O Consorcio Galego de Benestar acaba de obrigar a empresa Freire Chico S.L. a "cambiar os provedores de comida de todas as escolas infantís públicas das que xestiona a cociña". A medida preventiva chega logo de que varios centros --entre 15 e 20-- e pequenos fosen afectados por unha reacción alérxica tras consumir un dos menús ofertados, un episodio semellante ao de acontecido o pasado mes, e estará vixente como mínimo mentres Sanidade non emita os seus informes sobre este suceso.
O Consorcio Galego de Benestar obriga a empresa que subministrou os menús a cambiar os provedores e a comprar en "establecementos de proximidade"
Segundo informa a entidade dependente da Consellería de Política Social, esta medida implantarase "tanto nas escolas infantís nas que houbo algún neno que tivese algunha reacción alérxica leve como nas que non rexistraron ningún destes casos", o que pode supoñer algunha modificación nos menús que se prevían inicialmente.
A partir deste xoves día 7, e "de xeito indefinido", todos os produtos (tanto alimentos como enxoval de cociña) deixarán de estar subministrados por provedores centralizados e pasarán a comprarse en "establecementos de proximidade de cada escola infantil". "Todos estes novos provedores deberán contar, como é lóxico, con todos os permisos e acreditacións necesarias para garantir a trazabilidade dos produtos", aclara.
O Consorcio Galego de Benestar, xa que logo, establece que os alimentos sexan de proximidade, un aspecto que non foi valorado para adxudicar os comedores no prego de condicións administrativas do contrato dos provedores do servizo. Tampouco no apartado das condicións técnicas do contrato referido á "calidade dos produtos".
A proximidade dos produtos alimenticios non foi un dos aspectos valorados pola Xunta para adxudicar os comedores das escolas
Neste prego establecíase que o contratista debería garantir "o emprego de produtos de calidade contrastada e en cantidade suficiente" e valorábanse especialmente "aquelas ofertas que manexen produtos e materias primas frescas, sobre aquelas outras propostas que traballen con conxelados e/ou precociñados". Tamén se valoraba, obviamente, o cumprimento das normativas alimentarias e a compra dos produtos en establecementos coas correspondentes autorizacións.
En casos debidamente xustificados, "nos que poida existir un clima social de rexeitamento ou alarma polo emprego de certos produtos, naturais ou elaborados, nas dietas dos escolares", o Consorcio poderá solicitarlle ao contratista "a non utilización dos mesmos na elaboración dos menús escolares", aclara tamén o prego.
Nada se dicía, pola contra, da proximidade dos produtos que agora esixe á empresa Freire Chico, que está a ser investigada ao ser a responsable dos menús que son sospeitosos de ter provocado unha nova reacción alérxica entre varios alumnos e alumnas de 0 a 3 anos das escolas infantís da Xunta, que no contrato no estimaba un custo de 4,10 euros por xantar e 0,50 euros por merenda.