Un mínimo de 77.000 euros é o que gastou a Xunta en publicar nunha ducia de xornais impresos, a páxina completa, a declaración que o presidente, Alberto Núñez Feijóo, realizou o pasado luns día 16, en plena vaga de incendios, culpando dos mesmos a un suposto “terrorismo incendiario” do que non hai probas. Iso é o que reflicten unha serie de contratos a dedo publicados este xoves na páxina web de contratación da Xunta, da que serán borrados nunha semana en aplicación do protocolo de transparencia do Goberno galego.
O Goberno galego fixo unha ducia de contratos de ata 17.000 euros para culpar dos incendios a un suposto "terrorismo incendiario" do que a Fiscalía salienta que non hai probas
Os publicados este xoves pola Xunta son 12 contratos con outras tantas empresas editoras de xornais impresos e outro a maiores cunha empresa de comunicación para a “maquetación e deseño” do anuncio por 2.180 euros. Canto aos contratos cos xornais, os de maior importe son cos diarios de ámbito estatal xa que o anunciou foi publicado nas súas edicións xerais para toda España. O maior é con El País por 17.000 euros, seguido polo ABC con 11.906,40 euros, La Voz de Galicia con 9.500 euros, El Mundo con 8.349 euros e La Razón con 8.000 euros. A lista complétana Faro de Vigo (6.040 euros), La Región (3.720), El Progreso (3.500 euros), El Correo Gallego (2.120 euros), El Diario de Pontevedra (1.880 euros), El Ideal Gallego (1.880 euros) e La Opinión de A Coruña (1.360 euros).
A Xunta pagou a publicidade coa modalidade de contrato menor, que permite adxudicalos a dedo e que só poden consultarse durante unha semana antes de que o Goberno galego os borre da súa web
Todos estes contratos realizounos o Goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Medios, dependente da Presidencia da Xunta, coa modalidade de contrato menor, que permite que por eses importes poidan ser adxudicados libremente a dedo. Eses contratos só son publicados polo Goberno galego na súa web durante unha semana e logo bórraos, sen que exista a posibilidade, como si ocorre co resto de adxudicacións, de descargar unha copia dos mesmos.
A publicidade a páxina completa consistiu na reprodución íntegra do que se denominou como “Declaración institucional da Xunta de Galicia” que o presidente Feijóo lera un día antes tras unha xuntanza extraordinaria do Consello da Xunta sobre a vaga de incendios. O texto resumíase en tres ideas: “Galicia coas vítimas”, “Galicia contra o terrorismo incendiario” e “Galicia cos equipos de extinción”. Nel insistíase na idea do “ataque” a Galicia por parte dun suposto “terrorismo incendiario” que nin as forzas de seguridade nin a xustiza foi quen nunca de demostrar, nin nas últimas décadas, como salientou a Fiscalía, nin polo momento tras a última vaga de incendios.
O gasto destes máis de 77.000 euros en facer propaganda da opinión do Goberno galego sobre os incendios forestais prodúcese malia a denuncia que fixeron os axentes forestais de que a Xunta lles dixo que reducía o dispositivo de loita contra o lume “por razóns orzamentarias”. Non é primeira ocasión que o actual Goberno galego realiza unha inserción publicitaria coma esta. Xa o fixera, por exemplo, para difundir un manifesto contra o soberanismo catalán cun formato semellante en xuño de 2016.