Así xustifica a Xunta a súa campaña na prensa contra a independencia de Catalunya

Anuncio inserido pola Xunta en varios diarios impresos contra a independencia catalá en 2015 CC-BY-SA Praza Pública

O pasado 27 de outubro, un mes despois das eleccións catalás, Junts pel Sí e CUP acordaban unha declaración a prol da independencia, que o Parlament aprobaría nos primeiros días de novembro. Dous días despois daquel acordo entre as formacións catalás o Consello da Xunta abordaba un texto contra o impulsado en Catalunya, que o propio presidente proclamou ao remate da xuntanza. A declaración de JxSi e CUP era un "desafío" ao Estado das Autonomías e "un intento fraudulento de liquidalo", afirmaba. Ao día seguinte, o 30 de outubro, o Goberno galego publicaba en espazos publicitarios de varios xornais impresos a súa declaración e agora vén de xustificar aquela campaña ante o Parlamento, pero sen revelar o seu custo.

Apenas vinte e catro horas despois da inserción dos anuncios na prensa, a deputada do BNG Tereixa Paz rexistrou unha pregunta na Cámara para instar o Goberno a ofrecer "algún argumento ou dato que xustifique o carácter institucional da campaña", que "máis ben" lle semellaba "unha campaña política do PP", toda vez que "o único que reflicte é a posición" deste partido. "Non cre que esta campaña debería pagarse con cargo aos orzamentos do PP e non con cargo aos da Xunta?", cuestionaba.

Aínda que a pregunta foi formulada xusto tras a publicación da campaña a resposta do Goberno non chegou ao Parlamento ata o día 3 deste mes, máis de medio ano despois. A publicación do anuncio, di a resposta remitida dende a Secretaría Xeral de Medios, foi acordada naquela xuntanza do Consello para o "seu coñecemento por parte da cidadanía de Galicia" e "cumpre co establecido" na lei de publicidade institucional do Estado -Galicia non ten lei de seu malia ser prometida polos tres últimos gobernos-, segundo a cal "só se poderán promover campañas institucionais cando teñan -entre outros obxectivos- o da difusión e coñecemento dos valores e principios constitucionais", así como cando concorran "razóns de interese público e no exercicio de competencias propias".

O Goberno galego xustifica a campaña no que considera "un desafío e mesmo un ataque" pola "deslealdade daqueles que pretenden botar por terra o esforzo colectivo de todo un país"

O razoamento que ofrece o Goberno galego para encaixar "claramente" esta campaña nos supostos recollidos na lei é que o pacto dos partidos cataláns "se considera un desafío e mesmo un ataque non só ao Estado, senón tamén a todas e cada unha das autonomías que conforman España". O acordo daquela declaración, actualmente aínda sen efectos prácticos, deu lugar segundo a Xunta a unha "situación inaudita e excepcional na historai da democracia" provocada por "determinadas formacións políticas que pretenden ignorar e, polo tanto, vulnerar a Constitución e os Estatutos de Autonomía".

Estes motivos políticos son os que provocaron, conclúe o texto, que o Goberno galego "considerase unha obriga institucional posicionarse e amosar o seu rexeitamento á irresponsabilidade e deslealdade daqueles que pretenden botar por terra o esforzo colectivo de todo un país que, con diferentes identidades e sentimentos, vive en plena paz, unión e harmonía". A Secretaría Xeral non informa, no entanto, o orzamento da campaña, polo que a pregunta do BNG non cuestionaba explicitamente. A declaración institucional do Consello da Xunta continúa actualmente pendurado na web do Executivo.

Anuncio inserido pola Xunta en varios diarios impresos CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.