Alumnado de entre 15 e 20 escolas infantís da rede pública da Xunta volveron padecer este martes reaccións alérxicas logo de comer o menú ofertado por estes centros. Pequenos e pequenas sufriron ronchas na cara e arredor da boca despois de consumir crema de cabaza e brócoli e polo con macarróns en centros da Galiña Azul de Cangas, Betanzos, Oza-Cesuras, Carral, Cambre, Fene, Ares, Oleiros (en dúas instalacións) ou Culleredo, entre outros. É o segundo episodio en poucos días nesta rede escolar tras o ocorrido hai só unhas semanas en varios centros con outra reacción alérxica sufrida por varios cativos ao consumir peixe.
Alumnado de entre 15 e 20 escolas da Galiña Azul sufriron unha reacción alérxica tras un episodio semellante o mes pasado por peixe en mal estado
Segundo aclara a Consellería de Política Social, de quen depende o Consorcio Galego de Benestar encargado de xestionar os centros, técnicos de Sanidade tomaron xa mostras do menú sospeitoso para ser analizado e acudiron de novo á sede da firma Airas Catering, compañía que subministra o xantar a boa parte da rede da Galiña Azul.

A empresa pertence ao grupo Chico Freire, que leva moito tempo contratando o cátering para numerosas escolas infantís e á quen lle foi adxudicado o servizo nunha última resolución na que levou catro dos cinco lotes. Un total de 80 centros aos que subministra o menú diario. As adxudicacións do verán deste ano, por dous anos, suman un total de 6,1 millóns de euros.
A empresa agora investigada levou catro dos cinco lotes na última adxudicación do servizo e serve o menú a 80 escolas infantís
En dous dos lotes a empresa competiu con outras oito empresas e noutros dous, con outras dez. Ademais, no procedemento, finalizado en setembro, destacou por ser a economicamente máis vantaxosa para a Administración. Consultada por este diario, a firma aclara que non ten previsto facer declaracións ata que Sanidade non se pronuncie respecto das análises realizadas.
Cos datos na man, a Xunta asegura que tomará as medidas que sexan necesarias, sen descartar ningunha consecuencia, ante un feito que considera "intolerable".
Neste caso, a afectación pola reacción alérxica foi pouco importante e mesmo menor á causada polo consumo de palometa a finais do pasado mes de outubro, atribuída a un elevado nivel de histamina tras racharse a cadea de frío. Os pequenos están a salvo de calquera problema de saúde e as ronchas desapareceron aos poucos minutos, algunhas delas lavando unicamente a cara e o resto co paso do tempo. A rápida aparición das manchas e a reacción axiña dos responsables dos centros provocou que o menú fose substituído de inmediato por parte da Administración.
A Xunta considera "intolerable" o ocorrido, investiga se o caso ten que ver co acontecido o mes pasado e non descarta ningunha medida
A Xunta investiga agora se este episodio ten algo que ver co ocorrido o pasado mes e varias familias xa adiantaron que presentarán reclamacións ante a Xunta de Galicia. Daquela, alumnado de centros de Cangas, Boiro, Mazaricos, Muros, A Coruña ou Arteixo tamén fora afectado.
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, quixo "enviar unha mensaxe de tranquilidade", ao igual que o fai a Consellería de Política Social. "Son casos illados e moi leves", apuntou, tras asegurar que o Goberno galego traballa para "que non se volva repetir".
Pola súa banda, o BNG xa anunciou que pedirá “explicacións á Xunta” tras esta “nova intoxicación alimentaria na rede de escolas infantís da Galiña Azul”. Será a través dunha iniciativa parlamentario do deputado Xosé Luís Rivas e nas que esixirá que se “tomen medidas de inmediato para evitar que volva suceder”. Tamén o grupo Común da Esquerda presentou unha iniciativa na que preguntará sobre as iniciativas previstas pola Administración para impedir novos casos de intoxicación.