0 Gardados para despois

A intensa suba de prezos en Galicia bate nos servizos básicos polo auxe do sector enerxético

Redacción | @prazapublica

Unha suba de prezos que está a bater marcas en Galicia. O Índice de Prezos de Consumo (IPC) elevou a súa taxa interanual ao 3,2% ao pechar o mes de xaneiro, o maior incremento en máis de tres anos e por riba da media estatal (3%), con subas que non se acadaban desde o outono de 2012. Tan só Castilla-La Mancha e Castilla y León superan un aumento con respecto ao mesmo período do ano anterior que vén marcado pola alza na enerxía e nos carburantes. As estatísticas confirman o importante encarecemento da luz e da gasolina no primeiro mes do ano, influído tamén pola evolución do petróleo e os efectos do inusual clima.

O IPC elevou a súa taxa interanual ao 3,2% en xaneiro, o maior incremento en máis de tres anos e por riba da media estatal 

Galicia quedou como unha das autonomías cun maior incremento nesta taxa interanual, con 1,6 puntos máis que no mes de decembro. Todo, malia que os prezos caeron un 0,7% respecto a último mes de 2016 grazas ao efecto do inicio das rebaixas e o descenso do IPC nun 16% no vestido e no calzado. 

Pero con respecto a hai un ano, a suba de prezos cébase nos servizos básicos e esenciais para unha poboación que volve ver como os salarios, xa baixos e aminorados desde o inicio da crise, perden aínda máis poder adquisitivo. Así, en termos de inflación interanual, os grupos con maior incremento son os que teñen que ver coa vivenda (incluíndo auga, electricidade, gas e outros combustibles), cunha suba do 8,6% e máis de un punto superior á media estatal; e co transporte (+7,6%). De debullar máis os datos, o maior incremento dase -con diferenza- na calefacción, alumeado e distribución de auga (+16,8%), afectado polo auxe enerxético en pleno inverno, pero tamén foron importantes os incrementos no transporte persoal (+7,8%).

A suba de prezos cébase nos servizos básicos e esenciais relacionados coa enerxía e os carburantes

Os datos en Galicia non deixan lugar a dúbidas: o importante aumento do IPC interanual baséase en dous factores: a electricidade e as gasolinas. De feito, de ter en conta os resultados por subgrupos, os produtos enerxéticos (+17,6%) ou os carburantes e combustibles (+14,4%) lideran tamén a suba do IPC con respecto a xaneiro de 2016. 

A calefacción e alumeado, os carburantes e o transporte son os grupos nos que máis se incrementan os prezos

Ademais, os prezos soben en todos os grupos agás no dos mobles e artigos do fogar, onde descenden lixeiramente. Excepto en ocio e cultura, onde o pequeno aumento é algo inferior á media estatal, o IPC galego increméntase dun xeito superior ao do conxunto do Estado en todos os ámbitos. Tamén na Sanidade (1,3 fronte a 0,7) ou no Ensino (1,6 fronte ao 1). 

Na alimentación, tamén destacan algúns produtos que elevaron moi considerablemente os seus prezos con respecto a hai un ano, como as legumes e hortalizas frescas (+9,9%) ou as patacas (+14,5%). 

Alén disto, hai que ter en conta a nova base 2016 coa que se elaborou o IPC de xaneiro e que, por primeira vez, inclúe produtos como os servizos en liña de vídeo e música, os xogos de azar ou o café monodose en cápsulas, mentres que elimina outros que está a reducir o seu peso entre os consumidores como o brandy, o DVD gravable ou as vídeocámaras. Así, a cesta da compra sobre a que se basea a estatística pasou de 489 a 479 artigos. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.