No ano 2016 a Xunta lanzou unha liña de axudas para sufragar parte do custo das prazas en escolas infantís privadas, o Bono Concilia, que afondaba na liña de estender o ensino concertado ás escolas infantís polo que xa apostara na etapa de Beatriz Mato como conselleira de Benestar. Alén de problemas de xestión como os atrancos para o acceso no caso de bebés nados a partir de mediados de ano, as solicitudes destes subsidios adoitan superar as previsións orzamentadas polo propio Goberno galego.
Co 'Bono Concilia' o Goberno galego financia parcialmente o custo de prazas en escolas infantís privadas; o orzamento volveu ser insuficiente e por iso tivo que achegar 1,14 millóns máis dos previstos
Como xa sucedera en 2018, a Consellería de Política Social vén de ter que inxectar fondos extra aos previstos inicialmente apenas tres meses despois do inicio do curso escolar 2019-20. Desta volta o incremento obrigado polo alto número de solicitudes é dun 40%: de 3,5 millóns de euros previstos a un total de 4,6.
O Diario Oficial de Galicia publicaba o pasado martes a orde na que o departamento dirixido por Fabiola García evidenciaba que o inicialmente orzamentado volveu non ser dabondo. "O crédito previsto" o pasado maio "non resultou suficiente para atender todas as solicitudes recibidas", evidencia, e por iso cómpre achegar 1,14 millóns de euros máis dos previstos, 414.000 para o propio ano 2019 e algo máis de 720.000, para 2020.
As axudas do Bono Concilia varían en función da renda. Van dende os 22,50 euros ao mes para familias con renda per cápita superior aos 1.000 euros que envíen o fillo ou filla a unha escola infantil en réxime de media xornada ata os 250 euros mensuais, que é o que se adxudica como máximo a fogares con ingresos mensuais por persoa que non superen os 161 euros se o neno ou nena vai á escola privada en xornada completa e con comedor.
O Goberno galego suma estas prazas cofinanciadas en escolas privadas para concluír que Galicia xa está por riba da ratio recomendada pola UE na cobertura das escolas infantís
A propia Consellería admite que o feito de superar os cartos orzamentados non é novo. "Xa en convocatorias anteriores leváronse a cabo ampliacións de crédito neste programa" como vía para "non deixar a ningunha familia sen achega no caso de que lle corresponda", di o departamento autonómico. No entanto, nos Orzamentos Xerais para o ano 2020, actualmente en trámite no Parlamento, os fondos consignados para o Bono Concilia son os devanditos 3,5 millóns de euros, os que segundo a orde publicada esta semana non foron dabondo. Se non son dabondo, terá que botar man doutras partidas pola vía da modificación orzamentaria.
O Goberno galego suma estas prazas cofinanciadas en escolas privadas ás que son de titularidade pública para concluír que Galicia está "nunha ratio de cobertura do 44%" no que atinxe á poboación en idade de ir á escola infantil de 0 a 3 anos, "once puntos por riba da mínima aconsellada pola UE", subliña, nun contexto no que este Bono é presentado como alternativa para as familias que quedaron sen praza en escolas públicas. Así e todo, son diversos os casos nos que as familias se ven abocadas a optaren pola escola infantil privada non só por non lograren praza na pública, senón tamén por que os horarios destas son incompatibles a efectos de conciliación da vida laboral e persoal, entre outros factores.