preocupacións" neste ámbito.

Pídelle a España unha modificación da lei do poder xudicial para "garantir" que os cidadáns poden utilizar as linguas cooficiais

De Varennes analiza tamén a situación da lingua na xustiza e "invita" a España a que modifique o artigo 231 da lei do poder xudicial, que recolle que xuíces, maxistrados, fiscais e demais persoal de xulgados e tribunais usarán o castelán e poderán empregar a lingua cooficial propia se non se opón ningunha das partes.

Este foi identificado coma "un dos obstáculos para a plena implementación por parte de España das súas obrigas en materia de dereitos humanos" relacionados co uso de linguas cooficiais. O texto indica que informacións "congruentes" en diferentes partes do Estado amosan que aos individuos "simplemente se lles pide que acaten o uso elixido da lingua nacional".

Ante o que "parecen ser impedimentos consistentes para o uso das linguas cooficiais que se poderían considerar discriminatorios nalgunhas comunidades autónomas", o relator propón un cambio lexislativo para "garantir" que os cidadáns poidan exercer máis directamente o dereito a usar a lingua cooficial xunto co español.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.