0 Gardados para despois

O Consorcio de Benestar perde 4 millóns mentres a Xunta ultima a súa disolución

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Foi un dos cabalos de batalla do PPdeG dende a oposición e, aínda que nun prazo sensiblemente máis dilatado que o inicialmente previsto, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, creado pola antiga Vicepresidencia da Xunta, encamíñase cara á súa disolución na futura Axencia de Servizos Sociais. Non obstante, os últimos compases do ente que aglutina ao Goberno galego e a case 300 concellos non están a ser de mero trámite. Ben ao contrario, nas últimas semanas o Consorcio comezou os trámites dunha das súas decisións máis controvertidas, a privatización de cinco escolas infantís. Ao tempo, estrea o que con toda probabilidade é o seu derradeiro orzamento, unhas contas que volven estar marcadas polos recortes, con catro millóns de euros menos.

A xestión privada de cinco Galiñas Azuis, as antigas galescolas, compromente fondos públicos ata 2014 -a externalización do servizo prevé estenderse ata o 31 de agosto dese ano- a través doutros tantos contratos en dous concellos gobernados polo PP, outros dous polo BNG e outro polo PSdeG. Así, o Consorcio prevé gastar ata 1,2 millóns en pór en mans privadas a xestión da escola infantil de Carballo, licitou por 910.782 euros a privatización da de Betanzos, fixo o propio en Pontevedra por 763.805 euros e reservou 566.807 para Coristanco, a mesma cantidade que para O Pino.

Máis custoso para os concellos e os usuarios, menos para a Xunta

Os montantes económicos para privatizar as escolas sairán en 2012 dun orzamento polo que pasou a tesoira, especialmente dende a banda da Xunta. Así, segundo as contas aprobadas o pasado decembro no Parlamento, as transferencias do Goberno galego ao Consorcio pasan de 39,8 millóns de euros en 2011 a 26,3 en 2012. Mentres que algunhas partidas soben levemente -por exemplo, increméntanse en 200.000 os fondos para "promoción social"-, outras directamente desaparecen, como a de 17,7 millóns que en 2011 transferiu a Consellería de Benestar para a "atención a persoas dependentes".

Benestar prevé recadar 1,8 millóns máis en taxas aos usuarios

Pero mentres a achega da Xunta diminúe, a achega dos seus socios no Consorcio, os concellos, incrementará notablemente. Do mesmo xeito, o orzamento da entidade prevé tamén unha importante subida na recadación de taxas e prezos públicos, isto é, do pagamento dos servizos sociais por parte dos cidadáns. Segundo o recollido nos Orzamentos Xerais para 2012, os concellos pasan de achegar 1,6 millóns en 2011 a inxectar 8,4 neste ano. Do mesmo xeito, estímase que a inxección económica en concepto de taxas e prezos públicos converta os 6,6 millóns do pasado ano en 8,4 en 2012.

Sen noticias da Axencia de Servizos Sociais

Aínda que nos propios Orzamentos Xerais o departamento que dirixe Beatriz Mato salienta que a xerencia do Consorcio está "facultada" dende o 2 de xullo de 2010 para realizar "todos aqueles trámites" necesarios para a "disolución" do Consorcio e a súa "integración" na futura Axencia Galega de Servizos Sociais", o xeito en que se realizará esta operación é a día de hoxe unha incógnita. Un ano e medio despois do anuncio da súa creación, fontes sindicais consultadas por Praza Pública aseguran que Benestar ten a posta en marcha da Axencia "practicamente paralizado", coa incerteza que isto supón para usuarios e traballadores, explican.

Con todo, as mesmas fontes prevén ser convocados a unha xuntanza no presente mes de febreiro para, en principio, coñecer detalles da Axencia. Nese encontro os representantes do persoal non só manifestarán a súa oposición á privatización de escolas infantís e á propia desaparición do Consorcio, senón que lembrarán ademais a necesidade, din, de que os traballadores do ente conten cun convenio colectivo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A Xunta prevé que na Axencia haxa só cinco representantes dos concellos

A creación da Axencia Galega de Servizos Sociais non é unha idea orixinal do Goberno do PPdeG. Ben ao contrario, a súa posta en marcha está xa prevista na Lei de Servizos Sociais, impulsada pola antiga Vicepresidencia do bipartito. Non obstante, a actual Consellería de Benestar mudou sensiblemente a natureza do novo órgano; mentres que a lei de PSdeG e BNG prevía que a Axencia coordinase toda unha engranaxe de recursos sociais na que o Consorcio sería unha peza máis, o departamento de Beatriz Mato xa dispuxo a disolución da entidade consorciada polo Executivo autonómico e os concellos.

Neste contexto, no momento en que se poña en marcha a Axencia reduciráse notablemente a participación da Administración local nos servizos sociais do Goberno galego. Fronte á participación dun membro de cada concello no Consorcio, o anteproxecto de estatutos da Axencia, ao que tivo acceso Praza Pública, prevé que no seu Consello Reitor senten só cinco representantes locais, elixidos dende a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Fronte a eles estarán ata dez directivos da Xunta polo que, nunha eventual votación, o Executivo imporía o seu criterio en calquera caso.

Pero non é este o único aspecto do anteproxecto que resulta significativo. Entre os preceptos recollidos nel inclúese, por exemplo, que para o nacemento da Axencia cómpre a aprobación no Parlamento dunha lei específica, algo que aínda non aconteceu e que a Xunta non manifestou ter previsto en ningún momento. Ademais, fronte á intención de aforro que si se ten explicitado dende San Caetano, o documento asegura que o novo ente asumirá a todo o persoal "que estea ocupando postos de traballo nos servizos que se integren" nel.

Do mesmo xeito o documento que, a priori, é a base das normas internas da futura Axencia de Servizos Sociais inclúe unha posibilidade xa prevista na Lei de Servizos Sociais que deixa un abano significativamente amplo para dotala de recursos económicos. Segundo o anteproxecto, a nova entidade poderá incrementar o seu patrimonio "enaxenando" parte dos seus bens, isto é, vendéndoos.