Fernand de Varennes é o relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. Durante doce días realizou unha visita oficial a España para comprobar a situación de colectivos minorizados no Estado e incluíu na súa axenda a Galicia. Aquí, e a través del, a institución recolleu tamén información sobre o galego e a vulneración dos dereitos lingüísticos no país. Foi a primeira vez que o fixo in situ e será a primeira vez que un organismo da ONU tome posición respecto da situación da lingua galega e sobre as eivas que sofre o idioma para a súa normalización desde o emblemático informe presentado ante a UNESCO en 1954, hai 65 anos, por parte da colectividade emigrada e exiliada na Arxentina.
O relator da Oficina do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos visitou Galicia para recoller información sobre a vulneracion dos dereitos lingüísticos
Na súa misión, rematada a pasada semana, De Varennes mantivo xuntanzas con colectivos como A Mesa pola Normalización Lingüística, así como con altos cargos da Xunta e do Estado, a Valedora do Pobo ou representantes da Fiscalía, entre outros. Á espera do ditame amplo e detallado, que será presentado no Consello de Dereitos Humanos da ONU en Xenebra en marzo de 2020, o relator emitiu xa un informe preliminar no que advirte das vulneración de dereitos lingüísticos que se dan en Galicia e noutros lugares do Estado, ademais das discriminacións sufridas por xitanos, inmigrantes ou afrodescendentes noutros ámbitos.
No que ten que ver coas linguas, De Varennes basea a súa avaliación na Guía práctica de 2017 sobre os dereitos lingüísticos das minorias lingüísticas da ONU onde se “poñen de manifesto as obrigas do Estado en virtude de diversas obrigas e outros instrumentos do tratado das Nacións Unidas”. Xa nese informe preliminar, advirte da “preocupación” atopada nas reunións con organizacións civís ao descubrir que “existía unha desconexión entre o estado reclamado dos idiomas cooficiais e o alcance do seu uso real e da implementación da lexislación”.
Así, De Varennes destaca que “os xuíces e os funcionarios encargados de facer cumprir a lei, como a policía nacional, non están suxeitos a ningún requisito de coñecemento dun idioma cooficial, ata cando exercen nunha comunidade autónoma” e advirte de que isto “conduce a un número significativo de queixas e frustracións nalgunhas comunidades autónomas e a desafortunados malentendidos e ata á negación ou discriminación no acceso aos servizos públicos”.
Ademais, fai referencia tamén ao recomendado por outras organizacións como o Comité de Ministros do Consello de Europa –que advertiu en varias ocasións ás administracións galega e española da precaria situación do galego– sobre “disposicións como o artigo 231 da Lei Orgánica do Poder Xudicial”, que supón “un obstáculo importante para o cumprimento por parte de España das súas obrigas internacionais en relación co uso cooficial das linguas minoritarias, xa que estipula que nos procedementos xudiciais, os xuíces, maxistrados, fiscais, secretarios e outros funcionarios utilizarán a lingua castelá e que as linguas minoritarias cooficiais só se permitirán se ningunha das partes se opón”.
A ONU advirte dos "obstáculos" que España impón no cumprimento das súas obrigas internacionais en relación co uso cooficial das linguas, sobre todo no ensino ou no ámbito xudicial
“Isto, na práctica, levou a que en moitos, senón na maioría dos casos, as autoridades xudiciais penais, civís e administrativas non permitan os procedementos en comunidades autónomas na lingua minoritaria cooficial, mesmo se o solicita unha parte. Este obstáculo xeral para o uso dun idioma cooficial minoritario xera preocupacións en canto ao cumprimento das obrigas internacionais de dereitos humanos que se detallarán no informe final”, explica.
Do mesmo xeito, e en canto ao ensino, a ONU advirte da “ausencia de datos empíricos sobre o impacto dos diferentes modelos educativos que utilizan métodos de inmersión, bilingües ou multilingües desde 2010”, algo que é “desafortunado e de pouca axuda”. Así, A Mesa lembra como, tras a aplicación do polémico decreto do plurilingüismo, a Xunta non fixo ningunha avaliación real sobre a competencia dos rapaces nos idiomas, malia que estatísticas como o IGE sinalan xa que as dificultades para manter unha conversa en galego afectan a unha considerable porcentaxe da mocidade, onde a lingua propia perde presenza.
Neste informe preliminar, a ONU lembra os avances “significativos” que España levou a cabo “durante a transición á democracia” no dereito ao uso do seu idioma por parte da minorías lingüísticas, pero aclara que no ditame completo centrarase con máis detalle “nunha serie de áreas nas que pode haber eivas na realización efectiva destes dereitos, en particular na educación, a aplicación da lei e o poder xudicial”, así como nos dereitos das persoas que falan idiomas minoritarios fóra do territorio onde a súa lingua é plenamente oficial.
Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, destaca a importancia de que sexa “a primeira vez que un relator da ONU veña a Galicia a preocuparse do que ocorre coa lingua” e considera o feito un éxito da mobilización social. Neste sentido,salienta que "é máis fácil falar da situación do galego cun representante da ONU que co presidente da Xunta" e denuncia que iso "é un déficit democrático que debe ser corrixido”.
Así, A Mesa, que presentou un informe detallado a De Varanne sobre a situación do galego, reclamoulle xa por escrito a Feijóo que corrixa “as eivas na garantía dos dereitos lingüísiticos da poboación galega sinaladas polo relator da ONU”. Ademais, píden¡lle unha reunión “á maior brevidade posíbel, co convencemento de que avanzar no dereito ao uso pleno do galego é avanzar no futuro da nosa lingua e da sociedade democrática que todos queremos”. “Está a tempo de corrixir todas as eivas indicadas no ditame preliminar antes de que se presente o informe final nas Nacións Unidas”, lembra Maceiras.