A suba da enerxía incrementa os prezos das escolas infantís da Xunta un 3,2%

Responsables do Consorcio e da Consellería, presentando a convocatoria nunha escola infantil de Lugo © Xunta

As mudanzas na macroeconomía adoitan ter incidencia na vida real das persoas, aínda que non sempre é perceptible dun xeito concreto. As familias con nenas e nenos de entre 0 e 3 anos que queiran optar a unha das 22.439 prazas de escolas infantís da Xunta para o curso 2017-2018 -123 máis que neste curso, pola apertura de dous centros en Arteixo e Burela- percibirán no seu peto un destes indicadores, o índice de prezos ao consumo (IPC), que comezou xaneiro co maior incremento en media década a causa, fundamentalmente, da alza nos prezos da enerxía. Por este motivo, as escolas custarán o curso que vén un 3,2% máis.

A Consellería de Política Social vén de publicar no DOG as ordes para adxudicar as prazas das escolas dependentes do Consorcio de Igualdade e Benestar e mais das ligadas á Axencia Galega de Servizos Sociais, na que o Goberno pretendía disolver o Consorcio ata que, tras seis anos, deu en desbotar a idea. Á espera de que se promulguen as correspondentes resolucións de prezos xa é posible avanzar cales serán as súas subas, toda vez que están regulados por unha normativa que, aprobada en 2012 e modificada en 2014, vincula estes importes coa variación do IPC no mes de xaneiro anterior ao inicio do curso correspondente -anteriormente a referencia era xuño-.

Unha parella cunha soa filla ou fillo e senllos salarios de 1.065,20 euros mensuais terá que pagar a tarifa máxima, cuxa suba será de entre 5 e 7 euros ao mes

Despois de dous anos co IPC en cifras negativas e, polo tanto, co prezo das escolas conxelado -cando este indicador sobe, sobe o importe das escolas pero cando baixa, permanece intacto-, nesta ocasión tocará "actualizalos" co devandito 3,2%, o que suporá unha suba de ata 7,60 euros ao mes nas familias que teñan que abonar o prezo máximo, isto é, aquelas cuxos ingresos per cápita sexan máis de dúas veces o IPREM -o indicador utilizado para acceder a diversas axudas públicas-, isto é, 1.065,20 euros.

Atendendo ás normas dos últimos baremos aprobados unha parella cun só fillo ou filla na que os dous membros teñan un salario mensual de 1.065 euros terían que facer fronte a ese prezo máximo, o cal quedaría en 169,25 euros, 5 máis que ata agora, se prescinden do servizo de comedor. Pola banda baixa, só poderían acceder ao servizo de escola infantil de balde aquelas familias nas que os ingresos mensuais por cabeza rolden, como moito, os 266,26 euros -un único soldo de 532 euros mensuais no caso dunha parella cun só fillo ou filla, por exemplo-. Segundo a normativa de 2014 tamén están exentas de pagamento as familias "cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais", isto é, 625 euros ao mes, "a partir da segunda filla ou fillo que acuda á mesma escola infantil".

Outras novidades da convocatoria

Alén do incremento das tarifas as convocatorias de prazas de escolas infantís para o curso 2017-2018 traen consigo outras novidades. Así, destaca Política Social, nas escolas dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais "contémplase a apertura dunha escola por localidade" nas vacacións de Nadal e Semana Santa "independentemente da demanda existente", xa que ata agora cumpría que houbese un mínimo de 15 nenas e nenos.

O Goberno galego pono acento en que o número total de prazas "sostidas con fondos públicos", isto é, tanto as públicas como as concertadas (424 prazas), as de iniciativa social (2.623 prazas) e as dependentes de entidades como o Sergas e as tres universidades, "supón que un ano máis" Galicia "supera a ratio aconsellada pola Unión Europea" para a cobertura da poboación infantil con prazas nestas escolas, "situándose nun 38% de cobertura, o que supón un punto máis que o ano pasado". Do total de prazas ofertadas, as xestionadas "directamente" pola Consellería son 9.739, indica a Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.