A conselleira de Medio Ambiente sinala o TSXG pola "marea de suspensións" eólicas ante empresariado do sector

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, inaugurando o foro sobre o sector eólico organizado pola Xunta, o pasado 8 de novembro no salón de actos da Consellería de Sanidade (Santiago) CC-BY-SA Xoán Crespo / Xunta

Xunta e PP veñen incrementando a presión sobre a sala de cinco membros do TSXG que leva suspendidos algo máis de 60 parques eólicos e atribuíndo as decisións a un dos maxistrados, Luís Villares, polo seu pasado político

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia leva suspendidos cautelarmente algo máis de 60 parques eólicos en 76 concellos atendendo recursos de organizacións ecoloxistas e, nun caso, dun concello gobernado polo PP. Faino considerando a posibilidade de que o eventual dano ambiental que poidan causar sexa irreparable se unha sentenza firme acaba determinando que a Xunta non os tramitou correctamente.

Estas suspensións veñen sendo adoptadas pola sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do alto tribunal galego, que preside o maxistrado Francisco Javier Cambón e conforman tamén as maxistradas María Dolores López e María de los Ángeles Graña e os maxistrados Juan Carlos Fernández e Luís Villares. O Goberno galego e o PP veñen cargando publicamente contra esta sala por estas suspensións poñendo o foco no pasado dun dos seus membros como candidato e voceiro da desaparecida En Marea, atribuíndo a Villares decisións que dependen da Sala no seu conxunto.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, referíndose ao maxistrado Villares e ás paralizacións cautelares de eólicos, durante o foro sobre o sector organizado pola Xunta o pasado 8 de novembro en Santiago CC BY-NC-SA Praza.gal

Estes ataques, que mesmo deron lugar unha queixa formal do TSXG e a respostas dos maxistrados a través dos seus autos -"non é moi equitativo culparnos" pola demora de parques que acumulan unha década de trámites admnistrativos, din-, subiron de ton nos últimos días. Ao contrario que noutras ocasións, non foi a través das redes sociais ou nun tirapuxa parlamentario, senón nun acto oficial organizado polo Goberno galego e durante un discurso formal da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

Nun "foro técnico" sobre o eólico organizado pola Xunta, Ángeles Vázquez volve poñer o foco en Villares e "lamenta" que "declinase" o seu "convite" persoal para intervir no evento malia que implicaría abordar en público asuntos competencia da Sala do TSXG da que fai parte

O pasado 8 de novembro a Xunta organizou en Santiago un "foro técnico" baixo o título Reflexións sobre a situación do sector eólico en Galicia. O evento, ao que foron convidados membros do empresariado do sector, dirixentes de concellos e diversos representantes institucionais, incluíu relatorios do presidente da Asociación Eólica Europea, ou do responsable da entidade empresarial WindEurope, unha mesa de debate con dous catredráticos de dereito e un letrado da Xunta ou unha intervención por videoconferencia de Paula Rey, xefa adxunta da unidade de renovables da Dirección Xeral e Enerxía da Comisión Europea. 

Antes desas intervencións foi a quenda de Vázquez que, como divulgou a Xunta posteriormente, centrou o seu discurso en lamentar as devanditas paralizacións e subliñar que "recoñecidos expertos xuristas avalaron a tramitación ambiental levada a cabo polo Goberno galego dos proxectos eólicos", polo que cómpre "resolver a parálise". Pero tamén sinalou directamente o TSXG e especificamente a Villares, un sinalamento que, segundo fontes consultadas por Praza.gal, sorprendeu e mesmo incomodou a parte dos presentes.

"Teño que lamentar, porque quería ser máis ambiciosa e persoalmente convidei o maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao señor Luís Villares", expuxo a conselleira de Medio Ambiente. "Amablemente declinou estar no día de hoxe connosco", engadiu dando lugar a risas nuns sectores do auditorio, mais tamén a certa incomodidade noutros, que posteriormente evidenciaron a imposibilidade de que Villares, como calquera outro maxistrado, se pronuncie nunha intervención pública sobre asuntos que debe abordar como maxistrado membros dun tribunal mentres están en curso.

"Temos unha grande inseguridade xurídica motivada por esa avalancha, por esa marea de suspensións (...) e a decisión de pospoñer o ditado de sentenzas que está bloqueando o sector eólico"

"Temos -continuou Vázquez- unha grande inseguridade xurídica que palpamos en todos nós, que se palpa en Galicia" e que, acusa, vén "motivada por esa avalancha, esa marea de suspensións de autorizacións" e polo que considera unha "decisión de pospoñer o ditado de sentenzas" que "está bloqueando o desenvolvemento do sector eólico do noso país". Galicia, lamentou a conselleira, está en "alerta" porque "eramos os primeiros" en enerxía eólica e "pasamos a ser os cuartos" por unha situación que é "totalmente allea aos nosos recursos, aos promotores" e tamén "á Administración", dixo, obviando paralizacións eólicas previas froito de decisións políticas do Goberno galego.

Na mesma intervención, a conselleira puxo a súa esperanza e que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea "se pronuncie o antes posible" sobre a pregunta elevada polo tribunal galego sobre se a lexislación estatal e galega nesta materia é correcta, pero tamén sobre se o Tribunal Supremo actuou conforme á norma comunitaria ao rexeitar, o pasado decembro, algúns dos argumentos empregados polo TSXG para anular parques eólicos. "Temos que desbloquear si ou si" e por parte da Xunta, asegura, "xa non podemos ser máis pulcros".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.