O BNG acusa o PP de "instigar a violencia" contra as alcaldías do Morrazo pola suba do lixo

Colectores do lixo nunha rúa de Bueu © Concello de Bueu

A nova ordenanza do lixo da Mancomunidade que agrupa a Cangas, Moaña e Bueu sobe as tarifas para paliar un déficit de 2 millóns anuai, adaptarse á norma estatal e encaixar os incrementos de Sogama

A Mancomunidade do Morrazo, conformada polos concellos de Cangas, Moaña e Bueu, aprobou este 13 de outubro en asemblea a súa nova ordenanza de recollida do lixo. A nova normativa inclúe unha relevante suba de tarifas, de algo menos de 70 euros anuais a 126. O incremento, vén argumentando o goberno da mancomunidade (BNG, PSdeG e EU), responde á necesidade de paliar o déficit anual de 2 millóns que arrastra o servizo, con tarifas conxeladas dende 2008. Asemade, resaltan, as familias con menos recursos pagarán "un máximo de 10,50 euros ao mes", 17 no caso do "pequeno comercio".

A vixente lei estatal de residuos e solos contaminados para unha economía circular establece que os concellos deben reflectir nestas tarifas o custo real do servizo. Ademais, no caso galego, gobernos municipais e entidades como a Mancomunidade deben asumir o incremento das tarifas de Sogama tamén ligadas á mesma lexislación, que penaliza a incineración de refugallos no que basea en gran medida a súa xestión a empresa semipública (está participada pola Xunta ao 51% e Naturgy ostenta o 49% restante).

Chamamento do BNG nas redes sociais a que o PP condene os disturbios

A suba do recibo do lixo veu dando lugar a diversas protestas nos últimos meses na comarca morracense. Impulsáronas colectivos de hostaleiros e comerciantes -que, por exemplo, reclamaban á Mancomunidade endebedarse para evitar a suba directa- e tamén o PP da contorna. Esas protestas subiron de intensidade este pasado luns, cando o goberno da mancomunidade acabou tendo que ser escoltada pola Garda Civil mentres unha multitude cercaba a casa do Concello de Cangas e guindaba pedras, entre outras accións, informa Faro de Vigo.

"Un grupo minoritario de manifestantes arengados por edís do PP, converteron unha protesta lexítima nun ataque violento", afirma o Bloque, que esixe a Rueda unha "condena" explícita" do acontecido

O BNG, formación que ostenta as alcaldías nos tres concellos, amósase convencido de que a "violencia" contra "os cargos públicos electos nos concellos de Moaña, Cangas e Bueu", incluíndo as alcaldesas e alcalde (Leticia Santos, Araceli Gestido e Félix Juncal) foi "instigada dende as filas populares". "Un grupo minoritario de manifestantes, arengados por concelleiros e concelleiras do PP, converteron unha protesta lexítima nun ataque violento", manteñen.

Foi o PP, manteñen, o que "encrespou os ánimos da veciñanza". Porque, sinala o Bloque, é "absolutamente lexítimo que a cidadanía proteste para mostrar a súa discrepancia con decisións dos seus gobernos municipais" pero "en ningún caso está xustificado o uso da violencia, como a exercida por un grupo minoritario de persoas, entre elas concelleiros e concelleiras do PP". "Cargos elixidos democraticamente nas urnas foron apedrados e insultados e soportaron unha situación de secuestro na que tiveron que ser escoltados e protexidos polas forzas de seguridade", relatan.

Punto informativo da Mancomunidade do Morrazo sobre a recollida selectiva de refugallos © Mancomunidade do Morrazo

É por isto que a dirección do Bloque reclama unha "condena expresa por parte do presidente da Xunta para non ser cómplice dun comportamento violento e antidemocrático". "O PP -censuran- tenta desestabilizar gobernos do BNG elixidos nas urnas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.