Salario Mínimo: só 14 euros máis en 5 anos

Evolución do SMI e o IPREM Dominio Público Praza Pública

O Goberno anunciou este martes un incremento do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) do 1% para o ano 2016. Isto significa que o SMI subirá o vindeiro ano 6,6 euros, pasando de 648,60 euros mensuais a 655,20 (en 14 pagas), ou de 757 a 764, prorrateándoo en 12 pagas. Este mínimo aumento é o maior dende 2011. De feito, nese ano o SMI situábase en 641,40 euros e en 2016 será apenas 14 euros superior. Entre o 2005 e o 2010 o salario mínimo crecera dende os 513 ata os 633 euros mensuais.

En 2016 seguirá conxelado, por quinto ano consecutivo, o Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples (IPREM), empregado como referencia para a concesión de múltiples axudas sociais

O que seguirá conxelado o vindeiro ano será o Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples (IPREM), empregado como referencia para a concesión de múltiples axudas sociais. O IPREM está situado nos 532,51 euros, a mesma cantidade que en 2011.

O limitado incremento do salario mínimo foi inmediatamente criticado polas centrais sindicais, que o consideran "insuficiente" e lembran que dende o ano 2010 o SMI subiu 4,1 puntos menos que o IPC, provocando unha perda de poder adquisitivo. UGT e CC.OO. asinaran coa patronal unha recomendación de suba para os salarios en 2016 dun 1,5%. A CEOE, pola súa banda, considera axeitada a suba do 1% decidida polo Goberno.

Os sindicatos subliñan a importancia que este indicador ten para determinar a evolución salarial de cada vez máis traballadores e traballadoras, pola desaparición nos últimos anos de moitos convenios colectivos

Os sindicatos subliñan igualmente a importancia que este indicador ten para determinar a evolución salarial de cada vez máis traballadores e traballadoras, pola desaparición nos últimos anos de moitos convenios colectivos. Para os asalariados e asalariadas sen convenio colectivo, o SMI é a referencia mínima, que afecta igualmente aos modelos de contratación en formación e prácticas.

A CIG sinala ademais que "por efecto da reforma laboral, os convenios de empresa poden hoxe ser inferiores en salarios aos convenios de sector, coa única limitación do SMI; polo que este indicador é especialmente relevante nos sectores do mundo do traballo máis precarios, nos que existe máis fraude na contratación e na xornada laboral". 

O 31% das persoas con emprego cobra menos de 650 euros

O sindicato reclama, seguindo as recomendacións da Carta Social Europea, que o salario mínimo en España se eleve ata os 940 euros mensuais, o que representaría o 60% do salario medio. 

Cómpre ter en conta, ademais, que o 31% das persoas con emprego cobra menos de 650 euros, un fenómeno de traballadores e traballadoras pobres que se foi incrementando ao longo da crise (en 2009 eran o 27%). A gravidade disto é maior, observando que o 18,4% das persoas con emprego ingresan menos da metade do salario mínimo (324,3 euros ao mes), mentres que hai cinco anos eran o 14,5%.

A CIG reclama, seguindo as recomendacións da Carta Social Europea, que o salario mínimo en España se eleve ata os 940 euros mensuais, o que representaría o 60% do salario medio

Cal é o salario mínimo nos países da nosa contorna? Segundo os datos de Eurostat, que emprega o indicador do SMI prorrateado en 12 pagas, os 757 euros que correspondían a España en 2015 (764 en 2016) quedan moi lonxe dos 1.458 de Francia, os 1.508 de Holanda, os 1.510 do Reino Unido (1.510), os 1.502 de Bélxica, os 1.473 de Alemaña ou os 1.462 de Irlanda. España está tamén por debaixo de Eslovania (791) e supera por pouco a Grecia (684). Si que en 2015 había unha diferenza maior con Portugal (589). Iso si, o pacto de esquerdas no país luso decidiu para 2016 unha suba do 5% do SMI, que se situará nos 618 euros mensuais.

Evolución do SMI e o IPREM Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.