O pasado 9 de maio a Xunta publicou a lista de nenas e nenos admitidos na rede de escolas infantís públicas -as do Consorcio e mais da Axencia de Servizos Sociais-, afectadas no vindeiro curso polo xa anunciado incremento de prezos. Os datos oficiais rexistraron 7.702 admisións e unha "lista de agarda provisional" de 3.489. Diante destas cifras -e alén de algunhas das agardas fosen de familias "que tiñan marcadas varias opcións"- o Goberno galego advertiu de que a súa "previsión" pasaba por que "ningunha familia que teña solictado praza" quede "sen recurso de conciliación". "A lista de agarda eliminarase a través do programa do Bono Concilia", co que a Consellería de Política Social adxudica "axudas directas" para pagar escolas privadas se non lograron unha pública, resumía. No entanto, este programa segue a incluír restricións para os bebés que nazan na segunda metade do ano.
Na liña do anunciado no primeiro comunicado oficial da Consellería, o día 22 do mesmo mes o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, aproveitaba a visita a un centro social financiado pola Fundación Amancio Ortega para "asegurar" que "as familias que non teñan unha praza nunha escola pública", podían contar con que terían "unha praza concertada". "Este curso xa non houbo lista de espera nas escolas de Galicia", mantivo o presidente e no "próximo volvemos a comprometernos a que non haxa ningún neno dunha familia galega que teña que quedarse sen unha praza nunha escola infantil", dixo en referencia ao devandito Bono Concilia.
A Xunta asegura que "todas" as familias con nacementos posteriores a xuño poden acceder ao Bono Concilia, pero a convocatoria oficial segue a limitalo aos concellos que non conten con escolas infantís públicas
Neste contexto, esta semana o Diario Oficial de Galicia publicou a orde que regula ese programa de cheques para o pagamento de escolas infantís privadas e Política Social volveu difundir un novo comunicado ao respecto. No texto oficial subliñáronse as "diversas novidades" introducidas na convocatoria para "chegar ao maior número de familias posibles". Así, o departamento de José Manuel Rey sinala a maior flexibilidade para a infancia con necesidades específicas e, xunto a el, a ampliación "dos supostos de admisión de solicitudes fóra de prazo". "Ábrense a todas as familias nas que se produza un nacemento, acollemento ou adopción (...) con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes". Este precepto, explicou a Consellería, insírese "fronte á esixencia de ter que residir en concellos onde non existan escolas infantís sostidas con fondos públicos" que, lembraba, se incluíra "na convocatoria anterior".
Así e todo, a esixencia que segundo o comunicado de Política Social xa non existe si continúa incluída no texto oficial da orde. Nomeadamente, o artigo 9.3 indica que "con carácter excepcional", poden ser presentadas "solicitudes fóra de prazo" se son "daquelas familias que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos" e "nas que se producise un nacemento, acollemento ou adopción da nena ou neno con posterioridade á finalización do prazo de presentación de solicitudes", que se prolonga durante un mes dende a publicación da orde, isto é, ata finais de xuño. Deste xeito, aínda que o abano de posibilidades é máis amplo que noutrora, o obxectivo de que "todas as familias solicitantes" teñan praza non atinxirá aos bebés que nazan despois de xuño se no seu concello existe unha escola infantil sufragada directamente pola Xunta.
A contía deste cheque oscila entre os 45 e os 250 euros, en función da renda e de se a escola elixida ofrece ou non servizo de comedor e a Xunta inclúeo nos seus "recursos para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Dous anos despois de estender o modelo do ensino concertado tamén ás escolas infantís o Goberno indica que o Bono Concilia é "complementario" á rede de 166 escolas con 9.739 prazas públicas, ás 424 prazas concertadas en 23 escolas privadas e ás 2.700 que ofrecen os 48 centros infantís promovidos por entidades sociais. Nos últimos oito anos, destaca o Executivo, a "ratio de cobertura" das escolas infantís financiadas pola Xunta pasou "do 19% ao 37,29%".