A Xunta culmina a renuncia a pechar o Consorcio de Benestar coa integración do seu persoal

Rey Varela e Martínez, este luns cos sindicatos de CIG, CC.OO. e UGT © Xunta

Viraxe culminada. Os anos de oposición e a campaña que hai oito anos levou a Alberto Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta contaba con varios emblemas. Un dos fundamentais, a caricaturización do Goberno de PSdeG e BNG como "sultáns", amigos do "luxo asiático" e do gasto en coches e mobles. Outro foi a cruzada do PPdeG contra o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, o órgano que xestiona servizos como escolas infantís e centros de maiores que, integrado pola Xunta e os concellos, os conservadores deran en cualificar como un ente para a "chantaxe" ao xeito da "mafia siciliana" -tres alcaldes do PP acabaran desmarcándose do cualificativo- que ademais era, en verbas de Alberto Núñez Feijóo, "pouco eficiente" por gastar "máis en burocracia que en atender aos maiores".

Nesta liña, en xullo de 2010 o Goberno de Feijóo iniciaba o cumprimento da súa promesa de campaña e aprobaba a disolución do Consorcio. O proceso estivo máis de media década conxelado ata que a Consellería de Política Social deu en desbotalo o pasado ano. Agora entérrao de vez coa integración do cadro do Consorcio, composto por unhas 1.800 persoas, no Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta. A integración será "voluntaria" para o persoal laboral fixo e "de oficio", para o temporal.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, e mais o de Facenda, Valeriano Martínez, sentaron este luns á mesma mesa que os sindicatos CIG, CC.OO. e UGT para pechar un conflito que é practicamente tan antigo como o propio Consorcio e que estivo na cerna de múltiplas mobilización do seu persoal ao berro de "convenio xa". Tras anos de bloqueo e prolongadas negociacións o pasado setembro chegaba un primeiro acordo que agora vén de ser ratificado por estes tres sindicatos -CSI-F e CUT non o secundan- e polos cinco comités de empresa do Consorcio.

O PP cargou con dureza contra o Consorcio e chegou a aprobar a súa disolución ao chegar á Xunta, pero nunca a culminou

Este pacto, con efectos dende o pasado 1 de xaneiro, adhire o persoal do Consorcio o convenio único da Xunta e polo tanto, sinala Política Social, "permite a equiparación salarial" deste persoal, incremento que será "progresivo" durante os vindeiros cinco anos. "Ademais -subliña o Goberno- o persoal do Consorcio pasará a ter a mesma xornada de traballo que o persoal adscrito ao convenio único" e "equipárase o réxime de permisos, licenzas e vacacións". O acordado tras un "esforzo" negociador, en verbas dos sindicatos, supón tamén que a Administración se "compromete a que nas ofertas de emprego" ata 2020 "se inclúa un mínimo do 20% das prazas cuxos postos de traballo estean no Consorcio".

O acordo "permite a equiparación salarial" do persoal do Consorcio e inclusión das prazas deste ente na OPE da Xunta

A apertura dun prazo extraordinario para a inscrición na lista de contratación temporal da Xunta como paso previo a cubrir as substitucións no Consorcio a partir dela é outro dos puntos máis destacables dun acordo que abre dúas vías para a integración do persoal. Para o persoal con postos "de características homologables" aos que xa existan na Xunta, "a adhesión realizarase nesta categoría". Se isto non sucede, "a incorporación realizarase nunha categoría de nova creación". 

Péchase así o intento de pechar o Consorcio despois de que a antiga Consellería de Benestar apostase, sen éxito, por facelo desaparecer e integrar os seus servizos na Axencia de Servizos Sociais. A finais de 2015, en plena sucesión de eleccións e no medio de múltiplas protestas dos concellos o conselleiro Rey Varela situaba á fronte do Consorcio a Perfecto Rodríguez, que viña de perder a alcaldía de Ponte Caldelas e que fora, precisamente, un dos rexedores que protestara contra o Consorcio durante a etapa do bipartito. Pouco despois, Xunta e Fegamp pactaban unha solución ao conflito e a Xunta anunciaba "unha nova etapa" do Consorcio como "instrumento de colaboración entre as administracións autonómica e local".

Asemblea na que o Consorcio aprobou a súa disolución, en xullo de 2010 © Ana Varela
Unha das mobilizacións do persoal do Consorcio a prol do convenio CC-BY-NC-SA CIG Ensino

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.