A Xunta gasta 8.000 euros nunha reportaxe pagada para culpar a PSOE e BNG da suba do recibo do lixo

Alfonso Rueda e a conselleira Ángeles Vázquez, nun acto na sede central de Sogama (Cerceda) e recorte da reportaxe paga pola Xunta CC-BY-SA Praza.gal

A conselleira de Medio Ambiente afonda na súa axenda política encargando un texto xa non de propaganda da actividade propia senón de crítica a "Moncloa" polo "basurazo de Sánchez" e o seu efecto "no peto dos españois"

É habitual que a Xunta, entre outras administracións, non só contrate publicidade institucional das súas actuacións senón tamén publirreportaxes ou textos propagandísticos con aspecto de noticia. Pero agora a Consellería de Medio Ambiente vén de dar un paso máis coa contratación dunha reportaxe pagada na edición en papel do xornal El Mundo por 8.000 euros que non só gaba as súas actuacións senón que carga directamente contra o Goberno de España, PSOE e BNG

Faino atribuíndolles a suba do recibo do lixo que están a aprobar diversos concellos. O texto cualifícaa como "basurazo de Sánchez" con efecto "no peto dos españois".

Reportaxe paga pola Xunta na edición impresa do xornal 'El Mundo' deste 27 de decembro de 2024 © El Mundo

O pasado verán Sogama, a empresa da Xunta (51%) e Naturgy (49%) que xestiona o lixo da maioría dos concellos galegos, decidía subir o seu canon atribuíndo a decisión a varias medidas do Goberno de España. Un aumento que diversos concellos xa están a repercutir nos recibos á cidadanía. Entre outros motivos, a empresa atribuía a suba dos seus custos á Lei de residuos e solos contaminados para unha economía circular aprobada por unha ampla maioría no Congreso e que entre outras medidas grava a incineración do lixo ou o seu envío a vertedoiros. Precisamente o modelo polo que aposta a Xunta.

Tras as críticas está a lei estatal, que para fomentar a reciclaxe grava a incineración do lixo ou o seu envío a vertedoiros, o modelo polo que aposta a Xunta e que unha directiva da UE obriga a penalizar. O texto mestura, asemade, a suba do canon de Sogama coas novas taxas municipais

O obxectivo da lei é fomentar a reciclaxe, na liña dunha directiva europea de 2018. Pero como a UE non indica expresamente a penalización da incineración ou os vertedoiros deba aplicarse por esa vía tributaria concreta -estipula esa penalización como obrigatoria, pero con varias posibilidades-, o PP acusa o Goberno de España de optar por facelo cun imposto para así prexudicar a cidadanía, obxectivo último de Sánchez segundo os argumentarios populares, que ademais mesturan a repercusión da suba do canon de Sogama coa nova taxa municipal que os concellos deben aplicar sobre os refugallos.

E iso é o que fai agora a Xunta coa páxina de propaganda publicada en El Mundo este venres co títular "Galicia arrima o ombro cos concellos fronte ao 'basurazo' de Sánchez". No lugar habitualmente empregado para a sinatura dos textos xornalísticos aparece "ofrecido por Xunta de Galicia", e no seu contido dinse cousas como que "tamén aquí Pedro Sánchez viu unha oportunidade recadadora" cun "golpe fiscal" que "tanto PSOE como BNG están tentando xustificar" pasando a responsabilidade a Sogama. Porén, a páxina publicada por El Mundo atribúe a orixe da decisión "en Moncloa" e pon o foco no seu efecto "no peto dos españois".

Segundo a web de contratos públicos da Xunta, a Consellería de Medio Ambiente pagou 8.000 euros a Unidad Editorial, empresa editora de El Mundo, pola publicación deste artigo. Unha decisión que afonda na axenda política da conselleira, Ángeles Vázquez, co foco centrado en perseguir ocupas, apoiar ás patronais, fomentar a caza, en particular do lobo, e mesmo criticar decisións xudiciais.

Por outra banda, tampouco é a primeira vez que o Goberno galego emprega cartos públicos para facer propaganda explícita, e non só publicidade institucional, coas súas propias visións políticas. En 2017, por exemplo, pagou 77.000 euros a varios xornais para publicar unha declaración de Feijóo que culpaba dos incendios forestais a un suposto "terrorismo incendiario" que nunca apareceu.

 Hai só un ano foron 35.000 euros para facer o mesmo cunha suposta declaración institucional no Día da Constitución. Naquel caso reproducía o argumentario do PP contra a amnistía en Catalunya.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.